Segunda Guerra Macedónica

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Macedonia e a rexión do Exeo arredor do 200 a.C.

A Segunda Guerra Macedónica (200197 a.C.) foi un enfrontamento entre Macedonia dirixida por Filipo V e Roma, aliada con Pérgamo e Rodas. O resultado foi a derrota de Filipo que como consecuencia tivo que abandonar todas as súas posesións en Grecia. Malia os romanos declararen a "liberdade dos gregos", a guerra marcou un fito significativo no incremento da intervención romana nos asuntos do Mediterráneo oriental que habería conducir á conquista de toda a rexión[1], e por outra parte iniciou un período de cambio social e cultural na propia Roma [2].

Contexto[editar | editar a fonte]

No ano 204 a.C morreu o rei Ptolomeo IV Filopator de Exipto, deixando o trono ao seu fillo de sei anos, Ptolomeo V. Filipo de Macedonia e Antíoco o Grande do Imperio Seléucida decidiron axudarse desta situación tomando territorio ptolemaico e asinando un pacto secreto[3] no que definían as esferas de interese. Filipo primeiro interesouse polas cidades estado gregas de Tracia e dos Dardanelos. O seu éxito en conquistalas, como foi o caso de Cíos preocupou a Rodas e Pérgamo que tamén tiñan interese na área. En -201 a.C., Filipo lanzou unha campaña en Asia Menor, asediando a cidade ptolemaica Samos e entrando en Mileto. De novo, isto desconcertou a Rodas e Pérgamo e Filipo respondeu devastando o territorio de Pérgamo, e logo invandindo Caria, mais os rodios e pergamicenses conseguiron bloquear a súa frota en Bargilia, forzándoo a pasar o verán co seu exército nun territorio que ofrecía moi pouco aprovisionamento.

Rodas e Pérgamo, aínda moi temerosas de Filipo, enviaron un chamamento a Roma, entón o máis poderoso estado do Mediterráneo.

Interese de Roma polo Mediterráneo oriental[editar | editar a fonte]

Roma emerxera vitoriosa na Segunda Guerra Púnica contra Aníbal, ata entón apenas tivera interese nos asuntos do Mediterráneo oriental. A Primeira Guerra Macedonia Roma contra Filipo V polo control de Iliria e acabou na Paz de Fenice en 205 a.C.. Moi poucas das accións posteriores en Tracia e Asia Menor concernían a Roma, pero Rodas e Pérgamo apelaron a Roma, e esta enviou tres embaixadores a Grecia, que atoparon nas cidades gregas pouco entusiasmo en ir á guerra ata que chegaron a Atenas, onde se reuniron co rei Atalo I de Pérgamo e diplomáticos de Rodas; polo mesmo tempo, Atenas declarou a guerra a Macedonia e Filipo enviou unha forza para invadir Ática. Os embaixadores romanos celebraron unha xuntanza co xeneral macedonio e instou aos macedonias a deixar as cidades gregas en paz e chegar a un acordo con Rodas e Pérgamo para acordar compensacións pola última guerra. O xeneral macedonio evacuou o territorio ateniense e comunicou o ultimato romano a Filipo.

Filipo, que conseguira pasar o bloqueo e volvera ao seu reino, rexeitou o ultimato e proseguíu o seu ataque a Atenas e comezou outra compaña nos Dardanelos, cercando a cidade de Abidos, onde no outono de 200 chegou un embaixador romano cun segundo ultimato, no que lle requiría que non atacase ningunha cidade grega nin tomase territorio de Ptolomeo e para mais ir a unha arbitraxe con Rodas e Pérgamo. Pero xa ao tempo forzas romanas desembarcaban en Iliria facendo a guerra inevitable pese ás protestas de Filipo declarando que non violara termo ningún da Paz de Fenice.

A guerra[editar | editar a fonte]

Filipo atopou poucos aliados en Grecia, pero tamén había pouco entusiasmo pola causa romana, aínda se lembraba en Grecia as brutalidades das lexións romanas durante a Primeira Guerra Macedónica. Moitos estados adoptaron unha política de esperar a ver por onde ía a guerra. Durante os primeiros dous anos, as campañas romanas foron pouco brillantes. As forzas romanas baixo o mando de Publio Sulpicio Galba non conseguíu desbloquear os pasos cara a Macedonia e fixo pouco progreso contra Filipo e o seu sucesor, Publio Villio, tivo que sufocar unha sublevación dos seus propios homes. No 198 o mando pasou a Tito Quincio Flaminio, un xeneral novo, ardente filoheleno e con dotes diplomáticas, iniciou unha nova política para gañar a guerra, demandándolle a Filipo a retirada de todas as gornicións das cidades gregas e o confinamento das súas forzas en Macedonia, presentando así a Roma como unha forza liberadora [4].

