Liga Democrática de Kosovo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Liga Democrática de Kosovo
Logo
Tipopartido político
Ideoloxíaconservadorismo e liberalismo económico
Data de fundación23 de decembro de 1989
Presidente/aIsa Mustafa (pt) Traducir (-) Editar o valor em Wikidata
SedePristina
PaísKosovo
Na rede
http://www.ldk-ks.eu/
editar datos en Wikidata ]

A Liga Democrática de Kosovo (Lidhja Demokratike e Kosovës: LDK ) é un partido político de Kosovo de carácter conservador e liberal-conservador que está no centrodereita no espectro político. O primeiro líder do partido foi Ibrahim Rugova e dende o 14 de marzo de 2021 o presidente do partido é Lumir Abdixhiku.

Historia[editar | editar a fonte]

A provincia de Kosovo, malia ser parte da República Federativa Socialista de Serbia, constituía unha entidade autónoma na que dende 1974 o parlamento de Serbia tiña escaso control de feito. A partir de finais da década de 1980 os albaneses demandaban máis autonomía e tornar a sétima república iugoslava. Mais o líder dos comunistas serbios Slobodan Milošević usou as demandas dos kosovares para gañar popularidade entre os serbios e en 1989 aboliu a autonomía de Kosovo e restaurou o control de Serbia sobre a provincia. Como resposta[1] un grupo de intelectuais albanokosovares que se opuñan a esas medidas estableceron contacto e tras unha serie de xuntanzas preliminares formaron o día 23 de decembro de 1989 a Liga Democrática de Kosovo como partido político que artellase as reivindicacións dos albaneses e, ao xeito do que acontecía nos países do denominado bloque socialista iniciase o proceso de pluralismo político, ademais de resistencia contra do goberno da minoría serbia en Kosovo. Este grupo de intelectuais nomeou para a presidencia do LDK a Ibrahim Rugova e entre os dirixentes había coñecidos escritores e intelectuais da época, Bujar Bukoshi, Ali Aliu, Nekibe Kelmendi ou Mehmet Kraja.

Acusado de nacionalista e separatista, as autoridades iugoslavas prohibírono, o 23 de marzo a Asemblea de Kosovo ratificou as medidas que eliminaban a autonomía kosovo, aínda que coa abstención da maioría dos deputados albaneses[2]. O presidente serbio da Asemblea de Kosovo pechouna en xuño de 1990 coa promesa de a abrir o 2 de xullo. Ao chegar ese día os deputados albaneses e atopala pechada proclamaron nos chanzos do parlamento a República de Kosovo, dentro de Iugoslavia[3]. O goberno serbio respondeu coa disolución da Asemblea e do goberno de Kosovo, co que desaparecía calquera autonomía para Kosovo. Os deputados albaneses, moitos membros ou simpatizantes do LDK, responderon cunha xuntanza secreta o 7 de setembro no que declararon a República de Kosovo e promulgaron unha nova constitución, aínda dentro de Iugoslavia. O goberno serbio respondeu cunha orde de detención[4] dos deputados que non acataban a disolución da Asemblea de Kosovo e seguían a actuar como membros dun parlamento que as autoridades serbias consideraban disolto. O 22 de setembro a Asemblea, non recoñecida por Serbia, votou a declaración de independencia, que se ratificou nun referendo non recoñecido polas autoridades serbias[5] e comezou a creación de estruturas estatais paralela á serbia en educación, sanidade ou facenda, principalmente liderado por un LDK que organizou a resistencia política e cívica e que chamou ao boicot ás primeiras eleccións multipartidistas en Serbia que se celebraron o 9 de decembro de 1990 e a todas as institucións estatais ata a solución da cuestión nacional albanesa en Kosovo. En setembro de 1991 ao se celebrar un referendo de independencia en Kosovo, non recoñecido polas autoridades serbias, o LDK tivo un papel clave na súa celebración e chamou á votar pola independencia, que tivo o apoio de máis do 85% do censo electoral. O 25 de xaneiro de 1992 o líder do LDK, Rugova, converteuse en primeiro presidente da República de Kosovo, só recoñecida por Albania, mentres o primeiro ministro era Bujar Bukoshi, tamén dirixente do LDK. Ao se formar a República Federal de Iugoslavia, en abril de 1992, o LDK chamou ao boicot ás eleccións xerais, tanto en Kosovo como dos albaneses aveciñados no centro de Serbia ou no val de Preševo.

A partir dos acordo de Dayton en 1995 que supuxo o fin da guerra de Bosnia, pero no que se ignorou a Kosovo, a opinión pública comezou a cambiar en Kosovo e aumentou o apoio ao Exército de Liberación de Kosovo (UÇK) mentres a solución pacífica que propugnaba o LDK ía perdendo apoios[6]. O LDK mesmo apoiou as negociacións de Rugova que viaxou a Belgrado para se entrevistar co presidente Milošević para lograr unha autonomía real dentro de Iugoslavia e renunciar á indepedencia, mais á fin non houbo acordos aínda que erosionou aínda máis a popularidade do LDK e mesmo durante os anos 1998 e 1999 elementos da UÇK secruestaron, torturaron e nalgúns casos mataron en prisións secretas a simpatizantes do LDK aos que percibían coma rivais do PDK[7].

