Plácida

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaPlácida

Editar o valor em Wikidata
Biografía
MorteRoma Editar o valor em Wikidata
Patrón deRubiáns Editar o valor em Wikidata

Plácida é unha santa venerada en Santa María de Rubiáns (Vilagarcía de Arousa), unha das santas catacumbais máis modernas de Galicia.

Santuario[editar | editar a fonte]

O corpo exhumouse a principios do século XIX no cemiterio de San Ciríaco de Roma de onde pasou a un veciño de Cádiz que nacera en Rubiáns, Bieito Quintana. Este mandoulle a seu pai o corpo santo para que o expuxese na igrexa da parroquia.[1] En 1825 o arcebispo compostelán Rafael de Vélez autorizou o culto das reliquias expostas nunha urna de cristal e madeira, na parede esquerda da igrexa parroquial.

A urna contén un esqueleto recuberto por unha figura de cera, con cara e pelo de muller, roupa de gala antiga e un corte no lado dereito da garganta. Na parte de abaixo da urna hai unha inscrición S. PLACIDA M. A carón da figura está un copón de madeira coa inscrición VAS SANG. S. PLACIDAE VIRG. ET M. (vaso do sangue de Santa Plácida, virxe e mártir).[2] Hai unha tradición oral de que Bieito Quintana se fixo co corpo santo nunha rifa celebrada nun porto de Italia ou en Cádiz.[1]

Festa[editar | editar a fonte]

A festa celébrase xunto coa de San Ramón na primeira fin de semana de setembro.[3]

A lenda de Santa Plácida[editar | editar a fonte]

Disque Plácida era unha nena da contorna que estaba fiando na roca na porta da casa cando pasou un descoñecido que se namorou no momento da rapaza e pediulle que marchase con ela. Como se negou o home raptouna, levouna ao monte e tentou vilolala. Ao resistirse, el matouna e escondeu o cadáver debaixo dunhas pólas. Despois dun ano pasou por alí un home cun carro, os bois pararon e negáronse a seguir por máis que os picaba coa aguillada. Asombrado empezou a buscar arredor e deu co corpo incorrupto da moza. A nova estendeuse pola zona ata que o bispo decidiu construír unha capela para acoller o corpo santo. Tamén se conta que a alma do criminal segue vagando polo mundo e cada ano pola festa de Santa Plácida volve á capela pedir perdón e a santa respóndelle: Fóra de aí, cabaleiro, que de min fixeches talleiro.[4]

Nesta lenda repítense feitos comúns a outros santos: os bois que se paran ante o corpo santo, partes do corpo que medran..

Santa Minia, San Campio, San Pexerto e Santa Plácida[editar | editar a fonte]

Santa Minia, San Campio e San Pexerto son os tres santos populares paleocristiáns cuxas reliquias, procedentes das catacumbas romanas de San Calisto, se conservan en Galicia desde a última parte do século XVIII, polo que os santuarios e devoción por eles son relativamente modernos. A eles únese Santa Plácida, restos procedentes de cemiterio de San Ciríaco un pouco máis tarde.

San Campio e san Pexerto eran moi indicados para a protección dos mozos que ían facer o servizo militar por suporse que foran soldados romanos. Nos tres casos coincide que coas reliquias veu de Roma a lápida encontrada na tumba e un vaso co suposto sangue do mártir, que pode ser o vaso de perfumes que se poñía nas tumbas romanas. Santa Plácida tamén conserva o suposto vaso de sangue.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Ferro Ruibal, (dir.); Boullón Agrelo, Ferro Ruibal, Xosé M. García Álvarez, Lema Suárez, Tato Plaza (1992). Diccionario dos nomes galegos (en galego). Vigo: Ir Indo. p. 435. ISBN 84-7680-096-7. Arquivado dende o orixinal o 23 de decembro de 2015. Consultado o 26 de abril de 2022. 
  2. "Santa Plácida en Rubianes Tus preguntas sobre los Santos". preguntasantoral (en castelán). Consultado o 2022-04-26. 
  3. Vilagarcía, M. G. (2018-09-03). "Fervor en Rubiáns por Santa Plácida". Faro de Vigo (en castelán). Consultado o 2022-04-26. 
  4. "Leyenda de Santa Plácida - Mancomunidad de O Salnés - Rías Baixas - Galicia". www.osalnes.com. Consultado o 2022-04-26.