Monterrei, Monterrei, Monterrei

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Monterrei
ParroquiaMonterrei
ConcelloMonterrei
Coordenadas41°56′48″N 7°26′58″O / 41.946591182873, -7.4493763448284Coordenadas: 41°56′48″N 7°26′58″O / 41.946591182873, -7.4493763448284
Poboación7 hab. (2019)
editar datos en Wikidata ]

Monterrei é un lugar da parroquia de Monterrei, no concello de Monterrei. Segundo o IGE en 2019 tiña sete habitantes (cinco homes e dúas mulleres).

Xeografía[editar | editar a fonte]

Ssitúase a entre 500 e 520 m de altitude no alto dunha pequena elevación que domina o val de Monterrei, nas estibacións da serra de San Salvador, sobre o río Támega. O relevo do contorno ten unha acusada pendente que descende cara ao val polas bandas este, sur e oeste do núcleo e sobe cara á serra pola súa banda noroeste. É un asentamento de tamaño medio, con 2,69 ha intramuros. Todo o seu recinto fortificado ocupa unha extensión próxima ás 9 ha. Na actualidade o núcleo de Monterrei non ten función residencial e os únicos edificios que non están arruinados teñen un uso dotacional.

Historia[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Castelo de Monterrei.

O conxunto fortificado de Monterrei atópase sobre os restos do castro de Baronceli. Na idade media iníciase a fortificación do outeiro. A muralla interior é do século XII, reconstruída no século XV. As dúas cintas de muralla máis exteriores foron construídas na época de Filipe IV. Nos séculos XIV e XV a vila contou cunha importante comunidade xudía e en 1485 instalouse nela a primeira imprenta de Galicia[1]. En 1832 hai referencia a unha poboación de 241 habitantes[2] con dous alcaldes ordinarios e gobernador militar. En 1848 son unhas 56 casas[3] e 1.040 veciños en 1866[4].

Morfoloxía[editar | editar a fonte]

Tecido urbano[editar | editar a fonte]

O conxunto construído atópase nun estado de avanzada deterioración, agás os edificios máis monumentais, que están en mans de institucións e son empregados como equipamento.

Hai dous barrios ou aglomerados principais. O primeiro é o que se desenvolve polo bordo nordeste do recinto amurallado, ao longo da rúa que comunica as dúas portas principais do recinto. O segundo, de menor tamaño, está o noroeste, dando fronte do acceso ao patio de armas do castelo. Os dous barrios ocupan aproximadamente a metade norte do recinto murado máis elevado, do cal o conxunto de castelo, igrexa e edificios anexos ocupa a metade sur.

Arquitectura[editar | editar a fonte]

Igrexa parroquial de Santa María de Graza de Monterrei, pechando a cidadela.

Do castelo orixinal resta un pequeno conxunto de edificios civís, militares e relixiosos de diferentes épocas: dúas torres, un palacio e a igrexa parroquial. Este conxunto está cinguido por un muro que o separa da praza de acceso por un pano que gaña altura aproveitando o forte desnivel do terreo polas bandas sur e oeste.

O desaparecido colexio xesuítico de San Xoán Bautista, fundado en 1556, atopábase no lugar que agora ocupa o Parador de Turismo. Non hai restos visibles, aínda que a fotografía aérea de 1956 mostra algúns trazos sobre o chan que poderían corresponderse cos alicerces dos muros e dos claustros. O convento dos Franciscanos, tamén desaparecido, atopábase na parcela murada inmediata ao cemiterio, coñecida como Toural, e consérvanse del certos lenzos de muros en ruínas.

Viario[editar | editar a fonte]

A estrutura viaria de Monterrei é simple e está moi condicionada polo accidentado do terreo. Redúcese a dúas rúas, unha que comunica as dúas portas principais de acceso ao recinto superior e outra que leva da porta norte directamente ao castelo. Todo o casarío distribúese de forma lineal ao longo destas dúas rúas, que teñen un trazado curvo que busca a adaptación ao terreo e ao trazado das murallas, e non chega a constituír mazás pechadas nin a crear viario secundario.

Recintos murados[editar | editar a fonte]

Fortaleza de Monterrei, recinto superior de murallas.

Todo o núcleo de Monterrei está contido no recinto amurallado medieval, que é o que se sitúa a unha cota máis elevada. Ten unha planta lixeiramente ovalada, cun eixe maior de noroeste a sueste duns 190 m e un eixe menor duns 130 m aproximadamente. O castelo sitúase no seu centro, no punto máis alto.

