Vocabulario Científico Internacional

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O Vocabulario científico internacional, VCI, (ou ISV nas súas siglas en inglés, de International Scientific Vocabulary) é un tipo de vocabulario que abarca as palabras científicas e especializadas utilizadas, nas chamadas linguas modernas, por todos os científicos do mundo para entendérense entre eles.

Historia e características[editar | editar a fonte]

O primeiro vocabulario científico internacional coñecido estableceuno Philip Babcock Gove dentro do Terceiro novo dicionario internacional de Webster (1961)[1]. Segundo o observado por David Crystal[2], a ciencia é un campo especialmente produtivo para as novas invencións.

Segundo o terceiro Webster, as "palabras do ISV (como, por exemplo, lipoid) creáronse tomando unha palabra cun significado algo xeral e simple a partir dunha das linguas da antigüidade clásica, xeralmente o grego e o latín, pero conferíndolle un significado moi específico e complicado, adecuado para os propósitos do discurso científico moderno. Unha palabra do VCI é tipicamente un derivado ou un composto que "consegue só a súas materias primas dos idiomas da antigüidade". A súa morfoloxía pode variar segundo os diferentes idiomas modernos.

A versión on line do Terceiro novo dicionario internacional de Webster (Merriam-Webster, 2002)[3] engade que o ISV "consiste nas palabras ou outras formas lingüísticas actuais en dous o máis idiomas", e que "se diferencia de latín moderno (New Latin) en que estes termos se adaptan á estrutura dos idiomas individuais nos que aparecen"[4]. É dicir, os termos do VCI constrúense a miúdo con formas gregas, latinas, o outras que se combinan, pero cada lingua escribe, e pronuncia, os neolexemas que resultan de acordo coas súas propias normas morfolóxicas.

Con todo, non se debe esquecer a eiva, presente en moitos termos da botánica, segundo Font Quer[5], das chamadas voces híbridas, isto é, compostas por un primeiro elemento grego e o segundo latino, ou viceversa, e que, de ser posíbel, non se deben empregar. E moito menos se o primeiro elemento procede dunha lingua moderna, que algún caso hai, por exemplo, no español científico. A homoxeneidade léxica exixe que todo termo composto estea formado por todos os seus compoñentes, dous ou máis, da mesma natureza lingüística.

Tom McArthur[4] cualifica as palabras e os morfemas do ISV como translinguistics, explicando que funcionan "en moitos idiomas que serven como medios para a educación, a cultura, a ciencia, e a tecnoloxía". Ademais de en idiomas europeos, tales como o inglés, o castelán, o ruso, o sueco, o portugués ou o galego, os lexemas do VCI empréganse tamén en idiomas como o xaponés, o malaio, o filipino (tagalog ou tagalo, en español) e outras linguas asiáticas. McArthur afirma que "no hai outro sistema de palabras e de morfemas tan internacional".

O VCI é un dos principais motores do desenvolvemento e a estandarización da Interlingua. Os termos científicos e médicos en interlingua son en gran parte de orixe grecolatina, pero, como a maioría das palabras da interlingua, aparecen nunha ampla gama de idiomas. O vocabulario da interlingua establécese utilizando un grupo de idiomas de control seleccionado porque irradien palabras e absorben palabras dunha gran cantidade doutros idiomas. E, mediante a técnica do prototyping ou proto instances, despois selecciónase un antepasado común máis recente de cada palabra elixíbel. Este procedemento serve para dar á interlingua o vocabulario o máis internacional posíbel[6].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. McArthur, T. (ed.), The Oxford Companion to the English Language. Oxford University Press, 1992.
  2. Crystal, D. The Cambridge Encyclopedia of the English Language. Cambridge University Press, 1995.
  3. "International scientific vocabulary". Webster's Third New International Dictionary, Unabridged. Merriam-Webster, 2002.
  4. 4,0 4,1 McArthur, T. Asian Lexicography: Past, Present, and Prospective, introducción de Lexicography in Asia. Password Publishers Limited, 1998.
  5. Font Quer, P. Diccionario de botánica. Editorial Labor, S.A., 1993.
  6. 6. Gode, A. Interlingua: A Dictionary of the International Language. Nova York: Storm Publishers, 1951.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]