Robert Owen

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Robert Owen
Robert Owen
Nacemento: 14 de maio de 1771
Newtown, País de Gales
Falecemento: 17 de novembro de 1858
Newtown, País de Gales

Robert Owen, nado en 1771 e finado en 1858, foi un socialista utópico, considerado como o pai do cooperativismo.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Orixinario de Gales, de familia menestral, traballa desde os 10 anos; aos 20 anos faise coa dirección dunha fábrica de tecidos en Manchester. Posteriormente convertiuse en accionista da fábrica téxtil de New Lanark. Algunhas obras importantes son A Formación do Carácter Humano (1814) e Unha Nova Visión da Sociedade (1823) que trata sobre as reformas do réxime industrial.

En 1825 fundou a Comunidade de New Harmony en Indiana, pero o experimento fracasou e tivo que vender o terreo en 1828, perdendo con iso unha boa parte da súa fortuna. Volve ao Reino Unido e lidera un sindicato, axudando tamén a outros.

Para Owen, o home depende da súa contorna natural e social. O home é bo por natureza pero as circunstancias non lle deixan selo. Quere mellorar o entorno do home para que este sexa bo, para que emerxa a súa bondade. O home bo traballará mellor voluntariamente.

Parte da idea de que as condicións de vida determinan a sorte do individuo e, para mellorala, débese reconstruír o ambiente en que vive o ser humano. Estas ideas aplícaas nas súas fábricas mellorando os salarios, reducindo as xornadas de traballo a 10 horas, facilitando vivendas dignas para os seus empregados, ofrecendo formación aos fillos dos traballadores, etc. Móstrase a favor de leis que regulen os horarios e que prohiban o traballo infantil.

Robert Owen defendía a posibilidade de desenvolver un sistema económico alternativo baseado na cooperativa. A súa formulación era utópica porque pretendía substituír o sistema capitalista por outro máis xusto que evitase os problemas británicos. Desde a súa perspectiva os obreiros debían unirse para crear unha nova realidade europea baseada en cooperativas que fosen máis rendibles que as industrias: Cooperativas de produción e cooperativas de distribución. Estas formulacións foron os froitos iniciais, e en 1832 xa existían unhas 500 cooperativas que englobaban a 20.000 traballadores. Owen centrou todas as súas enerxías en defender os intereses dos traballadores, e vinculouse co Movemento Obreiro Británico. Crea a Grande Unión Consolidada de Oficios, co obxectivo de controlar todo o movemento obreiro británico. Aos poucos meses da súa fundación empeza a ter as primeiras crises porque inician unha serie de folgas que os obreiros non cualificados non poden soportar. Isto provocou un problema interno agravado pola presión externa. Malia ese gran fracaso esa experiencia sindical demostraba:

  • O sindicato de masas e de ámbito estatal era posible.
  • Podíanse suscitar alternativas ao sistema capitalista (como cooperativas de produción)

Owen dedicarase a escribir e defender a súa visión de cooperativismo. Atacará institucións como a familia, a relixión, a herdanza, etc., porque pensaba que limitaban a liberdade do ser humano.

Confía en que a solución virá da propia sociedade. Numerosas cooperativas de consumo británicas xurdiron influídas polas súas ideas.