Mirón (escultor)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Redución en bronce romana do Discóbolo

Mirón, en grego antigo Μύρων, de Eleutera, localidade sita na linde entre Beocia e Atenas, foi un escultor grego ( primeira metade do século V a. C.) do período clásico da arte grega.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Debeu quizais ser discípulo de Axeladas, como probablemente Fidias e Policleto. Concentrou a súa actividade en Atenas. Traballou utilizando o bronce, mais ningunha das súas obras orixinais chegou directamente ata nós, porén podemos ter unha idea das súas cualidades artísticas a través das numerosísimas copias romanas, en mármore, e que demostran a popularidade da que gozou na Antigüidade.

A súa obra máis notábel é, sen dúbida o Discóbolo. Nesta estatua, Mirón representou un atleta espido no momento de esforzo, cando concentra toda a súa enerxía antes de lanzar o disco. Con perfecta harmonía de movementos tensos, o Discóbolo aparece inmóbil, nunha pose fóra do tempo. Mais o artista non quixo representar o movemento dun home singular nun intre dado, senón a mesma idea de movemento. A estatua orixinal foi fundida para facer un canón. Este acto bárbaro, non puido borrar a memoria dunha das máximas obras mestras da historia da arte.

Outra obra célebre de Mirón é o grupo de Atenas e Marsias, datábel arredor do 455 a.C.

Aínda por mor da súa grandeza, tense atribuído a Mirón os Bronces de Riace, sobre cuxa autoría existe un debate aberto.