Flamino dirixiu unha campaña enérxica contra Filipo no ano 198, forzando a recuar ata Tesalia. As cidades da Liga Aquea, tradicionalmente favorables a Macedonia, estiveran ocupadas na súa guerra contra Esparta para axudar a Filipo e o éxito de Roma persuadiu a moitas delas a abandonar a súa alianza co macedonio, porén outras como foi o caso de Argos, permaneceron leais a Filipo.

O rei macedónico quedou illado[5] e declarou o seu empeño en chegar a un acordo de paz, pero este seu desexo chegou nun momento crítico para Flaminio, xusto cando se ían celebrar eleccións en Roma. Flaminio degoxaba levar o crédito por rematar a guerra pero non sabía se o seu comando se había prolongar. Decidiu negociar con Filipo mentres esperaba o resultado das eleccións. Flaminio e Filipo axuntáronse en Nicaea na rexión de Lócrida en novembro de 198. Flaminio insistiu en que todos os seus aliados deberían estar presentes nas negociacións e reiterou as súas demandas que Filipo se retirase da totalidade de Grecia, Filipo non estaba disposto a ir tan lonxe, aínda que si a se retirar das súas recentes conquistas en Tracia e Asia Menor, Flaminio persuadiuno que era unha insistencia dos estados gregos e suxeriu que debería enviar unha embaixada ao Senado romano. Filipo seguíu o seu consello pero nese momento ao saber Flaminio que se renovara o seu comando as negociacións de paz remataron. Filipo quedou só, coa única excepción de Acarnania e viuse forzado a incorporar un exército de 25.000 mercenarios. As lexións de Tito confrontáronse con el vencérono en Aous. Non obstante o encontro definitivo foi en Cinoscéfalos en Tesalia en xuño de 197 a.C., ao derrotaren as lexións de Flaminio á falanxe. Filipo quedou forzado a aceptar unha paz segundo os termos romanos.

A paz de Flaminio[editar | editar a fonte]

Declarouse un armisticio e as negociacións de paz fixéronse no Val do Tempe. Filipo concordou en evacuar a totalidade de Grecia e renunciar ás súas conquistas en Tracia e Asia Menor. Os aliados de Flaminio da Liga Etolia fixeron tamén reclamacións territoriais a Macedonia pero Flaminio rexeitou discutilas. Ao se enviar o tratado a Roma, o Senado engadiu os seus propios termos: Filipo debería pagar unha indemnización de guerra e desarmar a súa mariña. No ano 196 asinouse finalmente a paz e nos Xogos Ístmicos de Corinto dese ano Flaminio proclamou a liberdade dos gregos, con gran ledicia dos presentes[6]. Os romanos mantiveron gornicións en cidades estratéxicas que pertenceran aos romanos, como Corinto, Calcis e Demetrias e as lexións non se evacuaron totalmente ata o ano 194.


Notas[editar | editar a fonte]

  1. Dmitriev, S. 2011. Second Macedonian War (200–197 BCE). The Encyclopedia of War
  2. A. E. Astin The Cambridge Ancient History: Rome and the Mediterranean to 133 B.C. Cambridge University Press (1989), p. 434
  3. Werner Dahlheim, Struktur und Entwicklung des romischen Volkerrechts im dritten und zweiten Jahrhundert v. Chr (1968). Beck. Múnic p. 240
  4. Graham Shipley El mundo griego después de Alejandro 320-30 a.C.. Crítica, Barcelona (2001), p. 353. Edición orixinal en inglés: The Greek World After Alexander 323–30 BC. Routledge. (2000)
  5. José Manuel Roldán Hervás Historia de Roma. Universidad de Salamanca (1995), p. 131
  6. Francico Javier Gómez Espelosín Historia de Grecia en la Antigüedad. Akal. Madrid (2011), p.220