Vaselina

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Vaselina branca

Vaselina é unha substancia mol, untuosa e translúcida, obtida do petróleo. Foi orixinariamente promovida como un ungüento “cúrao-todo” de uso tópico para queimaduras, rabuños e cortes. Na actualidade este produto emprégase sobre todo en parafarmacia, perfumaría e como lubricante.

Historia[editar | editar a fonte]

O nacemento da vaselina está intimamente vencellado á historia do petróleo. Así, o seu descubrimento prodúcese precisamente no ano 1859, cando se perforou o primeiro pozo de petróleo na cidade norteamericana de Titusville, no estado Pensilvania (EUA).

Poucos meses despois deste acontecemento, o mozo químico Robert Chesebrough trasladouse a Pensilvania co obxectivo de entrar no negocio do petróleo, pero o seu interese veuse desviado e a súa curiosidade científica estimulada cara a outro obxecto de estudo: un residuo pastoso, semellante á parafina, que durante os traballos de perforación nos pozos petrolíferos se adhería ás máquinas chegando incluso a paralizalas[Cómpre referencia].

Os operarios, aos que Chesebrough interrogou, adicaban os peores insultos a este material, aínda que xa tiñan descuberto un uso práctico para el: aplicado a unha ferida ou queimadura aceleraba a súa curación.

Chesebrough pasou varios meses experimentando con esta pasta, ata extraer o seu ingrediente principal: unha substancia transparente e suave que chamou “xelatina do petróleo[Cómpre referencia]. No ano 1870, o químico comezou a fabricar en Brooklyn coa vaselina e dous anos máis tarde, en 1872, patentou o proceso de fabricación.

Durante anos, Chesebrough viaxou por todo o estado de Nova York demostrando os beneficios do seu produto. Para promover as ventas, autoinflixíase queimaduras e cortes na súa propia pel, nas que despois aplicaba o seu milagreiro produto. Pronto, os compradores comezaron a empregar a vaselina para máis que cortes e queimaduras. Así, por exemplo, os granxeiros descubriron que unha capa de vaselina impedía a oxidación da maquinaria deixada á intemperie. Así mesmo, os farmacéuticos comezaron a empregala como base para os seus preparados de cremas pomadas e cosméticos.

Ao comezar o século XX, a vaselina ocupaba xa un espazo nas caixas de primeiros auxilios de todos os fogares norteamericanos. Robert Chesebrough transformara un produto residual, pegañento e molesto nunha industria multimillonaria.

Denominación[editar | editar a fonte]

Existen dúas versións sobre a orixe do nome vaselina:

  1. A fins do século XIX, os coñecidos de Chesebrough aseguraban que este concibira este nome durante os primeiros días, dedicados a purificar a substancia, durante os que empregou os xarros de flores (vases, en lingua inglesa) da súa esposa como recipientes de laboratorio. A esta palabra, engadiulle un popular sufixo médico da época “line”.
  1. Por outra banda, membros da empresa de Chesebrough defenderon publicamente que cientificamente a palabra vén composta a partir do vocábulo alemán wasser (auga) e o grego elaion (aceite de oliva)[1].

Usos[editar | editar a fonte]

Aviso médico.
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos.
Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.

Aínda que Chesebrough orixinariamente promoveu a vaselina coma un ungüento de uso tópico para queimaduras, rabuños e cortes, os profesionais médicos teñen demostrado que estas prácticas poden resultar contraproducentes. Así por exemplo, a vaselina non debe ser empregada sobre queimaduras recentes, incluíndo as queimaduras solares, xa que o petrolato mantén a calor empeorando as queimaduras. Porén, unha vez que a calor desaperece poderá empregarse vaselina para suavizar a dor posterior.

Entre os usos cosméticos da vaselina estendidos na actualidade destacan o seu papel como rexenerador labial, a aplicación periódica de produto nas pestanas para aumentar o seu volume e nas cutículas para suavizalas, a súa aplicación sobre a pel antes de vaporizar perfume para aumentar a duración do arrecendo e o seu uso para limpar os restos da maquillaxe.

Non debe empregarse a vaselina para combater a conxestión ou sequidade nasal, xa que se as partículas de petrolato inhaladas poden depositarse nos pulmóns desencadeando unha condición coñecida como pneumonía lípida.

Outro uso estendido da vaselina e a súa aplicación como lubricante persoal. Trátase non obstante dunha práctica desaconsellada durante a penetración con preservativo, xa que a xelatina de petróleo interfire coa estrutura do látex, debilitando o material do que están fabricados os condóns e aumentando o risco de rotura.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Etymology of Vaseline". The Concise Oxford Dictionary of English Etymology. Visto 26 agosto de 2008.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Vaselina