Phytophthora infestans

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Phytophthora infestans
Síntoma da doenza na folla dun pataqueiro.
Síntoma da doenza na folla dun pataqueiro.
Clasificación científica
Reino: Protista
(sen clasif.) Chromista
Filo: Heterokontophyta
Clase: Oomycetes
Orde: Peronosporales
Familia: Pythiaceae
Xénero: 'Phytophthora'
Especie: ''P. infestans''
Nome binomial
''Phytophthora infestans''
(Mont.) de Bary

Phytophthora infestans é un protista fungoide da clase Oomicetes parasito das plantas e produce unha enfermidade coñecida coma mildio do pataqueiro, borralla da pataca ou néboa da pataca[1]. O organismo infecta os pataqueiros, tomateiras e outras Solanáceas, causando importantes perdas. Foi o causante principal da Gran Fame irlandesa de 1845 a 1849 e da Gran Fame escocesa de 1846 a 1857.

Bioloxía[editar | editar a fonte]

As esporas deste Oomicetes hibernan nos tubérculos infectados, en particular os que fican no solo logo da colleita do ano anterior e se propagan axiña en condicións cálidas e húmidas.[2] Isto pode ter efectos devastadores de destrución de colleitas enteiras. As esporas desenvólvense nas follas, estendéndose polo cultivos cando as temperaturas están por riba dos 10 °C e a humidade é superior ao 75% durante 2 días ou máis. A choiva pode arrastrar as esporas cara o chan onde infectan os tubérculos novos e o vento pode arrastrar as esporas a quilómetros de distancia.

As primeiras etapas da praga pasan facilmente desapercibidas e non todas as plantas son afectadas á vez. Os síntomas inclúen a aparición de tacas escuras nas follas e talos de plantas. En condicións de humidade aparecerá unha borralla branca por baixo das follas e toda a planta pode colapsar axiña. Os tubérculos infectados desenvolven tacas de cor cinsenta ou negra e que son de cor marrón avermelladas por baixo da pela. Axiña podrecen por unha infestación bacteriana secundaria e botan moi mal cheiro. Os tubérculos aparentemente sans hanse avelloar más tarde, mentres estean almacenados para o seu consumo ou plantación.

Xenética[editar | editar a fonte]

O xenoma do fungo foi secuenciado en 2009. O seu estudo revela que é extraordinariamente longo, máis do dobre do das especies de fungos oomicetos máis achegadas a P. infestans. Este gran tamaño débese á enorme cantidade de secuencias repetidas que posúe. «As rexións ricas en repeticións supoñen preto do 75% do xenoma completo do fungo [...] estas rexións son moi inestábeis e xeran altas taxas de mutación; por iso os xenes presentes nelas teñen maior probabilidade de mutaren que aqueles xenes que están en zonas non repetidas», segundo Sophien Kamoun, investigador principal do Laboratorio Sainsbury de Norwich (Reino Unido) e coautor principal das pescudas sobre a secuenciación publicada en Nature nese ano, xunto co director do Programa de Secuenciación e Análise Xenómica do Instituto Broad do MIT e da Universidade de Harvard, Chad Nusbaum. Para eles existen «dúas velocidades diferentes na estrutura do xenoma» e a parte capaz de evoluír máis rapidamente permite ao fungo adaptarse axiña ás plantas que se tornan resistentes á enfermidade.[3]

Tratamento[editar | editar a fonte]

Pataca infectada con "Phytophthora infestans".

P. infestans segue a ser unha praga difícil de controlar hoxe en día. Hai moitas opcións na agricultura para o control de danos na follaxe e as infeccións do tubérculo. As patacas medran durante toda a tempada e estímase que os tubérculos deixan de medrar cando o 75% da follaxe da planta é destruído.[4] Isto tamén debe terse en conta nos cultivos, xa que significa que as plantas non teñen que ser 100% resistentes á peste.

