Procesador de efectos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Os procesadores de efectos, tamén coñecidos como procesadores de sinal, son elementos do sistema que nos van permitir modifica-las características do noso sinal de son. A súa función é procesar o sinal que reciben e devolvelo ó sistema unha vez procesado. Este proceso será moi distinto segundo o efecto que se lle aplique ó sinal.

Podemos atopa-los procesadores de efectos de maneira individual, é dicir, un efecto único no sistema, en modelos preparados para incorporarse a un equipo de son, ou nos chamados pedais, habitualmente usados por músicos en directo. Tamén existen os mutiefectos, que conteñen un elevado número de efectos diferentes preprogramados dispostos para ser usados. O control dos pedais adoita exercelo cada músico porque afectan ós músicos individualmente, mentres que os multiefectos os manipulan de maneira máis habitual os técnicos, xa que se aplican a tódalas entradas ou a moitas delas á vez.

Conexión dos efectos[editar | editar a fonte]

A conexión básica supón que o sinal entrante, tamén chamado directo ou plano, é enviado ó procesador; e da súa saída (sinal procesado) envíase ó amplificador ou á canle correspondente da mesa. Habemos de controlar en que proporción hai sinal plano e procesado nesta saída, xa que é o sinal que imos usar con posterioridade. Isto regulámolo co balance ou mestura (Mix) do sinal.

Outra posibilidade é aplicar o procesador sobre un grupo de sinais dunha mesa de mesturas enviadas a través das saídas auxiliares. Neste caso cada canle determina en que proporción envía sinal ó procesador, e a mesa dispón dun máster de envío, que determina o nivel do sinal resultante enviado. Esta saída conéctase ó procesador, e este devolve o sinal procesado polas entradas de retorno, que adoitan ser entradas estereofónicas, e inclúen unha panorámica se se presentan como dous conectores monofónicos. A conexión anterior pode supoñer o uso de varios procesadores, se dispoñemos de varias saídas auxiliares na mesa.

Podemos enviar cada canle individual a diferentes procesadores. Así, procesarémolo de diversa forma cada un, realizando o seu retorno por distintas entradas de retorno. Tamén podemos devolvela por dúas canles individuais (ou un se o retorno é monofónico) e tratala como un sinal máis de liña (en directos faise sempre así). Para efectos de tipo eco pódese desdobra-lo sinal, enviando o sinal plano á mesa directamente por unha canle e o sinal procesado por outro diferente.

Todo isto admite múltiples combinacións, que van a depender do uso que se lle vaia dar ó sinal en cada momento. Isto dará lugar a infinidade de posibilidades de conexión para os efectos.

Clasificación dos efectos[editar | editar a fonte]

Efectos de tempo[editar | editar a fonte]

Distinguímo-los efectos de reverberación e os efectos de eco. O eco permitirá distinguir entre a onda orixinal e a repetida, mentres que a reverberación non. Esta dalle un certo corpo ó sinal. Se as reflexións chegan retardadas en máis de 50 milisegundos respecto ó son orixinal, o noso cerebro interprétao como un eco. En caso contrario é unha reverberación.

Teñamos presente que na construción dos estudios se empregan materiais absorbentes para que a sala sexa o máis morta posible. A reverberación ou eco que se precise engadirase de forma artificial.

Efectos de reverberación[editar | editar a fonte]

A reverberación é o enriquecemento do son que se atopa nunha sala ou nun ambiente acústico determinado. Dependendo do tipo de sala na que nos atopemos a reverberación será diferente. Todo isto débese a que o son que ouvimos é unha mestura do son orixinal e as súas reflexións sobre o entorno. Estas reflexións chegan retardadas respecto do son que se emitiu, cunha distribución irregular, e ademais cunha intensidade sonora menor. Este tipo de efectos contrólanse con diferentes parámetros existentes en tódolos equipos de procesado de sinal. Segundo os valores que lle demos a estes parámetros variará o efecto ó que se someterá o sinal.

Definimos como tempo de reverberación o tempo que é preciso para que o nivel da reverberación decreza 60 dB. Isto significa que practicamente se silencia. Este tempo mídese en segundos, e canto máis grande sexa o seu valor simularemos un espazo de maiores dimensións. Ademais varía en función da frecuencia do son. Se ten máis frecuencia ten unha tendencia maior a ser absorbido polas paredes, os mobles e o aire.

