Râșnov

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Panorama da vila

Râșnov (en alemán Rosenau; en húngaro Barcarozsnyó; no dialecto saxón transilvano: Rusnâ; do latín: Rosnovia) é unha vila do Condado de Braşov, Romanía cunha poboación duns 16.000 habitantes. Ten unha superficie de 164,36 Km2.

Atópase a uns 15 km da vila de Braşov e máis ou menos á mesma distancia de Bran, na estrada que liga as rexións de Valaquia e Transilvania. Coñécese pola súa cidadela no alto dun outeiro.

Historia[editar | editar a fonte]

En 1956 a poboación era de 7.974 habotantes, en 2011 case o dobre: 14.081. É posíbel que o nome derive do eslavo "žrŭnovy", que significa (vila ou val) "do muíño". No século XIV, os documentos xermanos xa empregaban o nome de Rasnov, mais o nome alemán actual, Rosenau, baséase na etimoloxía popular, influenciada pola verba alemá "Rose" (roseira ou rosa). A vila moderna actual atópase nunha chaira aos pés dun outeiro. No alto da lomba atópanse os restos da cidadela de Râșnov construída contra o ano 1215 polos cabaleiros teutóns e que foi mencionada por vez primeira en 1331. A cidadela conquistouse só unha vez na historia, alá polo ano 1600 por Gabriel Báthory. En 1856 descubriuse preto da vila un campamento romano (orixinariamente un castro), o Castro de Cumidava.

Turismo[editar | editar a fonte]

Pode chegarse a Râșnov collendo un autocar (por 4 lei) dende a turística vila Brașov (a tres horas en tren dende Bucarest). Râșnov atópase na estrada que leva a Bran, onde se atopa o famoso castelo de Drácula. A vila nova atópase na parte baixa, nunha chaira par dun alto outeiro onde se atopa a fortaleza e un enorme letreiro co nome da vila ao estilo Hollywood. A vila nova conta cunha igrexa e bonitas casas saxoas pintadas a cores. Para chegar até a cidadela o mellor xeito e camiñar menos dun quilómetro por unha estrada até a base do outeiro, dende alí organízanse subidas nunha especie de tren-tractor ao cumio cada 20 minutos. Para entrar na cidadela hai que pagar uns 8 lei por persoa, dentro atoparemos unha aldea medieval medio derruída, algunhas tendas de recordos e unhas fermosas vistas do val e dos Cárpatos.

Lenda[editar | editar a fonte]

Hai unha lenda arredor da cidadela de Râșnov. Durante un longo asedio á fortaleza, os cidadáns de Râşnov comezaron a se preocupar pola falla de auga fresca dispoñíbel; así que ordenaron a dous soldados turcos, que foran capturados con anterioridade, a cavar un pozo no centro da fortaleza; prometéndolles que os ceibarían unha vez remataran o traballo. Segundo a lenda local, levoulles 17 anos rematar o pozo, e aínda así os mataron. Aínda hoxe podemos ollar este famoso pozo no centro da fortaleza de Râşnov; ten 143 metros de fondura.

Deporte[editar | editar a fonte]

O complexo deportivo de Râșnov construíuse ás aforas da vila, no val de Cărbunarii, para o festival xuvenil olímpico de inverno europeo 2013 que tivo lugar preto da vila de Braşov.[1]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]