Proclamación da República Irlandesa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
A Proclamación da República Irlandesa.

A Proclamación da República Irlandesa, tamén coñecida coma a Proclamación de 1916 ou a Proclamación de Pascua, foi un documento emitido polos Voluntarios Irlandeses e o Exército Cidadán Irlandés durante o Alzamento de Pascua en Irlanda, que comezou o 24 de abril de 1916. Nel, o Consello Militar da Irmandade Republicana Irlandesa, autodenominándose "Goberto Provisional da República Irlandesa", proclamou a independencia irlandesa do Reino Unido da Gran Bretaña e Irlanda. Patrick Pearse procedeu a ler a proclamación fóra da Oficina Xeral de Correos da rúa Sackville (agora chamada rúa O'Connell), feito que marcou o comezo do Alzamento. A declaración inspirouse nunha proclamación de independencia similar que o rebelde irlandés Robert Emmet emitiu durante a rebelión irlandesa de 1803.

A toma da Oficina Xeral de Correos[editar | editar a fonte]

Antes de ler a proclamación, Pearse e outros líderes republicanos tomaron a Oficina Xeral de Correos e a converteron no seu cuartel xeral, izando a nova bandeira da república no mastro do edificio en troques da Union Jack británica. Tamén se izou a bandeira tricolor irlandesa (verde, branca e laranxa) nun mastro situado máis abaixo. A Oficina Xeral de Correos, a Proclamación de Pascua e a bandeira tricolor (que se chegou a converter na bandeira oficial da república irlandesa, substituíndo á bandeira verde orixinal -que se pode ver máis abaixo- , exposta no Museo Nacional de Irlanda) son os tres símbolos máis identificables do Alzamento de Pascua, xunto cos líderes, Thomas J. Clarke, Seán Mac Diarmada, Thomas MacDonagh, P. H. Pearse, Éamonn Ceannt, James Connolly e Joseph Plunkett.

O Texto da Proclamación da República Irlandesa[editar | editar a fonte]

Poblacht na h Éireann.[1]

O Goberno Provisional
da
República Irlandesa
Ao pobo de Irlanda.

IRLANDESES E IRLANDESAS: No nome de Deus e das xeracións mortas das que recibe a súa antiga tradición de nacionalidade, Irlanda, por medio de nós, convoca aos seus fillos á súa bandeira para loitar pola súa liberdade.

Chegado o seu momento, no que os seus homes xa foron organizados e adestrados a través da súa organización revolucionaria secreta, a Irmandade Republicana Irlandesa, e mediante as súas coñecidas organizacións militares, os Voluntarios Irlandeses e o Exército Cidadán Irlandés, e agora que a súa disciplina foi perfeccionada pacientemente, e despois de ter agardado con firmeza ao momento apropiado para revelarse, agora, co apoio dos seus fillos exiliados en América e dos seus aliados en Europa, mais confiando na propia forza dos primeiros, ataca con plena confianza na súa vitoria.

Declaramos o dereito soberano e irrevogable por parte do pobo de Irlanda á propiedade de Irlanda, e ao control sen ataduras dos destinos dos irlandeses. A longa usurpación dese dereito por un pobo e un goberno estranxeiros non aboliu tal dereito, nin poderá ser abolilo xamais, agás pola destrución do pobo irlandés. O pobo irlandés reafirmou xeración tras xeración o seu dereito á soberanía e liberdade nacionais: seis veces durante os pasados trescentos anos[2] o reafirmaron coas armas. Afirmándonos nese dereito fundamental e reafirmándoo unha vez máis diante do mundo enteiro, pola presente proclamamos a República Irlandesa coma un Estado Soberano Independente, e comprometemos as nosas vidas e as dos nosos compañeiros de armas á causa da súa liberdade, do seu benestar, e o seu engrandecemento entre as demais nacións.

A República Irlandesa encargarase diso, e pola presente reclama a unión entre todos os irlandeses e irlandesas. A República garante a liberdade relixiosa e civil, igualdade de dereitos e oportunidades para todos os cidadáns, e declara a súa determinación de procurar a felicidade e a prosperidade de toda a nación e de todas as súas partes, querendo a todos os fillos da nación de igual xeito, e facendo caso omiso das diferencias que foron fomentadas por un goberno alleo, que no pasado dividiu a unha minoría do resto.

