O vixía no centeo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
O vixía no centeo
Título orixinal The Catcher in the Rye
Autor J. D. Salinger
País EUA
Lingua inglés
Tema(s) ficción
Xénero(s) Novela
Editorial Edicións Xerais (1990)
Data de pub. 1951
Formato Rústica cosido a fío
Páxinas 224
ISBN 978-84-9782-494-1
Tradutor Xosé Ramón Fernández Rodríguez

O vixía no centeo (título orixinal en inglés The Catcher in the Rye) é unha novela de J. D. Salinger publicada en 1951. A tradución ao galego de Xosé Ramón Fernández Rodríguez foi publicada por Edicións Xerais en 1990.

No seu momento provocou numerosas controversias nos EUA pola súa linguaxe provocadora e por falar con claridade da sexualidade e a ansiedade adolescentes.

O seu protagonista, Holden Caulfield, converteuse nunha icona da rebeldía adolescente. Escrita en primeira persoa, a novela relata as experiencias de Holden en New York, despois de ser expulsado do seu instituto, Pencey Prep, por suspender a maioría das materias no primeiro trimestre.

O título fai referencia a unha reflexión do protagonista sobre o que quere ser de maior, referíndose ao verso dun poema.

Argumento[editar | editar a fonte]

Aviso: Esta sección pode revelar detalles da trama e/ou do argumento.

Holden Caulfield, tras suspender catro materias, é expulsado de Pencey, o cuarto instituto ao que vai e que tanto odia. Despois de coñecer esta noticia, e acordándose da nota que o citaba co seu profesor de historia, o señor Spencer, decide acudir ao encontro para despedirse. Manteñen unha longa conversa na que o mestre lle reprocha o seu baixo rendemento escolar e intenta aconsellalo. Xa na residencia, o seu compañeiro de cuarto, Stradlater, coméntalle que ten unha cita cunha rapaza chamada Jane Gallagher (coa que Caulfield intimara cando coincidiran de vacacións en Maine) o que o amola bastante. Ademais deste feito,recibe a visita dun compañeiro, Ackley, que é descrito como un rapaz pouco hixiénico e un tanto pesado, que consegue poñelo dos nervios pero que no fondo lle da mágoa xa que a ninguén lle cae moi ben.

Como Stradlater regresa tarde da súa cita, Caulfield interrógao respecto ao que fixeron. O compañeiro négase a responder, e Holden sospeitando que fixo o amor con Jane, ponse furioso e golpéao, iniciando así unha pelexa. Aínda que non é a primeira vez que discuten, si é a primeira que pelexan, xa que no fondo a Holden non lle cae nada ben. O certo é que nunca se levou moi ben con ningún dos seus antigos compañeiros de habitación xa que, segundo el, todos eran un pouco raros.

Caulfield, despois do altercado decide marchar a pesar de que aínda non era o día oficial da expulsión. Tras botar un berro a todo o colexio, en sinal de rabia, e abandonalo, toma un tren cara a New York. Nel atópase coa atractiva nai dun compañeiro, á que conta varias mentiras encol do bo comportamento do rapaz.

Unha vez na gran cidade, decide aloxarse nun hotel xa que non quere contarlles aos seus pais que o botaron novamente do instituto. Dende alí, chama a unha muller, Faith Cavendish, que traballaba de bailarina de striptease. Ao non poder convencela para que saia con el, Caulfield baixa ao salón de baile, onde danza con de tres turistas. Logo de saír do salón, empeza a recordar as vacacións que pasou con Jane, e ponse melancólico. Decide ir un club de jazz. Alí atopa a Lillian Simmons, antiga moza do seu irmán, que o invita a tomar unhas copas. Para non estar con ela, pon unha escusa e regresa ao hotel.

