Telegrama de Ems

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Telegrama de Ems.

O Telegrama de Ems (en alemán Emser Depesche), denominado ás veces como Telegrama Ems, é o documento que Guillerme I de Alemaña lle enviou a Bismarck a noite do 13 de xullo de 1870 tras a reunión informal que mantivo co embaixador francés en Prusia, Vincent Benedetti, sobre a retirada da candidatura do príncipe Leopoldo de Hohenzollern-Sigmaringen, fillo de Carlos Antonio, ó trono real de España. A publicación deste telegrama instigou (casus belli) a guerra franco-prusiana, que comezou o 19 de xullo de 1870. O nome do telegrama refírese a Bad Ems, que é un balneario spa situado ó leste de Coblenza sobre o río Lahn, parte daquela de Prusia, lugar de residencia e repouso da realeza prusiana.

Historia dos acontecementos[editar | editar a fonte]

Antecedentes[editar | editar a fonte]

En setembro de 1862, Bismarck foi nomeado Ministro de Estado de Prusia, tendo baixo o seu mando preto de 63.000 homes, exército moi difícil de manter, xa que para iso necesitaba recursos que lle negaba o Parlamento. Bismarck gobernou coa oposición das cámaras, pero co apoio do rei de Prusia e Alemaña, Guillerme I. No período bismarckiano houbo tres guerras: a guerra de anexión dos ducados de Schleswig e Holstein, que se lle arrebataron a Dinamarca tras o conseguinte tratado de paz (convención de Gastein, en Viena o 30 de outubro de 1864); a guerra austro-prusiana (1866), que contribuíu á unificación de Italia, e, finalmente, a guerra franco-prusiana (1870), que acabou coa derrota de Francia.

Intencións de Prusia[editar | editar a fonte]

Bismarck e Moltke levaban anos vendo a debilidade do exército francés e para iso estiveron investigando a posibilidade de iniciar un conflito. Guillerme I era consciente destas intencións, pero nunca creu na posibilidade dunha guerra.

Eventos anteriores ó telegrama[editar | editar a fonte]

O xeneral español Juan Prim visitou o príncipe Carlos Antonio de Hohenzollern-Sigmaringen (Dinastía Hohenzollern) para ofrecerlle a posibilidade de que o fillo deste, Leopoldo, aceptase o trono de España, tras o exilio de Isabel II en 1868, e o chanceler prusiano Otto von Bismarck interveu para forzar unha aceptación. Estes movementos suscitaron pronto a oposición de Francia, que rexentaba Napoleón III, quen pensaba que se estaba producindo un cerco diplomático perigoso en torno á nación gala.

As reaccións da Francia imperial e as negociacións en febreiro de 1870 con Guillerme, xefe da casa Hohenzollern, conseguiron finalmente os seus propósitos coa retirada da candidatura do príncipe. Pero a finais de xuño de 1870, o chanceler Bismarck volveu reactivar a candidatura e fíxoa pública o 2 de xullo co motivo de empurrar a Francia á guerra pola súa falta de diplomacia. O ton subiu e o duque de Gramont, Ministro francés de Asuntos Exteriores, fixo un discurso provocador o 6 de xullo de 1870 fronte ó Corpo lexislativo. A diplomacia francesa exaltouse con estes acontecementos.

O 9 de xullo, o Embaixador de Francia, o conde Benedetti, volveu a Ems, onde o rei de Prusia a Alemaña, Guillerme I, tomaba as augas termais, e rogoulle que falara co seu parente. O 12 de xullo, o propio pai do príncipe anunciou a retirada oficial. Bismarck quedou contrariado, pero os partidarios antiliberais do imperio bonapartista autoritario, en torno a Gramont e a emperatriz, querían máis e a mesma noite fixéronlle pedir a Benedetti unha confirmación escrita por parte do rei de Prusia.

Envío do telegrama[editar | editar a fonte]

O 13 de xullo, o embaixador de Francia encontrouse con Guillerme I no paseo das Fuentes do Kurpark nunha reunión informal. Presentoulle a solicitude de Francia para que Guillerme I confirmara a retirada do príncipe Leopoldo da candidatura ó trono español, pero Guillerme I respondeu que non tiña xa nada que lle dicir ó embaixador e pechou cortesmente a reunión, o cal non lle impediría saudar cordialmente a este o día seguinte, á súa saída para Berlín. Guillerme I fixo enviar a noite do 13 de xullo - polo seu conselleiro diplomático Abeken - un telegrama expedido desde Ems a Bismarck en Berlín. O telegrama de Ems chegou a noite do 13 de xullo ó palacio de Wilhelmstrasse en Berlín, lugar onde ceaban Bismarck, Moltke e Roon.