Despois do bombardeo da OTAN sobre Iugoslavia en 1999, altos cargos do LDK estiveron presentes no Acordo de Kumanovo que serviu para adoptar a Resolución 1244 do Consello de Seguridade das Nacións Unidas que deu fin ás hostilidades en Kosovo. O LDK apoiou a resolución, que recoñecía a integridade territorial de Iugoslavia, pero mantivo ao seu apoio á independencia. Nas eleccións lexislativas de 2001 e 2004 a LDK foi o primeiro partido da Asemblea de Kosovo con máis do 45% dos votos, pero despois da morte de Rugova en 2006 o partido entrou nunha crise interna, con varias faccións en loita para se facer co control do partido, e foi a dirixida por Fatmir Sejdiu, de carácter liberal conservador a que se fixo co poder. Mentres Nexhat Daci con outros seis deputados formaron a Liga Democrática de Dardania, de carácter máis conservador. Nas eleccións de 2007 a LDK quedou en segunda posición con pouco máis do 20% dos votos. Nas eleccións de 2010, xa con Isa Mustafa como novo líder, mantivo o seu segundo lugar e aumentou un pouco o apoio popular cunha liña máis conservadora. En outubro de 2012 o Partido Popular Europeo admitiuno como un membro máis.

Nas eleccións de 2017 foi en coalición cos partidos liberais Alianza Kosovo Novo e Alternativa e nas de 2021 logrou o peor resultado da súa historia, co 12% dos votos, 15 deputados e o terceiro posto na Asemblea e tras cesar Rugova, o partido elixiu un novo líder, Lumir Abdixhiku, de talante coinciliador, e nas eleccións municipais de 2021 o LDK converteuse no partido máis votado, e logrou o goberno da capital e outros 7 concellos.


Eleccións[editar | editar a fonte]

Ano Votos %Votos Escanos Escanos albaneses Posición +/– Goberno Líder
1992 574 755 76.44%
96 / 140
96 / 126
Crecente (crecemento) Crecente (crecemento) 96 Coalición Ibrahim Rugova
2001 359 851 45.7%
47 / 120
47 / 100
Decrecente Coalición
2004 313 437 45.4%
47 / 120
47 / 100
Coalición
2007 129 410 22.6%
25 / 120
25 / 100
Decrecente Decrecente 23 Coalición Fatmir Sejdiu
2010 172 552 24.7%
27 / 120
27 / 100
Crecente (crecemento) 2 Oposición Isa Mustafa
2014 184 596 25.2%
30 / 120
30 / 100
Crecente (crecemento) 3 Coalición
2017 185 892 25.5%
23 / 120
23 / 100
Decrecente Decrecente 7 Oposición
2019 206 516 24.5%
28 / 120
28 / 100
Crecente (crecemento) Crecente (crecemento) 5 Coalición
2021 110 985 12.7%
15 / 120
15 / 100
Decrecente Decrecente 13 Oposición

Estrutura[editar | editar a fonte]

Os órganos de LDK son o Consello Executivo como órgano administrativo e estratéxico, o Congreso do Partido nas decisións políticas e o Consello Nacional para dirixir as actividades do partido.

Consello Executivo[editar | editar a fonte]

O Consello fórmano un presidente, catro vicepresidentes, un secretario xeral e outros 27 vogais.

Consello Nacional[editar | editar a fonte]

O Consello Nacional está formado por 111 membros.

Presidentes[editar | editar a fonte]

# Presidente Nado–Finado Comezo Fin Duración
1 Ibrahim Rugova 1944–2006 23 de decembro de 1989 21 de xaneiro de 2006
2 Fatmir Sejdiu 1951– 9 de decembro de 2006 7 de novembro de 2010
3 Isa Mustafa 1951– 7 de novembro de 2010 14 de marzo de 2021
4 Lumir Abdixhiku 1983 – 14 de marzo de 2021 Titular

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Allcock, John B.; Young, Antonia e Lampe, John R. "Kosovo". Encyclopedia Britannica. 
  2. Klip, André e Sluiter, Göran (2001). The International Criminal Tribunal for the former Yugoslavia 1997–1999. Annotated Leading Cases of International Criminal Tribunals 3. p. 13. 
  3. Malcolm, Noel (1999). Kosovo: a short history. HarperPerennial. p. 346. 
  4. Ramet, Sabrina P. (2006). The Three Yugoslavias: State-Building and Legitimation, 1918–2005. pp. 350–360. 
  5. Vidmar, Jure (2021). "International Legal Responses to Kosovo's Declaration of Independence". Vanderbilt Law Review 3: 779. 
  6. Pettifer, James (2001). "The Kosovo Liberation Army: The Myth of Origin". En Michael Waller; Kyril Drezov; Bülent Gökay. Kosovo: The Politics of Delusion. Frank Cass. pp. 25–29. 
  7. Dérens, Jean-Arnault (29 de maio de 2015). "Onze anciens de l’UÇK jugés coupables de crimes de guerre au Kosovo". La Libre.