Cando se dirixía á habitación, o ascensorista ofrécelle os servizos dunha prostituta a cambio de cinco dólares. Holden acepta o trato e vaise ao seu cuarto a esperar pola muller. Cando chega, ela preséntase como Sunny e trata de ter sexo con Caulfield, pero este acovárdase e págalle os cinco dólares acordados. Sunny reclama dez dólares, pero Caulfield négase. A prostituta marcha e regresa co ascensorista que lle dá unha paliza, levando finalmente os cinco dólares que di deberlle Holden.

Á mañá seguinte, mentres almorza, coñece a dúas monxas que lle resultan agradables e mantén con elas unha conversa sobre literatura que o fai sentir, en certo modo raro, xa que o libro do que falan ten certas alusións sexuais. Esa mesma tarde queda con Sally para ir a ver unha “aburrida e ridícula” obra de teatro. Cando esta remata, van patinar e Holden revélalle a súa idea de marchar da cidade, como Sally non demostra interese en irse con el, discuten e a rapaza marcha realmente enfadada.

Volve quedar só e chama para ir a tomar algo a un antigo compañeiro, Carl Luce, un intelectual, maduro e inxenioso rapaz que ás veces lle resulta fastidioso. Tras este encontro, xa un pouco borracho, ocórreselle a idea de ir á casa falar coa súa irmá Phoebe, que para el é marabillosa, moi lista para a súa idade e que continuamente o “deixa sen fala”, ela é a única persoa coa que ten unha interacción real. Falan da escola e Holden cóntalle que o expulsaron outra vez ante o que non reacciona nada ben. Ela enfádase un pouco e recrimínalle a Holden que non lle guste nada, que non lle gusten millóns de cousas ao que el responde que hai cousas que si que lle gustan, como por exemplo o seu irmán Allie, aínda que está morto, ou tamén ser o vixía entre o centeo, eso é realmente o que lle gusta, o que lle gustaría ser, aínda que iso só é unha fantasía dentro da súa cabeza.

Holden sae da casa para evitar aos seus pais e decide durmir xunto a un antigo profesor de literatura, o Señor Antolini co que mantén unha longa conversa acerca do rumbo que tomará a súa vida senón decide facer algo e do importante que é a educación. Ao interpretar como un acto de sexualidade que o profesor lle acaricie a cabeza no medio da noite, ponse moi nervioso, escúsase e marcha do apartamento. Pasa parte da noite na estación de tren, onde decide definitivamente que deixará a cidade, marchará ao outro lado do país en autostop e vivirá nunha cabana sen volver ver a súa familia por moitos anos. Antes de que isto ocorra quere despedirse de Phoebe e cítaa diante dun museo ao que el ía de pequeno. Ao reunírense, ela exprésalle o desexo de escapar con el, o protagonista explícalle que iso non é posible, a rapaza enfádase e xura non volverlle falar nunca máis.

A pesar deste feito van xuntos ao zoo. Antes de subir ao carrusel, Phoebe, confésalle que xa non está enfadada e el promételle que non marchará. É neste momento, vendo á súa irmá divertirse, cando o protagonista di ser feliz por primeira vez.

Ao remate da novela, Holden cóntalle ao lector que non sabe o que pensar dos feitos que relatou e que se arrepinte de facelo xa que iso fíxoo botar de menos a todas as persoas das que falou.

Para finalizar a análise do elaborado argumento desta novela cabe destacar certos aspectos que a caracterizan de forma inconfundible. Ao longo da obra nárranse e descríbense os lugares sempre con moita subxectividade e, ás veces, ironía e humor o que lle dá un toque moi persoal. Segundo vai visitando diferentes lugares e estando con diferentes persoas, o protagonista, móstrase como unha icona de rebeldía adolescente que realiza unha profunda e pesimista análise da súa realidade.

Pódese mencionar o odio de Holden cara aos hipócritas, o feito de que non entenda o sexo, que sexa un imán para as situacións raras, que malgaste moitos cartos, que só lle gusten realmente dúas cousas ou que a pesar de criticar a actitude de todo o mundo defina a súa, ás veces, como covarde.