As dúas cintas de muralla máis exteriores teñen un trazado concéntrico e sitúanse a diferente nivel. A superior ten un trazado curvo e a inferior componse de lenzos rectos entre baluartes en bonete de crego. Entre estas dúas cintas ábrese un extenso adarve baleiro, desprovisto hoxe de vexetación e edificios.

A muralla máis exterior prolongaba un dos seus tramos, hoxe case desaparecido, ata envolver os edificios do Colexio dos Xesuítas e do convento dos Franciscanos, que nos anos 50 aínda eran perceptibles como ruínas visibles[5]. O recinto abarcado ten unha forma alongada en planta cuns 750 por 270 m aproximadamente. Esta forma alongada tan acusada débese á necesidade de rodear polo norte o convento dos Franciscanos e polo sur o colexio dos Xesuítas.

Ademais destes recintos murados consérvanse algunhas posicións exteriores de defensa pola banda norte, que servían como segunda liña de fogo en caso de ataque e defendían a banda máis accesible da fortaleza. Tales son a coñecida como Atalaia, da que aínda se conservan os muros en pé, aínda que moi deteriorados e ameazando ruína total. Asemade consérvanse restos doutros postos militares no alto de San Salvador, moi prexudicados por obras relativas ás explotacións madeireiras.

Xerarquía territorial[editar | editar a fonte]

Centralidade[editar | editar a fonte]

A orixe fortificada de Monterrei non fai posible relacionalo coa actividade agropecuaria. Tampouco as tipoloxías arquitectónicas permiten falar dun vencello claro cun territorio agrícola propio de explotación directa, senón cun amplo señorío do cal foi centro administrativo e político. Este carácter singular non se pode entender sen considerar a Monterrei como parte dun sistema urbano binario xunto con Verín, verdadeiro burgo fortificado e centro comercial fronteirizo situado na cabeceira oposta da ponte que as conecta.

Viabilidade[editar | editar a fonte]

A posición preeminente da fortaleza de Monterrei no val e a súa importancia como lugar defensivo e administrativo levouna a ser un nodo principal da rede de camiños. Bordéao polo leste a vía romana que conectaba os itinerarios XVII e XVIII de Antonino Pío e que foi integrada na rede camiñeira rural, converténdose nun ramal da Vía da Prata cara ao norte.

Polo norte sae o camiño que conecta con esta vía, atravesando logo A Pousa, Mixós, Estevesiños e Vences, leva a Laza. Polo norte tamén, e rodeando o convento dos Franciscanos e o toural, sae o camiño que, tras virar cara ao oeste, bifúrcase, levando a Pazos polo sur e a Albarellos e Vilaza polo oeste, seguindo a liña de contacto entre a aba da serra de San Salvador e o fondo do val. O de Albarellos é o ramal da Vía da Prata cara ao oeste.

Polo sueste sae o camiño real empedrado que comunica con Verín a través da ponte do barrio de San Lázaro.

Na actualidade o tráfico rodado accede a Monterrei principalmente a través da OU-115, que comunica a estrada N-525 co Parador. Tamén hai acceso pavimentado a través da estrada que leva a Mixós.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Lugares e parroquias[editar | editar a fonte]

Lugares de Monterrei[editar | editar a fonte]

Lugares da parroquia de Monterrei no concello de Monterrei (Ourense)

Monterrei | A Pousa

Parroquias de Monterrei[editar | editar a fonte]

Galicia | Provincia de Ourense | Parroquias de Monterrei

Albarellos (Santiago) | Estevesiños (San Mamede) | Flariz (San Pedro) | Infesta (San Vicenzo) | A Madanela (Santa María) | Medeiros (Santa María) | Monterrei (Santa María) | Rebordondo (San Martiño) | San Cristovo (San Cristovo) | Vences (Santa Baia) | Vilaza (San Salvador)

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Freixanes, V. Días de Radio. En Grial, nº 180. Ed. Galaxia. Vigo, 2008.
  2. S.B.M.F.C.L.D.: Diccionario Geográfico Universal dedicado a la Reina Nuestra Señora. Barcelona, 1832.
  3. Madoz, P.: Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar. Tomo XI. Madrid, 1848.
  4. Cuerpo del Estado Mayor del Ejército. Itinerario descriptivo militar de España. Tomo VII. Madrid, 1866.
  5. Otero Pedrayo, R.: Guía de Galicia. Ed. Galaxia. Vigo, 1954