Wikipedia:Non sabote a Wikipedia para apoiar o seu punto de vista

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Atallos:
WP:S
WP:NSW

Sinale as súas opinións[editar | editar a fonte]

Ás veces, os wikipedistas ven os seus niveis de tensión aumentar porque determinados temas, que para eles son particularmente importantes, se tratan cunha perspectiva coa que eles desacordan. O que deciden é tentar demostrar o erro, e para iso moitas veces acoden a exemplos doutros artigos onde aparentemente se tomou unha decisión distinta.

Nestes casos, é bastante tentador usar a parodia ou experimentos de enxeñería social para conseguir levar a auga ao muíño. Estas actividades, como provocar votacións sobre exemplos xa demostrados noutros puntos, ou promover conflitos en paralelo a decisións xa tomadas, considéranse que rompen a edición. En xeral, estas técnicas son bastante pouco enciclopédicas, e dan lugar a debates onde non se presupón boa fe, onde o ambiente se tensa e de onde non se tiran máis ca aldraxes. Como norma xeral, as opinións deben expresarse con normalidade, directamente, sen ironía nin chiscadelas. As opinións directas e declarativas son a mellor forma de conseguir respecto, acordos e consenso.

Tipos específicos de acción sabotadora[editar | editar a fonte]

Xogar co sistema[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Wikipedia:Xogar co sistema.

Xogar co sistema é usar as normas e políticas da Wikipedia con malicia, para trampear á mantenta os obxectivos da Wikipedia e o proceso de edición comunal. Xogar co sistema é subversivo, e en moitos casos, unha forma de romper a edición. Adoito contén un uso impropio dunha norma, ou toma o texto da propia norma para ir en contra dela, co fin de rachar os procesos de edición, de solicitar apoio ara un punto de vista que claramente vai contra desas normas ou para atacar unha actuación que se fixera dentro desas pautas.

Entre os exemplos de xogar co sistema atópanse entre outros:

  1. Wikipreitear
  2. Arrebolarse normas
  3. Empregar o texto dunha norma para violar o seu espírito
  4. Cualificar as accións doutros editores con malicia, para que parezan irrazoables ou desaxeitadas
  5. Escoller selectivamente algunhas palabras dunha norma, ou só unha norma, esquecendo as outras (por exemplo, reclamar a aplicación da Verificabilidade e ignorar á mantenta o punto de vista neutral.
  6. Impoñer os propios estándares e non os da comunidade
  7. Crear falsos consensos
  8. Enredar unha discusión ou pechala en falso para evitar unha derrota dos posicionamentos propios
  9. Andar polo gume da norma, bordeando o seu cumprimento e conseguindo fins contrarios á norma sen violala literalmente
  10. Abuso do procedemento

Non querer chegar a acordos[editar | editar a fonte]

Ás veces, algúns editores eternizan disputas retomando os mesmos argumentos tempo despois de que fosen desacreditados, reitéranos sen fin, rexeitan completamente as propostas dos demais ou a posibilidade de estaren errados. A miúdo estes editores, que actúan de mala fe, utilizan precisamente estes debates inconclusos para apoiaren outras discusións semellantes noutros puntos da wikipedia.

A wikipedia baséase no traballo en colaboración, na boa fe e no consenso. Cando unha argumentación cruza o limiar do razoable, e parece claro que hai un rexeitamento claro a atopar un acordo a pesar do que marcan as normas e de que se presentaron abondas opinións experimentadas de editores e administradores independentes, proseguir o debate sexa como for é un modelo de práctica que sabota a wikipedia co fin de que un punto de vista sexa apoiado.

Enganar[editar | editar a fonte]

As prácticas consistentes en incluír á mantenta información falsa na Galipedia para ver canto tempo tarda a comunidade en detectar o erro e en amañalo son claramente sabotadoras.

Exemplos[editar | editar a fonte]

  • Se alguén suxire que a wikipedia debería converterse nun sistema democrático onde todas as decisións se votasen por maioría
    • advirta de que é posible que os wikipedistas creen monicreques e que desvirtúen o voto
    • non cree sete monicreques para demostrar que se pode desvirtuar o voto (e aínda menos os uses).
  • Se alguén crea un artigo sobre algo que vostede considera irrelevante e a comunidade non apoia os seus criterios no debate sobre o borrado
    • explíquese mellor e poña exemplos de artigos igual de irrelevantes que se poderían crear se se seguise ese criterio.
    • non cree un artigo completamente irrelevante para promover o seu borrado
  • Se alguén inclúe un dos seus artigos favoritos na listaxe de artigos para borrar e di que é irrelevante, e vostede cre que hai centos de artigos máis irrelevantes...
    • explique por que debe manterse
    • non propoña para borrar centos de artigos tentando así evitar que se borre o seu
  • Se un artigo que vostede propuxo para borrar non se borrou
    • cavile se a súa proposta estaba xustificada
    • non propoña o artigo, para facer mofa, como artigo destacado do mes
  • Se alguén borra información sobre unha persoa que vostede cre importante no marco dun artigo, argumentando que é irrelevante
    • debátao na páxina de conversa do artigo
    • non borre todas as informacións sobre as demais persoas que hai no artigo, sinalando que son irrelevantes.
  • Se desexa mudar algunha norma ou procedemento existente
    • abra un debate na páxina de conversa e tenta conseguir un consenso.
    • non leve a norma existente ata os seus límites, co fin de demostrar que está errada, e non propoña a norma actual para o seu borrado.
  • Se lle parece mal que alguén fixese unha mudanza sen respectar o procedemento
    • pescude por que actuou así e convénzao de que hai que actuar conforme as normas
    • non reverta a mudanza se o achegado é positivo.
  • Se vostede cre que alguén, sen razón, borrou informacións incluídas por vostede por non estar ben referenciadas
    • atope unha fonte para as súas achegas
    • non retire todas as informacións non referenciadas do artigo
  • Se considera que esta lista de exemplos é excesiva e aborrecedora
    • propoña que se borren a metade argumentando que abondan para a comprensión da norma
    • non engada 42 exemplos máis para demostrar que é excesiva.

Sanción[editar | editar a fonte]

Sabotar a wikipedia, do xeito que for, é unha actuación bloqueable por calquera administrador, con sancións de ata un mes en caso de ofensas repetidas que causaron moito dano.