Nupel Global Racing

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Sergio Vallejo con Nupel no Rally Illas Canarias de 2010.

Nupel Global Racing foi un equipo privado de rally con sede en Lugo, que competiu entre 2007 e 2011 no Campionato de España de Rally e no Campionato Mundial S2000, acadando o título nas dúas competicións, con Sergio Vallejo no 2009 e con Xavi Pons en 2010. O equipo estaba patrocinado polo empresario lucense Jorge Dorribo, propietario da compañía farmacéutica Laboratorios Nupel, e tivo ao ex-copiloto coruñés Luís Moya como director deportivo.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Sergio Vallejo cando era membro do equipo Nupel.

En 2006 o piloto Sergio Vallejo deixou o equipo FIAT do que formara parte desde 2001. A finais de ano debutou co Porsche 911 no Rally San Froilán, unha proba puntuable para o Campionato Galego onde rematou na segunda posición.[1]

Tempada 2007[editar | editar a fonte]

En 2007 Vallejo disputou o Campionato de España co Porsche 997 GT3 xa baixo o patrocinio dos laboratorios Nupel, logrando vitorias no Rally Illas Canarias e no Rally de Ferrol.[1]

Tempada 2008[editar | editar a fonte]

Porsche 911 do equipo Nupel no Rally Shalymar de 2008.

En 2008 Vallejo continuou nos mandos do 997 GT3, esta vez gañando nas Canarias, Llanes, Costa Brava e Shalymar, proclamándose subcampión, empatado a puntos con Enrique García Ojeda. En Llanes estreou unha evolución do Porsche preparado polo francés Bernard Vara.[1]

Ese ano o catalán Xevi Pons entrou no equipo, debutando no Rally Costa Brava e no Serra Morena, tamén cun Porsche 911 GT3.[2]

Tempada 2009[editar | editar a fonte]

Na tempada 2009, Vallejo e Pons formaron equipo no Campionato de España de asfalto. Vallejo fixo un inicio de tempada irregular, logrando a vitoria nas Canarias por terceiro ano consecutivo, pero sumando dúas retiradas (Vila Joiosa e Cantabria). Na segunda metade do campionato gañou en Ourense, Príncipe de Asturias e Sierra Morena, logrando o título nacional na penúltima proba, Costa Brava, onde quedou cuarto. Tamén gañou a derradeira proba, o Rally Shalymar.[1]

Pola súa banda, Pons disputou o campionato de terra e o de asfalto cun Mitsubishi Lancer Evo X, logrando neste último sete podios, o subcampionato e o campionato do Grupo N.[2]

Tempada 2010[editar | editar a fonte]

Xavi Pons co Ford Fiesta S2000 en Alsacia.

En 2010 o equipo tivo varias novidades. O ex-copiloto coruñés e campión do mundo Luís Moya asumiu o cargo de director deportivo, cambiouse o Porsche polo Ford Fiesta S2000, un vehículo preparado pola compañía británica M-Sport e os pilotos Álvaro Muñiz, Adrián Díaz e Marta Suria uníronse ao equipo. Con todo, a mediados de tempada, xusto antes da celebración do Rally Rías Baixas, Sergio Vallejo abandonou o equipo por problemas con Moya, despois de ter disputado só tres probas co equipo e despois de participar no Rally de Ourense cun Peugeot 207 S2000. Non completou o resto de probas do calendario e rematou no noveno lugar, sen poder revalidar o título que gañara o ano anterior.[1] Pola súa banda, Pons disputou o nacional de asfalto, logrando unha vitoria en Ourense, e participou no novo Campionato Mundial de Rallys Super 2000, onde logrou dúas vitorias, México e Xordania, e gañou o título no última proba do ano, Gran Bretaña.[3] Ademais do título de pilotos, o equipo quedou segundo na clasificación por equipos, a só un punto do equipo gañador, o Red Bull Rally Team.[4]

Tempada 2011[editar | editar a fonte]

O equipo RMC Motorsport conservou os patrocinadores do equipo e disputou a tempada 2011 con varios pilotos. Na imaxe José Antonio Lodeiro no Rally Cataluña.

En 2011 o equipo tiña a Pons como o principal piloto aos mandos do Ford Fiesta S2000 e cambiou o nome a Nupel Estrella Galicia 0,0, debido ao novo patrocinador. Tamén incluíron varios pilotos e novos e vehículos, como Adrián Díaz a bordo dun Ford Fiesta S1600 e tres Ford Fiesta R2 para Marta Suria, Marcelo Conchado, Juan Dorribo e incluso Enrique García Ojeda cunha cuarta unidade.[5]

Con todo, a principios de ano o equipo disólvese debido á detención de Jorge Dorribo, xunto a outras persoas relacionadas cunha trama dedicada a conseguir subvencións ilegais.[6][7] En maio o equipo cambiou de dono e pasou a ser propiedade de Roberto Méndez, que comprou o equipo coa intención de continuar cos proxectos, pilotos e patrocinadores principais.[8]

Resultados[editar | editar a fonte]

Campionato do Mundo de Rally[editar | editar a fonte]

Ano Vehículo Pilotos 1 2 3 4 5 6 7 Posición Puntos
2010 Ford Fiesta S2000 Xavi Pons MEX
8
XOR

10

NZL
10
POR

12

ALE
15
FRA

15

GBR

13

15º 6 [4]

Campionato do Mundo de Rally S2000[editar | editar a fonte]

Ano Vehículo Pilotos 1 2 3 4 5 6 7 Posición Puntos
2010 Ford Fiesta S2000 Xevi Pons MEX
1
XOR
1
NZL
2
POR
2
ALE
5
FRA

4

GBR
3
123 [4]

Copa WRC de equipos[editar | editar a fonte]

Ano Vehículo Pilotos 1 2 3 4 5 6 7 Posición Puntos
2010 Ford Fiesta S2000 Xavi Pons MEX
1
XOR
1
NZL
2
POR
2
ALE
5
FRA
4
GBR
3
125 [4]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 revistascratch.com. "Sergio Vallejo". revistascratch.com (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 19 de outubro de 2012. Consultado o 8 de setembro de 2021. 
  2. 2,0 2,1 "Xevi Pons". revistascratch.com (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 19 de outubro de 2012. Consultado o 9 de setembro de 2021. 
  3. García Vegas, Juan Carlos (14 de novembro de 2010). "Resumen S-WRC: Mikkelsen gana pero Pons se lleva el título". latulasport.es (en castelán). Consultado o 9 de setembro de 2021. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 "Resultados dos campioantos do mundo". juwra.com (en inglés). Consultado o 9 de setembro de 2021. 
  5. Villarín, Nacho. "Vídeo: Ford Fiesta S2000 2011 del Nupel Global Racing". revistascratch.com. Arquivado dende o orixinal o 29 de xaneiro de 2014. Consultado o 9 de setembro de 2021. 
  6. "Los 15 detenidos por la trama gallega de fraude en subvenciones pasarán a disposición judicial en las próximas horas". eldia.es. 25 de maio de 2011. Consultado o 9 de setembro de 2021. 
  7. Salgado, Xurxo (5 de maio de 2011). "Una trama dedicada a captar subvenciones ilegales para las empresas gallegas". El Mundo. Consultado o 9 de setembro de 2021. 
  8. Dapepan (20 de maio de 2011). "RMC compra Nupel Global Racing". horquillacerrada.com. Arquivado dende o orixinal o 28 de xaneiro de 2014. Consultado o 9 de setembro de 2021. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]


Ligazóns externas[editar | editar a fonte]