Telesforo Ojea Somoza
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 5 de xaneiro de 1858 Lama de Rei, España |
Morte | 22 de xullo de 1890 (32 anos) Lugo, España |
Actividade | |
Ocupación | xornalista, avogado, político, xornalista de opinión |
Descrito pola fonte | Ensayo de un catálogo de periodistas españoles del siglo XIX (1903-1904), (sec:Ojea y Somoza (Telesforo), p.310) |
Telesforo Ojea Somoza, nado en Lama de Rei (Cervantes) o 5 de xaneiro de 1858 e finado en Fontei (A Rúa) o 23 de xullo de 1890, foi un xurista, xornalista e político galego.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Estudou o Bacharelato en Monforte de Lemos e Lugo. Trasladouse a Madrid para estudar Dereito. Na capital afiliouse á Juventud Federalista, rama xuvenil do Partido Republicano Federal, no que militou ata a súa morte. Finalizada a carreira, exerceu a avogacía en Madrid, pero pasaba os veráns en Fontei.
En 1882 foi o representante da provincia de Lugo na I Asemblea Federal de Madrid, onde foi secretario da mesa presidencial. Con Federico Tapia, delegado pola Coruña, e Ildefonso Feijoo del Río, representante de Pontevedra, presentou varios relatorios á Asemblea. En maio de 1883 foi delegado por Lugo na Asemblea Federal de Zaragoza. En febreiro de 1884 asumiu a dirección do diario madrileño La República, órgano de prensa do Consello Federal, cargo que desempeñou ata outubro de 1885. Foi inspirador e redactor do Proxecto de Constitución para o Estado Galaico, e defensor da democracia republicana e o federalismo autonomista como forma de estado.
Nas eleccións de deputados ás Cortes de abril de 1886 foi candidato federal polo distrito de Lugo capital. Logrou a vitoria na capital lucense, pero foi derrotado polos votos do campo, que foron para o exministro conservador Fernando Cos-Gayón, candidato apoiado polo conde de Pallares e a súa rede caciquil.
Desempeñou altos cargos na dirección do partido e desenvolveu continuas actividades políticas, pero tivo que retirarse afectado pola tise que finalmente acabou coa súa vida.
Foi homenaxeado polos seus veciños, que erixiron un mausoleo en Fontei en 1892, a cuxa inauguración asistiu Francesc Pi i Margall.
Obras
[editar | editar a fonte]- Los derechos individuales son legislables?, 1884.
- El Parlamentarismo, 1884.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- García Tato, Isidro (1990). Telesforo Ojea y Somoza Vida e ideología de un republicano federal (1858-1890). O Barco de Valdeorras: Instituto de Estudios Valdeorreses.