Portal:Aves/Artigo destacado/2

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O dodo (Raphus cucullatus) era unha ave non voadora extinta e endémica da illa de Mauricio, ó leste de Madagascar no océano Índico. O seu familiar xenético máis próximo era o tamén extinto Pezophaps solitaria, formando ámbalas dúas especies a subfamilia Raphinae da familia das pombas. O seu familiar existente máis próximo é o Caloenas nicobarica. Antigamente críase que existira un dodo branco na illa de Reunión, mais considérase que isto foi unha confusión co Threskiornis solitarius debido a diversos cadros sobre dodos brancos.

Os restos subfósiles que se conservan indican que o dodo medía ó redor dun metro de altura e podería pesar entre os 10,6 e os 17,5 kg. A súa aparencia só se coñece por medio dos debuxos, pinturas e rexistros escritos do século XVII. Debido a que estes varían de forma considerable e a que só algunhas das ilustracións están feitas a partir de exemplares vivos, a súa aparencia exacta non se coñece ó completo, e hai moi pouca información sobre o seu comportamento. Malia que historicamente o dodo considerábase un animal gordo e torpe, o consenso científico actual indica que era unha especie ben adaptada ó seu ecosistema. As diversas representacións amósano cunha plumaxe de cor marrón agrisada, patas amarelas, unha mata de plumas na cola, unha cabeza espida de cor gris e un bico verde. Segundo un dos rexistros escritos conservados, a súa posta era dun só ovo. Os investigadores cren que o dodo quedou sen a capacidade de voar pola gran dispoñibilidade de fontes de alimentos e a ausencia relativa de predadores na illa de Mauricio.

A primeira mención rexistrada dun dodo é a duns mariñeiros holandeses no ano 1598. Nos anos seguintes esta ave foi cazada por mariñeiros e especies invasoras, ó mesmo tempo que o seu hábitat foi quedando destruído. O último avistamento amplamente recoñecido dun dodo foi en 1662. A súa extinción non chamou a atención inmediatamente, e algúns chegaron a consideralo unha criatura lendaria.