O retardo inicial é o tempo que transcorre dende que chega o son directo ata que chegan as primeiras reflexións. A estas chámaselles reflexións primarias. Se o retardo e maior asemellarase a unha sala máis grande. Adoita dar idea da claridade coa que se transmitirá o son. A reverberación chega a continuación. Tamén pódese escoller o retardo de reverberación, que é o tempo que transcorre entre as reflexións primarias e o inicio da reverberación.

As reverberacións naturais clasifícanse en:

  • Hall: Reverberación dunha sala grande.
  • Room: Reverberación dunha sala pequena.
  • Plate: Reverberación mecánica.

Evidentemente, o son reaccionará de forma moi distinta nestes tres ambientes. Existen tamén efectos que conseguen ambientes mixtos coa adecuada selección dos distintos parámetros.

Efectos de eco[editar | editar a fonte]

O eco prodúcese cando as dimensións da sala permiten distinguir claramente entre o sinal inicial e o repetido. Emprégase en guitarras como apoio rítmico, e tamén en voces e teclados. Conséguese volvendo a enviar sobre a saída o mesmo sinal retardado un certo tempo.

Entre os seus parámetros básicos destaca o retardo de realimentación, que é o tempo que tarda en volverse a enviar sobre a saída do sinal retardado. É regulable tamén o número de veces que se envía e o seu nivel. Os programas de delay permiten elixir un eco simple ou un eco múltiple. A separación co sinal orixinal debe ser superior a 50 milisegundos para poderse apreciar este efecto. Hai que ter en conta que este tipo de efectos teñen que ir acorde co tempo da música se se empregan en gravacións ou directos musicais.

Efectos de modulación[editar | editar a fonte]

Son os que afectan á modulación en frecuencia das sinais. A modulación está baseada na sensación que recibe o noso cerebro por diferenzas de volume, afinación e procedencia da música que executen os diferentes intérpretes. Obtemos unha sensación de profundidade musical. As sinais son repetidas cun determinado tempo de retardo e sometidas a unha lixeira variación de frecuencia nestas repeticións. Segundo a frecuencia de modulación, será diferente a modulación e, por tanto, a velocidade á cal o efecto varía. Este parámetro ás veces atópase como LFO (oscilador de baixa frecuencia).

A intensidade do efecto regúlase coa profundidade de modulación. A amplitude de modulación determina en que proporción variará a amplitude. Tamén se controla o feedback, en canto a duración e nivel. Os valores que adquiren todos estes parámetros farán que o efecto conseguido sexa moi diferente.

Os efectos de modulación máis comúns son:

  • Flanger: É un efecto que se aplica sobre todo a guitarras. Obtense variando lentamente e de maneira periódica os retardos entre o sinal directo e o retardado. Esta variación ten que ser acorde ó tempo da música, e tense que elixir desta maneira para apreciar o efecto en toda a súa beleza.
  • Chorus: Aplícase fundamentalmente a cordas e teclados. Conséguese variando o retardo entre dúas sinais idénticas. Este é moi pequeno e da un efecto de coro para o sinal. Actúa ademais sobre o panorama estéreo do sinal. A modulación é moi pequena tamén, co que se consigue un efecto panorama estéreo do sinal. A modulación é moi pequena tamén, co que se consigue un efecto moi doce.
  • Phaser: É unha versión suave do flanger. Conséguese producindo unha lixeira variación de fase entre o son directo e o retardado. Esta variación axústase co LFO. Así obteremos variacións de amplitude do sinal.

Existen mais efectos como o trémolo ou o vibrato.

Efectos de tonalidade[editar | editar a fonte]

Provocan cambios de afinación sobre o sinal recibido. Os máis habituais diminúen o sinal, recibido nunha ou dúas oitavas abaixo. Son os oitavadores. Úsanse con baixos e guitarras eléctricas. Nos multiefectos chámaselles pitch change, e permiten un axuste moi fino da tonalidade. Úsase para corrixir afinacións.

Este tipo de efectos permite nalgúns casos actuar sobre feedback, retardo e outros parámetros, conseguindo distintas repeticións a diferentes tonalidades.