Wikipedia:Artigo destacado/abril 2019

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Robert Oppenheimer, nado o 22 de abril de 1904 en Nova York e finado o 18 de febreiro de 1967 en Princeton, Nova Jersey, foi un físico teórico estadounidense de orixe xudía e profesor de física na Universidade de California, Berkeley. É un dos chamados «pais da bomba atómica» pola súa destacada participación no Proxecto Manhattan, o proxecto que conseguiu desenvolver as primeiras armas nucleares da historia durante a Segunda Guerra Mundial. A primeira bomba nuclear foi detonada o 16 de xullo de 1945 na Proba Trinity en Novo México, Estados Unidos. Logo da guerra ocupou o cargo de asesor xefe na daquela recentemente creada Comisión da Enerxía Atómica dos Estados Unidos e utilizou a súa posición para avogar polo control internacional do poder nuclear, evitar a proliferación de armamento nuclear e frear a carreira armamentística entre Estados Unidos e a Unión Soviética.

O goberno retiroulle o seu pase de seguridade, perdendo o acceso aos documentos militares segredos do seu país, e perdeu a súa influencia política directa durante unha moi publicitada auditoría en 1954. Nove anos despois da auditoría, os presidentes John F. Kennedy e Lyndon B. Johnson concedéronlle e outorgáronlle respectivamente o Premio Enrico Fermi como un xesto de rehabilitación da súa figura pública. Oppenheimer conseguiu varios logros notables no campo da física, como por exemplo a aproximación de Born-Oppenheimer. Tamén traballou na teoría de electróns e positróns, o proceso de Oppenheimer-Phillips da fusión nuclear e na primeira predición sobre o efecto túnel. Xunto cos seus alumnos fixo importantes contribucións á teoría moderna sobre as estrelas de neutróns e os buratos negros, así como á mecánica cuántica, á teoría cuántica de campos e ás interaccións dos raios cósmicos.