En resumo, o autor pretende, a través deste rapaz, mostrar con claridade o mundo adolescente reflectindo a ansiedade dos xoves, os problemas que sofren, as reflexións que fan, as conclusións que sacan e fundamentalmente, o seu punto de vista.

Personaxes[editar | editar a fonte]

Campo de centeo.

O protagonista é Holden Caulfield, un mozo de 16 anos, moi delgado e co lado dereito da cabeza cheo de canas. Vive en New York, é moi mal estudante, e xa o botaron de 4 colexios. Adoita mentir sen razón algunha, só por diversión ou para evitar dar explicacións. Odia a hipocrisía (se ben en moitas ocasións recoñece que el actúa dese xeito), a falsidade, a xente creída e as palabras cursis e cultas, pero sobre todo que a xente lle minta. É moi amable e carismático, aínda que en ocasións é moi sarcástico e mesmo desagradable. Malgasta os cartos con moita facilidade. Recoñécese como covarde, e ten a manía de acender mistos cando está de mal humor. Fuma moito, e xoga ben ao golf. É virxe e non entende o sexo. Quería moito o seu irmán Allie, xa falecido.

Con respecto aos seus compañeiros, fala sobre o seu compañeiro de habitación, Ward Stradlater, do que di que é un “porco en segredo” e que “está namorado de si mesmo”. Tamén fala sobre Robert Ackey, este é un rapaz que vive na habitación do lado e que frecuentemente quéntalle o sague a Holden, aínda que no fondo dálle pena. Carl Luce é un rapaz que coñeceu en Whooton e que según di él sabe moito sobre sexo. Sobre as mulleres fala de Sally Hayes que é a moza coa que soe saír en Nova York e Jane Gallagher que é a moza da que verdadeiramente está namorado.

Familiares[editar | editar a fonte]

D.B. é o irmán maior de Holden. Escribe contos, e tras estar no exército (participando mesmo no desembarco de Normandía), marcha a Hollywood, onde consegue sona e cartos.

Allie era outro irmán, dous anos menor ca Holden, que faleceu de leucemia con 13 anos. Tiña o pelo vermello, era moi intelixente e nunca se enfadaba. Holden menciónao numerosas veces na novela, unha delas descríbeo como unha das poucas cousas que lle gustan.

Phoebe é a súa irmá, de 10 anos. Tamén ten o pelo vermello, é moi delgada e saca boas notas no colexio. Gústalle patinar e escribir, e é moi agarimosa e sensible. Holden di que se comporta de forma moi madura para o pequena que é.

  • O pai de Holden é avogado nunha empresa, e ten bastantes cartos.
  • A nai é moi nerviosa, e está moi mal de saúde desde a morte de Allie.

Holden ten outros familiares, mais considéraos uns cretinos, coma seu avó, que vive en Detroit, as súas tías e os seus curmáns.

Controversia[editar | editar a fonte]

As razóns principais polas que o libro foi criticado eran principalmente a súa linguaxe ofensiva e as súas referencias ás drogas, o alcohol e a prostitución. Os críticos ven a Holden coma un instigador de masas.

Trinta anos despois da súa publicación en 1951, O vixía no centeo era tanto o libro máis prohibido coma o segundo máis estudado como lectura obrigatoria nos institutos estadounidenses. Na década de 1990 foi o nº 13 na lista de libros máis lidos nos EUA segundo a Asociación de Bibliotecas dos EUA, e no 2005 mantívose entre os dez primeiros.

Influencia na cultura[editar | editar a fonte]

A obra influíu noutras obras de narrativa, teatro, cine e música. Por outra banda, tamén é obxecto de polémica o feito de que varios asasinos se viron relacionados co libro: Era levado por Mark David Chapman (que asesinou a John Lennon en 1980) no momento do seu arresto. John Hinckley Jr (que intentou asasinar a Ronald Reagan en 1981) tamén declarou estar obsesionado co libro. Robert John Bardo (asasino de Rebecca Schaeffer) levaba o libro no momento do seu crime.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]