Portal:Ferrol/Cabezallo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Ferrol é unha cidade e concello da provincia da Coruña, cabeza da comarca de Ferrol, terceira concentración urbana de Galicia, da cal é capital. Segundo o INE en 2014 tiña 70.389 habitantes, sendo a sétima cidade máis habitada de Galicia e a terceira da provincia. A cidade ocupa un emprazamento peninsular dentro da ría que leva o seu nome, a Ría de Ferrol.

Constitúe unha das cidades galegas máis importantes no eido industrial, cunha especial influencia do sector naval. Tamén conta cunha importante actividade das Forzas Armadas, principalmente da Armada Española, que ten dende o século XVIII unha das súas principais bases navais e un destacado Arsenal Militar.

A cidade aséntase de cara á ría de Ferrol, aínda que tamén conta cunha destacada fachada litoral cara ó Océano Atlántico na zona rural. Esa fachada acolle algunhas das máis afamadas praias, como as asentadas nas parroquias de Doniños, San Xurxo ou Covas.

Ademais da cidade, o termo municipal comprende once parroquias rurais e a vila da Graña, considerada como zona urbana a efectos legais aínda que se atope no arrabalde. O concello ten unha densidade de poboación de 852,17 hab./km² e unha superficie de 82,6 km².

Entre o patrimonio da cidade destacan o Castelo de San Felipe ou Concatedral de San Xiao. Por outra banda, a Semana Santa de Ferrol, un dos acontecementos máis sinalados do ano, xunta unha gran cantidade de turistas e é declarada de interese internacional.