Meme
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Meme é un termo acuñado por Richard Dawkins na súa obra O xene egoísta (1976). O meme é a unidade mínima de transmisión cultural, é dicir, un conxunto de elementos de información mínimos que poidan transmitírense entre as diversas persoas. O termo e o seu significado son análogos para a socioloxía ó xene para a bioloxía.
Aínda que na súa exposición Dawkins non impón restriccións, presenta incluso unha posibilidade de conformación neuronal, o que viría a ser unha implementación física do propio meme. Así, no cerebro humano, as unidades de información agrúpanse en mallas de neuronas (que poderían conter unidades de información básicas) e axións (que relacionarían esas unidades de información, proporcionando así información). A información almacénase en función desas mallas da mesma maneira nos distintos cerebros. Non obstante, a información sufre distorsións ó ser transmitida. Estas distorsións implican leves diferenciacións no patrón neuronal que se forma. Incluso as propias persoas poden recibir a información de distinta maneira, o que tamén faría que se creasen patróns distintos.
Con ou sen representación física do meme, o feito é que presenta moitas características propias do xene biolóxico: toda información pode reducirse a unha serie de elementos mínimos relacionados. Existen unha serie de elementos básicos:
- A súa combinación é a que determina a información concreta;
- A información flúe entre as distintas persoas (reprodúcese cada vez que hai un receptor para unha información);
- Un cambio en calquera dos elementos básicos que conforman unha información leva un cambio na información transmitida.
Deste xeito, ó igual que o xene, o meme reune todos os requisitos para converterse en axente da evolución (neste caso, da evolución cultural): lonxevidade, fecundidade e fidelidade de copia.

