Wikipedia:Sobre Galicia/marzo 2013

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A literatura galego-portuguesa medieval é aquela escrita en galego-portugués en diversas zonas da Península Ibérica entre os séculos XII e XV. Esta inclúe lírica sacra e profana e diferentes tipos de prosa.

Entre os séculos XII e XIV floreceu no occidente da Península Ibérica un movemento poético en lingua galego-portuguesa. Esta era a única poesía escrita en lingua romance nos reinos de Galiza (antes e despois da independencia de Portugal), León e Castela. Esta literatura estaba escrita nunha forma altamente elaborada de galego-portugués, independentemente da orixe do autor. Pola contra, a prosa medieval galego-portuguesa, máis ben escasa, consta fundamentalmente de traducións de obras escritas noutras linguas feitas para seren lidas na Galiza. Porén, a partir de finais século XV, as circunstancias sociolingüísticas derivadas das consecuencias sociopolíticas da época propiciarán a "independencia" da lingua portuguesa con respecto á galega e a división do sistema literario galego-portugués, dando paso aos Séculos Escuros na Galiza e ao nacemento da literatura portuguesa.