Liberalismo económico

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Adam Smith foi un dos primeiros formuladores do liberalismo económico.

O liberalismo económico é a doutrina económica desenvolvida durante a ilustración —dende finais do século XVII até o inicio da Revolución francesa—, formulada de forma completa en primeiro lugar por Adam Smith e que reclama a mínima interferencia do Estado na economía do século XIX.

Adóitase resumir na expresión francesa laissez faire, laissez passer («deixen facer, deixen pasar»), que é o lema da fisiocracia, unha teoría económica precedente. Inclúe un espectro de diferentes políticas económicas, tales como a liberdade de circulación de mercadorías, pero sempre se basea nun forte apoio á economía de mercado e a propiedade privada.

Historia[editar | editar a fonte]

Adam Smith (1723-1790)[editar | editar a fonte]

O país que sobresaíu na súa economía foi Francia, quen contaba con moitas fontes económicas e puido saír nun período curto de tempo desta crise. Smith era escocés e formouse nas universidades de Universidade de Glasgow e a de Universidade de Glasgow Oxford. Na primeira foi profesor de Lóxica e de Filosofía Moral. No ano 1776, publicou a súa obra principal: A riqueza das nacións. Smith abordou a economía dende a filosofía. Era un fervente defensor das leis da natureza, da orde natural, e cuestionaba as imperfeccións das institucións humanas. Para el a conduta humana obedece de xeito natural ás seguintes motivacións: o egoísmo, a conmiseración, o dereito de ser libre, o sentido da propiedade, o hábito do traballo e a tendencia ó intercambio. Se o home era deixado en liberdade, non só conseguirá o seu propio beneficio, senón tamén impulsará o ben común. Así, Smith xustificaba a súa reivindicación de deixar en liberdade as relacións de intercambio entre os homes. O libre xogo das motivacións nomeadas conduce a un equilibrio natural. Cada individuo, ó buscar o seu proveito individual «é conducido por unha man invisible a promover un fin que non entraba no seu propósito», o benestar xeral. Di respecto diso: «nunca souben que fixesen moito ben aqueles afectos a traballar polo ben público». Todo isto dá pé a un dos fundamentos do pensamento liberal sobre a libre interacción entre oferentes e demandantes nos mercados, sen ningún tipo de intervencións estatais sobre eles. A Smith tamén lle preocupou a orixe do valor das mercadorías e sobre a base de ideas deixadas por William Petty (1623-1687) e Richard Cantillon (1680-1734) elaborou a Teoría do valor-traballo, a cal considera que a orixe do valor de intercambio (valor de cambio) das mercadorías está no traballo do home. Divide o valor en dous: o "valor de uso" que é a utilidade que posúe un obxecto determinado, mentres que o "valor de cambio" é a capacidade dun obxecto para ser intercambiado por outros e está determinado polo tempo de traballo humano incorporado na súa produción. Por outra banda, inquietáballe que mentres os seres humanos se reproducían, a terra non o facía, o cal provocaría nalgún momento do tempo unha situación de escaseza de alimentos. Para isto propuña que os salarios na economía debían ser de subsistencia, ou sexa, o necesario para a subsistencia do traballador e a súa familia. Consideraba que se o ingreso das familias fose maior ó de subsistencia, o crecemento de poboación aceleraríase. Algo que observaba na súa época era que se pasou da produción artesanal, na cal un mesmo artesán realizaba todas as operacións, a unha división do traballo, na cal cada operario realizaba unha soa operación, por exemplo, facer puntas de alfinetes. Isto permitía que quen o fixese se especializase en devandita operación, mellorando os tempos de produción e a calidade do elaborado. Calquera produtor que buscase o seu beneficio individual veríase obrigado a dividir o traballo da súa empresa e desta maneira estaría maximizando a produción de toda a economía. Eran as motivacións da conduta humana as que garantirían o crecemento permanente do aínda entón incipiente capitalismo británico. Dicía: «Nun sistema de laissez-faire, o aceite do interese persoal mantén funcionando milagrosamente as engrenaxes económicas. Non é preciso un planificador [...]. O mercado resolve todos os nosos problemas». Así se afirma que Smith era un optimista sobre o futuro das economías, xa que o seu crecemento permanente estaba garantido polas motivacións da conduta humana e a división do traballo.

O liberalismo e o proletariado[editar | editar a fonte]

Nun primeiro momento, burguesía e proletariado aliáronse en contra da caste aristocrática, descendente da clase feudal do medievo, que posuía o poder nas sociedades europeas do Antigo Réxime. Porén, coa chegada dos sistemas liberais ó longo do século XIX, o conflito entre os intereses de proletarios e burgueses fíxose evidente. O liberalismo implantou a igualdade política, pero, nas súas primeiras formulacións, ignorou as desigualdades económicas e sociais.

Os intereses do proletariado expresáronse no desenvolvemento do movemento obreiro e nas diversas teorías sociais (socialismo utópico, anarquismo, marxismo), que aspiraban a transformar a sociedade ou a substituíla por outra nova na que desaparecesen as desigualdades económicas.