Wikipedia:Sobre Galicia/outubro 2020

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

The Waylanders é un videoxogo de rol desenvolvido pola empresa coruñesa Gato Studio e estreado para Microsoft Windows en 2020. Baseado nas lendas galegas e na mitoloxía celta, a acción do xogo está ambientada en dous momentos temporais: o período celta e a Idade Media, nos inicios do Camiño de Santiago, e será posible que o personaxe principal viaxe no tempo entre os dous períodos. O xogador poderá tomar o rol dun guerreiro, un gardián, un pícaro, un explorador, un feiticeiro ou un sanador, podendo escoller entre catro formas ou razas, humano, moure, semi-fomore e licántropo. Ademais de escoller a clase e a raza do personaxe, os xogadores poden marcar a súa orixe, elixindo entre: soldado celta, druída celta, exipcio, diplomático moure, protector moure, mercenario sabuxo de Ares, lobo alfa e escravo. Ó longo do xogo, o xogador encontrará varios compañeiros, que terán un papel importante no argumento e no modo de xogo.

O xogo está inspirado en Baldur's Gate e Dragon Age: Origins, e estará dispoñible en varias linguas, entre elas o inglés, o galego (que conta co apoio da Deputación da Coruña), o castelán, o alemán, o ruso, o francés e o chinés simplificado.