Wikipedia:Artigo destacado/maio 2010

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Un hórreo é unha construción destinada a gardar e conservar os alimentos afastados da humidade e dos animais para mantelos nun estado óptimo para o seu consumo. Caracterízase por manterse sobreelevado sobre pés para evitar a entrada de humidade e animais dende o chan e por permitir a ventilación a través de rañuras nas paredes perimétricas.
O antropólogo polaco Eugeniusz Frankowsky, en 1918, rexistra o uso de celeiros aéreos na Península Ibérica, rexión dos Alpes, península escandinava, área dos Balcáns, África subsahariana, Persia, sueste asiático, Xapón, península de Kamchatka e área do estreito de Bering, empregados para a conservación do cereal. A especificidade do hórreo como tipoloxía reside na súa ligazón co cultivo do millo e á súa maduración e secado en zonas de clima atlántico. O uso do hórreo está estendido por boa parte do norte da Península Ibérica, con especial abundancia na rexión costeira noroeste, en áreas nas que a pronta chegada dun inverno longo, frío e húmido obriga a facer colleitas temperás.