Ricardo Darín

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ricardo Darín.

Ricardo Darín, nado en Buenos Aires (Arxentina) o 16 de xaneiro de 1957 é un actor, director e guionista arxentino coñecido polas súas interpretacións en películas coma Nueve Reinas, El hijo de la novia, Luna de Avellaneda, El aura e El secreto de sus ojos. Está considerado coma un dos actores máis destacados do cinema arxentino.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Ricardo Darín en 2010

Naceu no seo dunha familia moi relacionada co mundo do espectáculo. Con dez anos, debutou no teatro xunto aos seus pais, Ricardo Darín e Renée Roxana. Aos dezaseis acadou estabilidade dentro da televisión arxentina en programas coma Alta Comedia ou Estación Retiro. Baixo as ordes de Alberto Migré, o maior realizador arxentino de telenovelas, obtivo unha considerable popularidade ao ser o protagonista de varias das súas producións.

Na década dos anos 80, e aínda xunto a Migré, deu o salto definitivo á fama formando parte dos "galancitos", un grupo de actores novos que trasladaron éxitos da televisión ao teatro colleitando unha gran sona debido ao éxito das súas representacións. Lonxe de quedarse estancado nos papeis de galán, obtivo nos anos 90 o seu éxito máis colosal no mundo da televisión coma cómico, compartindo cartel xunto a Luis Brandoni na serie Mi Cuñado, versión doutra serie da década dos sesenta.

Malia o seu traballo constante no mundo da televisión, Darín nunca abandonou o teatro e continuou a realizar obras coma Sugar, Extraña pareja, Taxi, Algo en común e Art. Comezou a súa andanza no mundo do cinema aparecendo en películas destinadas sobre todo a un público máis novo, tales coma He nacido en la ribera, Así es la vida, La rabona, Los éxitos del amor, La carpa del amor, La discoteca del amor ou La canción de Buenos Aires. Tentou un cambio de rexistro e participou noutros filmes coma El desquite, Revancha de un amigo ou La Rosales, pero o seu verdadeiro éxito tardaría algún tempo máis en chegar.

A crítica fixouse finalmente nel e elixiuno no seu papel do filme Perdido por perdido, dirixida polo debutante Alberto Lecchi. Posteriormente participou en El faro, de Eduardo Mignogna, e protagonizou El mismo amor, la misma lluvia, de Juan José Campanella, onde o seu papel foi de novo recoñecido. O seu salto definitivo chegou co filme Nueve Reinas co papel de Marcos, un ladrón de pouca envergadura na Arxentina que comeza a agonizar economicamente. A súa interpretación nesta longametraxe, que protagoniza xunto a Gastón Pauls, permitiulle facerse cun nome de peso dentro do cinema do seu país. En 2001, de novo baixo as ordes de Mignona, participou cun papel pequeno na película La fuga, e nese mesmo ano, protagonizou así mesmo El hijo de la novia, xunto a Natalia Verbeke, Héctor Alterio e Norma Aleandro. O filme foi outro grande éxito de taquilla e crítica, chegando a ser nomeada coma mellor película estranxeira na edición dos Oscar do ano 2002.

En 2004 actuou en Luna de Avellaneda, onde o seu personaxe tenta rescatar o club social e deportivo dos seus pais, e en 2005 participou en El aura, onde encarna a un taxidermista con memoria fotográfica envolto nun aperto do que non quería formar parte. En 2007 aparece no filme XXY, no que interpreta o papel do acomplexado pai dun adolescente de quince anos que é hermafrodita. Ese mesmo ano, protagoniza e fai o seu debut coma director no filme La Señal, continuando así o proxecto sen rematar de Eduardo Mignogna tras o seu falecemento.

En 2009 protagonizou, xunto a Guillermo Francella, El secreto de sus ojos, no que interpreta a un secretario dun xulgado que intenta escribir unha novela sobre un crime cometido moito tempo atrás.

Filmografía[editar | editar a fonte]

Cinema[editar | editar a fonte]

Ano Filme Personaxe
1969 La culpa Federico Ramírez
1972 He nacido en la ribera Miguel Notari
1977 Así es la vida Rogelio González
1977 La nueva cigarra
1978 La rabona
1978 La fiesta de todos
1979 Los éxitos del amor
1979 La carpa del amor
1979 Juventud sin barreras
1979 La playa del amor Ricardo
1980 La canción de Buenos Aires
1980 La discoteca del amor Eddie Ulmer
1981 Abierto día y noche
1983 El desquite Silvio
1984 La Rosales
1986(inédita) The Stranger Clark Whistler
1986 Te amo Germán
1986 Expreso a la emboscada Teniente Lamas
1987 Revancha de un amigo Ariel Llanarte
1993 Perdido por perdido Ernesto Vidal
1998 El faro Andy
1999 El mismo amor, la misma lluvia Jorge Pellegrini
2000 Nueve reinas Marcos
2001 La fuga Domingo Santaló
2001 El hijo de la novia Rafael Belvedere
2001 Samy y yo Samy Goldstein
2002 Kamchatka Pai "David Vicente"
2004 Luna de Avellaneda Román Maldonado
2005 El aura Esteban Espinosa
2006 La educación de las hadas Nicolás
2007 XXY Kraken
2007 La señal Corvalán
2007 Abrígate
2008 Amorosa soledad
2009 El secreto de sus ojos Benjamín Esposito
2009 El baile de la victoria Nicolás Vergara Grey
2010 Carancho Sosa
2011 Un cuento chino Roberto
2011 Delirium Argentinum Ricardo Darín

Televisión[editar | editar a fonte]

Ano Telenovela/Serie Personaxe
1977 El tema es el amor
1978 Vos y yo, toda la vida
1978 Una escalera al cielo
1980 Casa de muñecas
1981 Un día 32 en San Telmo
1981 Me caso con vos
1982 Nosotros y los miedos
1983 Compromiso
1987 Estrellita mía
1989 Rebelde Alex Alonzo
1991 Buenos Aires, háblame de amor Bruno Santoro
1993 Mi cuñado Federico "Chiqui" Fornari
1995 Chiquititas Eduardo
1999 La mujer del presidente
2000 Tiempo final Juan
2001 Porque te quiero

Premios[editar | editar a fonte]

  • Cóndor de Plata
    • Mellor Actor Protagonista por El mismo amor, la misma lluvia (2000)
    • Mellor Actor Protagonista por Nueve reinas (2001)
    • Mellor Actor Protagonista por El hijo de la novia (2002)
    • Mellor Actor Protagónico por El aura (2006)
    • Mellor Actor Protagónico por El secreto de sus ojos (2010)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]