Pancorbo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Escudo de Pancorbo

Pancorbo é un concello español, no nordeste da provincia de Burgos, na comunidade autónoma de Castela e León. Ocupa unha superficie de 58,69 km², cunha poboación de 519 habitantes (2005). Dista 63 km da capital provincial, e só 17 km de Miranda de Ebro. O xentilicio que designa aos poboadores é pancorbino.

Tradicionalmente formou parte da comarca da Bureba, pero as reorganizacións recentes asígnana á comarca do Ebro.

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

O nome de Pancorbo procede do latín ponte curvu: ponte curva.

Historia[editar | editar a fonte]

No ano 883 a crónica de Albelda indica que o conde alavés Vela Ximénez tomou o castro "cui Pontecorbum nomen est" (que ten por nome Pontecorbum), pasando a formar parte das terras castelás. Durante parte do século XI formou parte do reino de Navarra, pasando a Castela de xeito definitivo en 1076, sob o rei Afonso VI. En 1147, Pancorbo recibiu carta foral do rei Afonso VII. Posteriormente outorgóuselle a capitalidade da merindade da Bureba, dada a súa prosperidade. Tivo barrio xudeu e foi un dos lugares de paso do Camiño de Santiago.

Ao pasar a ser Briviesca a capital da Bureba, Pancorbo perdeu a súa importancia, entrando en decadencia.

A finais do XVIII contaba cunha fortaleza, que sería ocupada polas tropas napoleónicas ata 1813. O Exército de Galicia, ao mando do xeneral Blake, enfrontaríase na batalla de Pancorbo aos franceses.

En 1862 chegou o ferrocarril Madrid-Irún a Pancorbo, pero non significou ningún pulo para a poboación, dada a proximidade do nó ferroviario de Miranda de Ebro.