Wallace Fard Muhammad

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Wallace Fard Muhammad, predicador e activista, nacido ao redor de 1891 e creador da organización relixiosa afroamericana Nación do Islam. En 1934 desaparece misteriosamente e o seu lugar pasa a ser ocupado por Elijah Muhammad. As súa orixes son controvertidas, segundo os arquivos do FBI Wallace Fard Muhammed sería en realidade Wallace Dodd Ford, nacido o 25 de febreiro de 1891, dunha familia cun proxenitor europeo e outro polinesio. Dubídase de se o seu nacemento tivo lugar nos Estados Unidos ou en Nova Zelandia, aínda que se sabe que nos anos 20 xa estaba en terra norteamericana. Hazel Dodd, esposa de Wallace Dodd Ford reclamou sempre a identidade de Fard Muhammad co seu desaparecido esposo, reivindicando tamén a paternidade do seu fillo. Isto levou a Fard Muhammad a ofrecer publicamente unha cuantiosa cantidade de cartos a quen puidese traer unha proba que demostrase isto. Nunca se presentou, e o problema foi esquecido. Nación do Islam, pola súa parte, acreditou sempre na versión dada polo propio Fard Muhammad, segundo a cal viría directamente dende a Meca, e calcula o seu nacemento en torno ao ano 1877.

Nación do Islam[editar | editar a fonte]

Se as teorías que identifican a Fard Muhammad con Wallace Dodd Ford son certas, estaría envolto en distintas organizacións musulmanas da cidade de Chicago nos anos 20, así como relacionado con algunhas mortes e outros sucesos relacionados con elas, sen que chegase a ser acusado por ningún deles. No ano 1929 funda a organización Nación do Islam en Detroit, Michigan, e comeza a predicar entre a comunidade afroestadounidense. En novembro de 1932 é investigado por unha morte ritual acontecida no interior da organzación. Aínda que non chega a ser acusado de nada, pídeselle formalmente que abandone a cidade en 1933, cousa que fai para regresar encubertamente ao ano seguinte. É descuberto e impelido de novo a marchar. Antes de facelo delega o liderato da organización en Elijah Muhammad, que comeza a predicar que Fard Muhammad é o Mahdi, unha figura dalgunhas tradicións islámicas que se considera a reencarnación de Alá. Fard Muhammad desaparece o ano 1934. Os seus seguidores creron que fora asasinado pola policía, até que Nación do Islam aceptou a visión oficial de que regresara á Meca. Moitos dos que cren que Elijah Muhammad ordenou o asasinato de Malcom X cren tamén que é o responsábel da desaparición e morte de Fard Muhammad. Outras teorías sitúano ao fronte dunha mesquita de Oakland, ou ben defenden que volveu a Nova Zelandia.

Ideoloxía[editar | editar a fonte]

A ideoloxía de Fard Muhammad susténtase en diversos mitos de orixe incerta como o de Yakub ou o da Tribo dos Shabazz. O seu legado mitolóxico dá unha orixe profética á diáspora africana, estabelecendo que os pobos negros, verdadeiros donos do mundo, viven un periodo de escravitude a maos dos brancos, seres inferiores ou demoníacos. Estas ideas supremacistas complétanse coa crenza de que todos os pobos non brancos teñen a súa orixe común en Asia. A verdadeira relixión sería a súa particular visión do Islam, e recolle especialmente a mensaxe deste de que cristianismo e xudaísmo son versións corruptas da palabra divina. O seguidores de Nación do Islam cambiaron os seus nomes por versións arábicas. Grande parte das crenzas de Nación do Islam son consideradas blasfemas pola corrente principal do Islam.