Lurgorri

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaLurgorri
Biografía
Nacemento29 de outubro de 1916 Editar o valor em Wikidata
Errenteria, España Editar o valor em Wikidata
Morte16 de decembro de 1937 Editar o valor em Wikidata (21 anos)
Derio, España Editar o valor em Wikidata
Causa da mortePena de morte Editar o valor em Wikidata (Ferida por arma de fogo Editar o valor em Wikidata)
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
EducaciónUniversidade Complutense de Madrid Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónpolítico , xornalista Editar o valor em Wikidata
Partido políticoEuzko Alderdi Jeltzalea - Partido Nacionalista Vasco Editar o valor em Wikidata
Membro de
LinguaLingua castelá Editar o valor em Wikidata
Carreira militar
Rama militarEuzko Gudarostea Editar o valor em Wikidata
ConflitoGuerra civil española Editar o valor em Wikidata

José María Azcárraga Mozo, tamén Jose Maria Azkarraga Mozo, máis coñecido polo seu alcume Lurgorri, nado en Errenteria o 29 de outubro de 1916 e finado en Derio en 1937, foi un escritor e político de ideoloxía nacionalista vasca, membro do Partido Nacionalista Vasco (PNV). O sindicato estudantil Lurgorri Ikasle Elkartea, leva o seu nome en lembranza súa.

Familia e primeiros anos[editar | editar a fonte]

José María Azcárraga naceu en Errenteria, a localidade natal da súa nai, Juana Mozo Lecer. O seu pai, José María Azcárraga Urmeneta, era natural de Agurain e traballaba como funcionario do Ministerio de Instrución Pública. Azcárraga Urmeneta aprobara as oposicións ó Ministerio con 21 anos e chegou a Madrid en 1907. Na capital, frecuentou os ambientes vasquistas, recibindo clases de éuscaro no Ateneo madrileño, e coincidindo cos vitorianos Odón e Ángel Apraiz, o músico Abdón González de Alaiza, o barítono Celestino Sarobe ou o compositor de Zumárraga Juan Ignacio Busca.

Posteriormente volveu ás provincias vascas, obtendo destino en Errenteria, onde casou en 1914 cunha natural do lugar.[1] Ao ano seguinte naceu a súa primeira filla, María Dolores. Ao ano seguinte naceu o pequeno José María. Con todo, pouco despois do seu nacemento, a familia trasladouse a Bilbao, a cuxo Instituto de Ensino Medio fora trasladado o seu pai como secretario. Alí cursou José María fillo os seus primeiros estudos e naceron outros dous irmáns, Emiliano (1919) e Begoña (1920).[2] Os pais de Lurgorri eran nacionalistas vascos convencidos.

Desde 1925 a familia Azcárraga pasaba as vacacións estivais na localidade alavesa de Aramaio, unha localidade rural e fundamentalmente vascofalante. Lurgorri mantivo unha relación moi estreita con Aramaio durante o resto da súa vida. De feito, o alcume que adoptou foi o nome dun monte da zona, o monte Lurgorri.

Traslado a Madrid e compromiso político[editar | editar a fonte]

En 1929 José María trasladouse coa súa familia, seguindo un novo cambio de destino do seu pai, a Madrid. Durante a década de 1930 José María Azcárraga comezou os seus estudos na Facultade de Dereito da Universidade Central de Madrid. En Madrid afiliouse ao Euzko Ikasle Batza (Agrupación de Estudantes Vascos), unha asociación de estudantes nacionalistas vascos desprazados na capital de España, sendo presidente de devandita asociación entre 1933 e 1935 (no seu libro Los vascos en el Madrid asediado, Jesús de Galíndez indica que Lurgorri foino entre 1934 e 1935).[3] En 1933 afiliouse tamén ao Partido Nacionalista Vasco, así como ao sindicato Solidariedade de Obreiros Vascos (actual ELA-STV).[4] Ademais de en Madrid, a súa actividade política desenvolveuse os veráns en Aramaio e o val de Léniz (correspondente á actual comarca do Alto Deva). É nesta época cando empezou a usar o pseudónimo de "Lur-gorri" en artigos de opinión en revistas e xornais. Colaborou con Amayur (revista do PNV en Navarra), Euzko Langille (o xornal do SOV) e Euskadi (o órgano de comunicación oficial do PNV), abordando temas sociais, políticos, culturais e económicos. Tamén escribiu ensaios, que non chegaron a ser publicados.

Guerra Civil[editar | editar a fonte]

Ó estalar a Guerra Civil, Lurgorri atopábase de veraneo en Aramaio. A zona non caeu en mans dos sublevados e Lurgorri permaneceu alí até mediados de agosto, cando o Partido Nacionalista Vasco comezou a adestrar militarmente ós seus voluntarios. Lurgorri incorporouse ás Milicias Vascas que, xurdidas en Azpeitia, foron o embrión do Exército Vasco (Euzko Gudarostea). Permaneceu no Cuartel Xeral das Milicias Vascas do Val de Léniz como comisario de finanzas, pasando despois a Elorrio.

Coa aprobación do estatuto de autonomía e a asunción de responsabilidades militares polo Goberno de Euskadi, os batallóns do PNV integráronse no Exército Vasco. Lurgorri foi nomeado comisario do Batallón Ariztimuño. Posteriormente, seguindo ordes do partido, traballou como correspondente de guerra tanto na fronte vasca como en Asturias. Publicou en Gudari, a revista do Exército Vasco. O 6 de agosto de 1937 foi nomeado comisario da primeira compañía do Batallón San Andrés, formado fundamentalmente por militantes de STV.

Foi feito prisioneiro o 28 de agosto de 1937 tras a rendición do Exército Vasco en Santoña. Dous meses despois foi xulgado. Aínda que se recoñeceu "que non intervira en feitos de armas nin [..] en detencións, saqueos nin feitos delituosos" o xuízo apreciou "unha maior transcendencia dos feitos realizados e maior perigo [..], con referencia ao procesado José María Azcárraga Mozo, quen no acto da vista fixo constar que loitara pola liberdade da súa patria que era Euskadi, sendo condenado á morte.[5] Negouse a ser trocado por outros prisioneiros pois sería un trato de favor fronte a outros prisioneiros[6] e o 28 de novembro foi trasladado á prisión de Larrinaga en Bilbao, e o 16 de decembro foi fusilado contra o muro do cemiterio de Derio.[7][8] As súas últimas palabras foron "Gora Euskadi askatuta" (Viva Euskadi libre). Posteriormente seus pais foron condenados en 1940 a pagar unha das maiores multas habidas durante o franquismo, 200 000 pesetas.[6]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Velez (2003), p. 7
  2. Velez (2003), p. 8
  3. Los vascos en el Madrid sitiado: memorias del Partido Nacionalista Vasco y de la Delegación de Euzkadi en Madrid desde septiembre de 1936 a mayo de 1937. Txalaparta. ISBN 9788481363340. 
  4. Velez (2003), p. 32
  5. Velez (2003), p. 33
  6. 6,0 6,1 Egaña, Iñaki (2009). Los crímenes de Franco en Euskal Herria, 1936-1940. Tafalla: Txalaparta. p. 116. ISBN 978-84-8136-559-7. 
  7. Gárate, Rafael de (1974). Diario de un condenado a muerte. Bayonne: Axular. p. 105. 
  8. Javier Sánchez Erauskin no seu libro El nudo corredizo: Euskal Herria bajo el primer franquismo (p. 233), indica erroneamente que foi fusilado en Santoña.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]