Bismarck tomou a pluma e redactou o texto do comunicado, condensando o texto do telegrama de Abeken de tal xeito que transformou o encontro nun emprazamento e a resposta do rei nunha reacción que podía resultar insultante para Francia. Como consecuencia, Francia declaroulle a guerra a Prusia o 19 de xullo de 1870.

Texto dos telegramas[editar | editar a fonte]

[1]

Informe do conselleiro privado Abeken (13 de xullo de 1870)[editar | editar a fonte]

Ó chanceler federal, conde Bismarck.

A Súa Maxestade el-Rei escríbeme:

"M. Benedetti interceptoume no paseo a fin de esixirme, insistindo en forma inoportuna, que eu o autorizara a telegrafiar de inmediato a París, que me comprometería, de agora en diante, a absterme de dar a miña aprobación para que se renove a candidatura dos Hohenzollern. Refusei facer isto, a última vez con certa severidade, informándoo que non sería posible nin correcto asumir tales obrigas (para sempre xamais). Naturalmente, informeino que non recibira ningunha noticia aínda e, xa que el fora informado antes ca min pola vía de París e Madrid, el podía facilmente entender por que o meu goberno estaba outra vez fóra da discusión. Desde aquela, A Súa Maxestade recibiu noticias do príncipe (pai do candidato Hohenzollern ó trono español). A Súa Maxestade xa informara o conde Benedetti que estaba esperando esta mensaxe; mais, en vista da esixencia arriba mencionada e en consonancia co consello do conde Eulenburg e meu, decidiu non recibir de novo o enviado francés, senón informalo a través dun axudante, que A Súa Maxestade recibira, agora, confirmación das noticias que Benedetti xa recibira de París e que el non tiña nada máis que lle dicir ó embaixador. A Súa Maxestade deixa a xuízo da Súa Excelencia comunicar ou non, de maneira inmediata, ós nosos embaixadores e á prensa, a nova esixencia de Benedetti e o rexeitamento da mesma".

A versión editada por Bismarck[editar | editar a fonte]

"Despois de que os informes sobre a renuncia do príncipe herdeiro de Hohenzollern lle foran oficialmente transmitidos polo Goberno Real de España ó Goberno Imperial de Francia, o embaixador francés presentou ante A Súa Maxestade el-Rei, en Ems, a esixencia de autorizalo a telegrafiar a París que A Súa Maxestade el-Rei habería de comprometerse a absterse de dar a súa aprobación para que a candidatura dos Hohenzollern se renove.

A Súa Maxestade el-Rei, polo tanto, rexeitou recibir de novo o enviado francés e informouno a través do seu axudante que A Súa Maxestade non tiña nada máis que lle dicir ó embaixador".

Literatura[editar | editar a fonte]

  • Vincent Benedetti: Ma mission en Prusse. 2. Ausgabe. Plon, París 1871.
  • Wilhelm Langewiesche-Brandt: Bismarck - Briefe, Reden, Erinnerungen, Berichte und Anekdoten. Einundfünfzigstes bis sechzigstes Tausend, Ebenhausen bei München, 1915.
  • Eberhard Kolb: Der Kriegsausbruch 1870: Politische Entscheidungsprozesse und Verantwortlichkeiten in der Julikrise 1870. Vandenhoeck & Ruprecht, Göttingen 1970.
  • David Wetzel: A Duel of Giants: Bismarck, Napoleon III, and the Origins of the Franco-Prussian War. University of Wisconsin Press, Madison, Wisc. 2001.
  • Albert Sorel: Histoire diplomatique de la guerre franco-allemande. París 1875.
  • Javier Rubio: España y la Guerra de 1870. 3 Vols. Biblioteca Diplomática Española. Madrid 1989.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Citado por Carl Grimberg. Historia universal, tomo XI páx. 172. Ediciones Daimon, 1973