Ata que as nosas armas nos permitan acadar o momento oportuno para establecer un Goberno Nacional permanente, representativo de todo o pobo de Irlanda e elixido polos votos de todos os homes e mulleres, o Goberno Provisional constituído pola presente, administrará os asuntos civís e militares da República no nome do pobo.

Poñemos a causa da República Irlandesa baixo a protección do Deus Altísimo, a quen lle solicitamos que bendiga as nosas armas, e pregamos para que ninguén que sirva a esta causa a deshonre por covardía, inhumanidade, ou pillaxe. Nesta hora suprema a nación irlandesa debe, co seu valor e disciplina e a disposición dos seus fillos a sacrificarse polo ben común, probarse merecedora do venerable destino ao que está chamada.

Asinado no nome do Goberno Provisional, Thomas J. Clarke, Seán Mac Diarmada, Thomas MacDonagh, P. H. Pearse, Éamonn Ceannt, James Connolly, Joseph Plunkett

Principios da proclamación[editar | editar a fonte]

A pesares de que o Alzamento fracasou en termos militares, os principios da Proclamación influenciaron profundamente as ideas das seguintes xeracións de políticos irlandeses. O documento contiña varias afirmacións:

  • que os líderes do Alzamento falaban no nome de Irlanda (unha reivindicación feita historicamente polos movementos revolucionarios irlandeses);
  • que o Alzamento marcaba o comezo doutra época de intentos de conseguir a independencia por medio das armas;
  • "o dereito por parte do pobo de Irlanda á propiedade de Irlanda", unha frase vista por algúns contemporáneos como quase-socialista e que algúns conservadores atoparon problemática (afirmacións similares en declaracións posteriores -destacando o Programa Democrático adoptado polo Primeiro Dáil en 1919, foron eliminadas ou suavizadas);
  • que a forma de goberno ía ser unha república;
  • unha garantía de "liberdade relixiosa e civil, igualdade de dereitos e oportunidades para todos os cidadáns", a primeira mención de igualdade de xénero, posto que ás mulleres irlandesas non se lles permitía votar;
  • o compromiso de sufraxio universal, un fenómeno limitado naqueles tempos a tan só un feixe de países, nos cales non estaba incluída Gran Bretaña;
  • a promesa de coidar a "todos os fillos da nación de igual xeito" (aínda que a miúdo se mal interpretou mal iso coma se se referira aos fillos dos irlandeses e aos seus dereitos, na actualidade sábese que se refería á xente de todas as relixións, que eran vistos coma 'fillos da nación').

A impresión e a distribución do texto[editar | editar a fonte]

A proclamación imprimiuse en segredo antes do Alzamento. Posto que foi unha impresión secreta feita por pequenas imprentas, houbo problemas co deseño. En particular porque debido á escaseza de papel o documento imprimiuse en dúas metades, e ademais faltaron suficientes letras do mesmo tipo, e como resultado na segunda parte do documento se empregaron letras 'e' máis pequenas que as do resto do documento (aínda que é preciso unha análise polo miúdo para decatarse). A linguaxe suxire que a copia orixinal da Proclamación foi asinada polos propios líderes do Alzamento. Porén, non se atopou ningunha evidencia disto, nin hai constancia daquel tempo da existencia dunha copia asinada; aínda que se tivera existido tal copia, é moi probable que fora destruída tras a derrota do Alzamento.

Os Sinatarios[editar | editar a fonte]

A bandeira da "República Irlandesa".
Exposta actualmente no Museo Nacional de Irlanda.

Un feito que suscitou moitos interrogantes foi que o primeiro nome que figuraba nos sinatarios non fora o de Patrick Pearse, senón o de Tom Clarke (un republicano veterano). Se os homes estivesen ordenados alfabeticamente, Éamonn Ceannt tería aparecido o primeiro. A viúva de Clarke mantivo que foi porque o plan orixinal era que Clarke se convertería en Presidente da República Provisional, como afamado veterano. Tal hipótese explicaría a súa primeira posición. Porén, outros involucrados no Alzamento desmentiron esas afirmacións, que fixo nas súas memorias. Documentos emitidos posteriormente polos rebeldes deron a Pearse o privilexio do posto, mais coma 'Comandante en Xefe das Forzas da República Irlandesa, e Presidente do Goberno Provisional', [3] non coma 'Presidente da República'. Se a idea orixinal era que Clarke tiña que ser a cabeza simbólica do estado e Pearse a do goberno, ou se era que Pearse ía ser o centro de ambos aínda que describindo o seu papel ambiguamente, segue a ser un misterio sobre o que os historiadores seguirán a especular.