A peste pode ser controlada mediante a limitación da fonte de infección. Deberían de plantarse tubérculos de boa calidade e desbotarse patacas da tempada anterior pois poden actuar coma fontes de infección.[5]

Hai varias condicións ambientais que propician a praga de P infestans. Mediante o uso dos sistemas de prognóstico meteorolóxico, se se detectar que se van producir as condicións axeitadas para o espallamento da praga, cómpre usarmos funxcidas.[6] Estas son as seguintes (BLITECAST):

  • Un Período de Beaumont é un período de 48 horas consecutivas, no cal ao menos en 46 das lecturas de temperatura e humidade relativa dun determinado lugar non foron menores de 20 °C e 75%, respectivamente.[7]
  • Un Período de Smith é un período de polo menos dous días consecutivos no que a temperatura mínima é de 10 °C ou superior, e en cada día durante polo menos 11 horas a humidade relativa é superior ao 90%.[8]
Phytophthora infestans en pataqueiros e cacao.

O uso de funxicidas para o control da praga normalmente só se utiliza de xeito preventivo, tal vez en relación coas previsións da enfermidade. En variedades de patacas susceptíbeis, ás veces poden ser necesarias aplicacións semanais de funxicida. A aplicación temperá é máis eficaz. O metalaxyl é un funxicida que se comercializa para o seu uso contra P. infestans, mais sofre graves problemas de resistencia cando se utiliza so. Os uso de fitofortificantes comas os fosfitos tamén pode ser moi efectivo coma preventivo contra esta peste.

A limpeza do terreo pode reducir a contaminación, impedindo que o patóxeno se espalle aos turbérculos. Isto normalmente involucra ao solo ou á manta de descomposición amontoada arredor dos talos do pataqueiro.[9] Tamén pode destruírse a follaxe arredor de dúas semanas antes da colleita. Isto pode facerse cun herbicida de contacto ou mediante o uso de ácido sulfúrico para queimar a follaxe.

Variedades de pataca[editar | editar a fonte]

As distintas variedades de pataca varían na súa susceptibilidade ao mildio do pataqueiro. A meirande parte das variedades temperás son moi vulnerábeis, así que, para madurecermos a colleita antes de comezar a praga (xeralmente en pleno verán) plántanse moi cedo. Moitas das variedades tradicionais cultivadas, como a pataca King Edward, son tamén moi susceptíbeis, porén son cultivadas por seren requiridas comercialmente. As principais variedades que desenvolven a doenza moi amodo son Cara, Stirling, Teena, Torridon e Remarka Romano. Algunhas das chamadas variedades resistentes poden resistir algunhas cepas da praga e non outras, polo que o seu rendemento pode variar dependendo das condicións. Estes cultivos tenden a ter unha resistencia polixénica inherente.

A fame irlandesa de 1845[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Gran Fame irlandesa.

Disque barcos carregados con guano ou detritos de aves mariñas desde as costas peruanas e chilenas levaron a Europa a Phytophthora infestans, responsábel directo da enfermidade coñecida coma mildio serodio ou mildio da pataca que arrasou leiras enteiras de pataqueiros e provocou a morte de 2.000.000 de europeos, a metade en Irlanda, así como grandes correntes migratorias aos Estados Unidos e outros países das Américas.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Nome vulgar n'"Os cultivos agrícolas" en Vocabulario do medio agrícola. [Santiago de Compostela], Dirección Xeral de Política Lingüística, 1988
  2. Paul A. Koepsell and Jay W. Pscheidt. 1994 Pacific Northwest Plant Disease Control Handbook, Oregon State University Press (1994): p 165.
  3. Miguel G. Corral, "Secuencian o xenoma do meirande inimigo da pataca", El Mundo, 11 de setembro de 2009.
  4. Assessment of Plant Diseases and Losses by W C James. Annual Review of Phytopathology Vol. 12 p 27-48 (1974)
  5. MJ Zwankhuizen, F Govers, JC Zadoks Development of potato late blight epidemics: Disease foci, disease gradients, and infection sources Phytopathology, Volume 88, 1998
  6. Scheduling fungicide applications for potato late blight with Blitecast by DR MacKenzie. Plant Disease Volume 65 páxinas 394-399 (1981
  7. [http://www.eumetcal.org/euromet/glossary/beaumont.htm Beaumont period
  8. http://www.potatocrop.com/blight/blightaboutsmith.asp
  9. J. R. Glass, K. B. Johnson, and M. L. Powelson, Assessment of Barriers to Prevent the Development of Potato Tuber Blight. 2001. Plant Disease Volume 85.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Phytophthora infestans

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]