Portal:Música rock/Artigo destacado/decembro 2013

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Nirvana ao vivo.

MTV Unplugged in New York é un álbum en directo da banda estadounidense de grunge Nirvana, editado o 1 de novembro de 1994. Contén unha actuación en directo realizada nos Sony Music Studios en Nova York o día 18 de novembro de 1993 para a serie de televisión MTV Unplugged. O programa foi dirixido por Beth McCarthy e emitíuse por vez primeira pola cadea MTV o 14 de decembro de 1993. Ao contrario que no resto dos programas da serie, Nirvana tocou un setlist formado principalmente por temas pouco coñecidos e versións de The Vaselines, David Bowie, Meat Puppets (durante a actuación uníronse dous dos seus membros no escenario) e Lead Belly.

MTV Unplugged in New York foi o primeiro disco de Nirvana publicado tras a morte de Kurt Cobain. O álbum estreouse no número 1 da lista Billboard 200, e converteuse no seu lanzamento máis exitoso tras a súa separación, tendo sido certificado 5 veces platino nos Estados Unidos cara 1997. Tamén gañou o Grammy ao mellor álbum de música alternativa en 1996. A actuación foi editada en DVD no ano 2007.