Os sete sinatarios da proclamación foron executados polo exército británico tras a derrota do Alzamento (un deles, James Connolly, que resultara ferido durante os combates, houbo de ser sentado nunha cadeira), xa que foran declarados culpables de cometer traizón en tempo de guerra (neste caso, a Primeira Guerra Mundial).[4] Os líderes políticos opinaron inicialmente que as execucións non eran prudentes, e máis tarde cualificárono coma unha catástrofe. Coma proba, o Primeiro Ministro británico Herbert Henry Asquith e o seu sucesor posteriormente David Lloyd George dixeron que se arrepentían de que os militares británicos trataran o asunto coma un consello de guerra militar, en troques de insistir en que os líderes foran xulgados baixo a lei penal civil. Aínda que dende algúns sectores se esixiu un castigo severo aos rebeldes, a opinión pública irlandesa se foi posicionando cada vez máis do seu lado, debido en parte ao tratamento que se lle deu aos prisioneiros e ás súas execucións. Finalmente, o goberno de Asquith ordenou deter as execucións e insistiu en que a aqueles que aínda non foran executados se lles aplicaría a lei civil, non militar. Daquela xa foran executados todos os sinatarios da Proclamación e moitos outros participantes no Alzamento.

O documento hoxe[editar | editar a fonte]

Copias enteiras da Proclamación de Pascua son tratadas hoxe en día coma veneradas iconas nacionalistas irlandesas; ata se chegou a vender unha copia orixinal nunha subhasta por máis de 700.000 euros en abril do 2006. O participante do Alzamento Seán T. O'Kelly, presentou unha copia da Proclamación que posuía -e que asinou posteriormente- durante a súa investidura coma Presidente de Irlanda. Atópase exposta permanentemente no vestíbulo principal. Outras copias atópanse expostas na Oficina Xeral de Correos (cuartel xeral do Alzamento e lugar onde se leu por primeira vez), o Museo Nacional de Irlanda, o Gran Salón da Biblioteca do Trinity College e outros museos polo mundo adiante. Tamén se venden copias para os turistas en Irlanda. Copias do texto expóñense habitualmente nas escolas irlandesas e en pubs irlandeses por todo o mundo. Dende 2006, un membro das Forzas de Defensa Irlandesas le en voz alta a Proclamación fóra da Oficina Xeral de Correos durante as conmemoracións anuais do Alzamento, o domingo de Pascua.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. República Irlandesa en gaélico.
  2. Referíndose á Rebelión Irlandesa de 1641, a Guerra dos Dous Reis (1689-91), a Rebelión Irlandesa de 1798, a Rebelión de Robert Emmet de 1803, a Rebelión de Irlanda Xoven de 1848 e o Alzamento Feniano de 1867.
  3. Proclamación do "Goberno Provisional aos Cidadáns de Dublín". (Colección de posters da Biblioteca Nacional de Irlanda)
  4. Segundo a Proclamación do Lord Tenente de Irlanda do 9 de maio de 1916 no xornal Dublin Gazette, declarábase que Dublín se atopaba baixo a lei marcial, o que quería dicir que as seguintes accións que a administración do Castelo de Dublín tomaría, serían acordes con tal declaración.

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Tim Pat Coogan, Michael Collins (ISBN 0-09-174106-8)
  • Tim Pat Coogan, De Valera (ISBN 0-09-175030-X)
  • Dorothy McCardle, The Irish Republic
  • Arthur Mitchell and Padraig Ó Snodaigh, Irish Political Documents: 1916–1949
  • John O'Connor, The 1916 Proclamation
  • Conor Kostick & Lorcan Collins, The Easter Rising, A Guide to Dublin in 1916 (ISBN-10 0-86278-638-X)