Portal:Celtas/Artigo destacado/6

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coñécese como Rexurdimento celta o revivir do interese pola cultura, os mitos, lendas e a literatura dos "pobos celtas" que se produciu en Europa na segunda metade do século XVIII e continuou durante o Romanticismo e parte do século XX.

O interese polas culturas gótica e celta apareceu a mediados do século XVIII coas obras de Thomas Gray, influenciadas pola colección de poesía galesa publicada por Ieuan Brydydd en 1764. Foron moi populares influentes tamén os poemas pseudo-ossiánicos escritos por James Macpherson.

No século XIX publicáronse moitas traducións de obras das literaturas celtas, especialmente, os Mabinogion (Charlotte Guest, 1838-1849), o Barzaz Breiz e Os Bardos bretóns do século VI (Hersart de la Villemarqué, 1839-1850). En 1854 Ernest Renan publicou A Poesía das razas celtas, un estudo moi influente e en 1865-6 Mathew Arnold pronunciou unha serie de conferencias sobre a literatura celta en Oxford que vinculaba todas as literaturas celtas e contribuíu a promover a creación da cátedra de Celta nesta universidade en 1877.

Durante o XIX moitos escritores ingleses empregaron a temática celta, como Thomas Love Peacock, Tennyson e Gerard Manley Hopkins. En Escocia destacaron William Black e William Sharp (este co pseudónimo de Fiona Macleod). O rexurdimento foi especialmente vigoroso na Irlanda con autores como W. B. Yeats, "AE" (pseudónimo de George William Russell, Oliver St John Gogarty, Sean O'Casey e James Stephens. En Irlanda recibiu o nome de "Lusco-fusco celta".