Premio Ig Nobel

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Unha ra levitando magnéticamente. Por este experimento André Geim da Universidade de Nijmegen e a Sir Michael Berry da Universidade de Bristol foron galardoados co Premio Ig Nobel de Física no ano 2000.

Os Premios Ig Nobel son unha parodia dos Premios Nobel que son outorgados cada ano a principios de outubro a dez logros que "primeiro fan á xente rir, e despois fana pensar". Da organización dos premios encárgase a revista de humor científico Annals of Improbable Research (AIR) e son presentados por un grupo de persoas entre os que se inclúen premios Nobel nunha cerimonia no Sanders Theater da Universidade Harvard.

Historia[editar | editar a fonte]

A primeira edición dos Premios Ig Nobel tivo lugar no ano 1991. O enunciado orixinal di que os Premios Ig Nobel son outorgados a persoas cuxos logros "non poden, ou non deben, reproducirse". Cada ano outórganse dez premios en diversas categorías, incluíndo as categorías dos Premios Nobel, é dicir, física, química, fisioloxía/medicina, literatura e paz. Ademais, existen outras categorías como saúde pública, enxeñería, bioloxía e investigación interdisciplinar. Excepto tres premios outorgados o primeiro ano (que corresponden a logros ficticios) os Premios Ig Nobel corresponden a logros auténticos.

Cerimonia[editar | editar a fonte]

Os premios preséntanos auténticos premios Nobel. Orixinalmente a cerimonia tiña lugar nunha sala de conferencias do Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts (MIT), e actualmente outórganse no Sanders Theater da Universidade Harvard. A cerimonia inclúe unha serie de bromas, como Miss Sweety Poo, unha nena que continuamente repite "Por favor parade. Estou aburrida". Tradicionalmente a frase final é: "Se non gañaches un premio, e especialmente se o gañaches, mellor sorte o próximo ano".

A cerimonia está co-patrocinada pola Harvard Computer Society, a Harvard-Radcliffe Science Fiction Association e a Harvard-Radcliffe Society of Physics Students.

Outra tradición da cerimonia consistía en tirar avións de papel, aínda que en 2006 deixou de facerse por "motivos de seguridade". En anos pasados, o profesor de física Roy J. Glauber era o "garda da vasoira", encargado de varrer o escenario despois de que se tiraran os avións. En 2005, Glauber non puido asistir á cerimonia porque estaba viaxando a Estocolmo para recibi-lo auténtico Premio Nobel de Física.

No desfile de Ignitaries varios grupos secundarios entran na sala. Na cerimonia de 1997, un equipo de "investigadores de sexo crioxénico" distribuíron un panfleto titulado "sexo seguro a catro Kelvin". Tamén é frecuente que delegados do Museo de Arte Malo mostren diversas obras da súa colección, demostrando que a arte mala e a ciencia mala van da man.

O actor Russell Johnson, coñecido pola súa interpretación do profesor na serie de televisión A illa de Gilligan, participou unha vez na cerimonia de entrega coma "O profesor emérito da illa de Gilligan".

Difusión[editar | editar a fonte]

A cerimonia grávase e emítese na National Public Radio e móstrase en directo en Internet. A emisión ten lugar o venres despois do día de acción de grazas en Estados Unidos, no programa de radio Science Friday.

Publicáronse dous libros con reportaxes sobre algúns dos gañadores e unha xira dos Premios Ig Nobel percorreu o Reino Unido e Australia varias veces. A xira tamén visitou a Universidade de Dinamarca en 2009.

Crítica[editar | editar a fonte]

En 1995, Robert May, Baron May de Oxford, o principal asesor científico do goberno británico, pediu aos organizadores que deixaran de repartir os Premios Ig Nobel a científicos británicos, argumentando que existía un risco de que experimentos "xenuínos" se ridiculizaran. Porén, moitos investigadores británicos desestimaron as declaracións de Lord May, e a revista británica Chemistry and Industry publicou un artigo rebatendo os seus argumentos.

Outros premios ridiculizadores[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]