Éamonn Ceannt

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Éamonn Ceannt.

Éamonn Ceannt, nado como Edward Thomas Kent o 21 de setembro de 1881 e finado o 8 de maio de 1916, foi un nacionalista irlandés, considerado un dos heroes do Alzamento de Pascua.

Biografía[editar | editar a fonte]

Ceannt naceu en Glenamaddy, Ballymoe, Condado de Galway, como o maior de sete irmás. O seu pai era membro da Royal Irish Constabulary, e cando se retirou en 1892, trasladouse coa familia a Dublín. Aló foi onde o xove Edward comezou a interesarse polo nacionalismo irlandés. Uniuse á Conradh na Gaeilge (Liga Gaélica), adoptou a versión irlandesa do seu nome (Éamonn), e chegou ser mestre de uilleann pipes, tendo a ocasión de tocar para o Papa Pío X acompañado por varios curas irlandeses do exilio. Tamén traballou como contable no Concello de Dublín.

Vida persoal[editar | editar a fonte]

En xuño de 1905, Éamonn Ceannt casou con Áine O'Brennan nunha cerimonia en irlandés. O seu fillo Ronán naceu en xuño de 1906. Áine Ceannt fundou posteriormente a Cruz Branca (White Cross en inglés) para axudar ás familias empobrecidas polas accións británicas ou que perderan o seu sustento na Guerra de Independencia.

Alzamento de Pascua[editar | editar a fonte]

En 1913 fíxose membro da Irmandade Republicana Irlandesa, e máis tarde foi un dos membros fundadores dos Voluntarios Irlandeses. No Alzamento de Pascua de 1916, foi un dos primeiros membros do seu Comité Militar, e un dos sete asinantes da Proclamación de Pascua. Foi o comandante do IV Batallón de Voluntarios, e durante a revolta mantívose na South Dublin Union e na destilería Marrowbone Lane, cun cento de homes ás súas ordes, entre os cales destacaban os seus lugartenentes Cathal Brugha e William T. Cosgrave. A súa unidade loitou intensamente durante toda a semana, mais rendeuse cando así o ordenou o seu oficial superior, Patrick Pearse. A posición de Ceannt foi unha das que non fora derrotada na loita, como a de Éamon de Valera en Boland's Mill.

Ceannt foi encerrado na prisión de Kilmainham, sendo executado mediante fusilamento o 8 de maio de 1916.

Legado[editar | editar a fonte]

A Ceannt Station da cidade de Galway, a principal estación de autobuses e ferrocarril do seu condado natal de Galway, reciben o sen nome en honor a Éamonn Ceannt, así como o Parque Éamonn Ceannt de Dublín. A Torre Eamonn Ceannt de Ballymun, demolida no 2005, tamén recibiu o seu nome del.

Notas[editar | editar a fonte]

  • William Henry, Supreme Sacrifice: The Story of Eamonn Ceannt, Mercier Press, 2005