La colmena (novela)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
La colmena
Autor Camilo José Cela
País España
Lingua Castelán
Xénero(s) Novela
Editorial Flag of Argentina.svg Emecé editores
Data de pub. Flag of Argentina.svg 1951

La colmena é unha novela en lingua castelá de Camilo José Cela, editada en Buenos Aires en 1951. Está ambientada en Madrid en decembro de 1942.

Non puido ser publicada en España até tempo despois por mor da censura, debido ás alusións ao sexo, as relacións extramatimoniais, a homosexualidade, o ambiente dos cárceres e a miseria da época. En 2014 anunciouse a aparición dun novo manuscrito non presentado á censura, con pasaxes lésbicas[1]. Este texto cedérallo Cela ao hispanista Noël Salomon.

En 1982 foi levada ao cinema por Mario Camus co título homónimo de La Colmena. O filme, no que o propio Camilo José Cela interpreta un papel, gañou o Oso de Ouro á mellor película no Festival Internacional de Cinema de Berlín de 1983.

Trama[editar | editar a fonte]

Aviso: Esta sección pode revelar detalles da trama e/ou do argumento.

A novela ten un protagonista colectivo: na obra aparecen 296 personaxes literarios e faise mención a 50 personaxes reais[2]. Deles, destacan uns 45, que establecen relacións en torno a varios espazos e familias. Desenvolven a súa vida a mediados de decembro de 1942[3]: algúns traballan e outros buscan sobrevivir como poden.

A acción comeza no café de doña Rosa, unha muller conservadora que despreza os seus traballadores. Fálase da súa clientela e dos camareiros, o encargado, os músicos, o limpabotas e o tabaqueiro que alí traballan. Un dos clientes é Martín Marco, un escritor pobre, que malvive grazas á axuda da súa irmá, Filo. Esta está casada con don Roberto, un home pluriempregado que ten unha amante.

Outro espazo importante é o edificio de don Ibrahim, onde morre dona Margot, nai dun homosexual de 50 anos ao que deteñen xunto co seu mozo e que ao estar no cárcere non sabe da morte da súa nai. No edificio viven outras familias que tamén son partícipes da trama.

Outros personaxes de importancia son Roque e a súa muller Visi, pais de tres fillas, entre elas Julita, que coincide co seu mozo na mesma casa de citas que frecuenta o pai dela. Victorita é unha rapaza que se prostitúe para levar medicamentos e comida ao seu mozo tuberculoso.

Narración[editar | editar a fonte]

A obra estrutúrase en seis capítulos e un epílogo. Os capítulos divídense en varias secuencias curtas entrelazadas. Hai un narrador omnisciente en terceira persoa, que en ocasións dá a súa opinión sobre as actividades ou a moral dos personaxes. Hai numerosos diálogos, e no léxico aparecen termos propios da fala madrileña, así como galeguismos cando aparecen presonaxes emigrados desde Galiza. Así, amais de Pepe, un dos camareiros do café de Doña Rosa, hai outros dous personaxes galegos: Julio García, guardia de Mos, Gumersindo Vega, sereno de Covelo.

A acción dura tres días, e o contexto é o Madrid despois da guerra civil española, con comida racionada e problemas na subministración da luz eléctrica. É unha novela realista, que serve de testemuño político e social do seu momento, ao aparecer personajes de diversos estratos sociais. Ao tempo, aparece o existencialismo, pois os personaxes actúan no día a día, polo xeral sen moitas pretensións de futuro e sen grandes esperanzas.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "La Colmena, de Cela, inédita, erótica y censurada, ve la luz", artigo en El País, 6 de febreiro de 2014 (en castelán).
  2. Cálculo de José Manuel Caballero Bonald; nota do editor á sétima edición de 1966 (Barcelona, Editorial Noguer).
  3. Porén, faise referencia á conferencia de Teherán, que tivo lugar en novembro de 1943.