Elijah Muhammad

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Elijah Muhammad

Elijah Muhammad (7 de outubro de 1897 - 25 de febreiro de 1975). Figura política e relixiosa estadounidense.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Nacido en Sanderville, Georgia co nome de Elijah Poole, múdase a Detroit en 1923. En Detroit coñecerá a un predicador que se lle revela como o mesmo Alá, tratábase de Wallace Fard Muhammad, fundador da organización Nación do Islam. Unha vez dentro de Nación do Islam o propio Fard Muhammad o nomeará como sucesor e á morte deste en 1934 pasará a liderala estabelecendo a súa sede central na cidade de Chicago. Nos primeiros momentos comeza a predicar que Fard Muhammad era en realidade unha reencarnación de Alá, o que provocará a saída de moitos membros discordantes. A mediados dos sesenta, e grazas en boa parte á implicación de Malcom X na organización, Nación do Islam vive un grande momento de apoxeo, multiplicando o seu número de membros e extendéndose a numerosos paises de África e do Caribe. Despois do asasinato de Malcom X hai numerosas voces que especulan coa posíbel responsabilidade de Elijah Muhammad, debido á saida deste de Nación do Islam e aos problemas persoais que tiveran. Este feito unido á acusación en 1973 dun membro dunha organización rival de ser o responsábel da morte de sete dos seus militantes fan entrar a Nación do Islam nunha sorte de decadencia. A morte de Elijah Muhammad en 1975 provoca a escisión da organización en dúas tendencias, unha das cales se integra no Islam ortodoxo.

O pensamento ideolóxico-relixioso de Elijah Muhammad estivo sempre próximo a un supremacismo negro bastante próximo ao racismo. Mitos como os de Yakub, propagados por el e os seus seguidores, estabelecen que os brancos son demos ou creacións malditas e inferiores do home negro. Ao mesmo tempo mantivo tratos co Partido Nazi Americano, xa que ambas organizacións se opuñan á integración racial. Estas ideas están na base da futura saída de Malcom X de Nación do Islam.