Susana de Braga

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaSanta Susana de Braga
Biografía
NacementoSéculo III
Bracara Augusta
MorteSéculo III
Bracara Augusta
Datos persoais
RelixiónCristianismo


Susana de Braga[1][2], máis coñecida como Santa Susana, foi unha virxe e mártir cristiá que viviu durante o século III en Bracara Augusta.[3] Ten especial devoción na cidade de Santiago de Compostela.

Historia[editar | editar a fonte]

Non existe unha biografía moi precisa para esta santa, de feito adoita existir certa confluencia con santa Susana de Roma, xa que se cre que foi decapitada durante a persecución aos cristiáns do emperador Diocleciano.[2][3] As súas reliquias consérvanse na Capela das Reliquias da Catedral de Santiago de Compostela e adoita considerarse patroa da devandita cidade, xunto con Santiago Apóstolo.[3]

Igrexa de Santa Susana, en Santiago de Compostela

Durante o chamado pío latrocinio, nunha visita á sé bracarense en 1102, sendo bispo Xiraldo de Braga, Diego Xelmírez roubou as reliquias de santa Susana, xunto coa de san Froitoso, san Covade, san Vítor e san Silvestre.[1][3] O pobo compostelán recibiunas no Milladoiro.[3] Mentres que as demais reliquias foron situadas en cadanseu altar na catedral, as de santa Susana depositáronse na igrexa do Santo Sepulcro, mandada construír por Diego Xelmírez fóras das murallas da cidade, na actual carballeira de Santa Susana, na Alameda.[3] Entre os séculos XVI e XVII as súas reliquias leváronse para a catedral. Unha parte das reliquias devolvéronse á sé bracarense en 1994.[1][3]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 "Guía de nomes galegos". Real Academia Galega. Consultado o 2023-11-10. 
  2. 2,0 2,1 Ferro Ruibal, Xesús; et alii (1992). Diccionario dos nomes galegos. Ir Indo. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 Otero, José Carro. "Santa Susana, copatrona fáctica de la ciudad de Santiago. Historia y antropología". www.elcorreogallego.es (en castelán). Consultado o 2023-11-10.