Kurt Dinter

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Moritz Kurt Dinter, nado en Bautzen o 10 de xuño de 1868 e finado o 16 de decembro de 1945 en Neukirch/Lausitz, foi un botánico e explorador alemán en África do Suroeste.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Estudou no Realschule en Bautzen, tras cumprir o servizo militar traballou nos xardíns botánicos de Dresde e Estrasburgo, foi axudante do fitoxeógrafo Carl Georg Oscar Drude. Como resultado do seu interese nas suculentas exóticas Thomas Hanbury seleccionouno para levar o xardín de plantas exóticas de La Mortola, preto de Ventimiglia (Italia), que contiña unha gran colección de plantas bulbosas e suculentas do sur de África. Tras pasar seis meses en. Kew, volveu a La Mortola e decidiu viaxar a África do Suroeste, aportando en Swakopmund en xuño de 1897. Dinter comezou a súa colección case inmediatamente nos arredores de Swakopmund, e máis tarde en Walvis Bay e Luderitz, onde quedou intrigado polas suculentas que medraban entre as rochas da costa. Como financeiramente dependía das vendas de espécimes de plantas, viaxaba na compaña de dous axudantes herero. Esas coleccións enviounas a Haage & Schmidt en Erfurt, Schinz en Zúric e Engler en Berlín. O goberno alemán da época designouno como botánico do territorio, posto que tivo ata 1914

Dinter experimentou, primeiro en Brakwater preto de Windhoek e logo en Okahandja, co crecemento de varias especies de árbores exóticas e indíxenas: cipreses, eucaliptos e Acacia erioloba. Nunha das sublevacións herero perdeu moitos dos seus efectos persoais e a metade da súa colección de plantas. En 1905 marchou a Alemaña e doou o que quedaba da súa colección a Berlin-Dahlem. En Bautzen coñeceu a Jutta Schilde, coa que volveu a África e coa que casou en 1906, establecéndose en Okahandja. En 1907 visitouno Galpin e Henry Pearson, e en 1913 acompañou e fixo de guía a Adolf Engler, notable autoridade na flora africana.

Dinter volveu a Alemaña en 1914 e quedou obrigado a permanecer alí ata a fin da Primeira Guerra Mundial, ao remate o territorio era mandato de África do Sur e Dinter solicitoulle ás autoridades a súa restauración no emprego anterior como botánico rexional en 1922 volve a Okahandja para axudar a Ernst Julius Rusch nos seus plans de realizar un xardín de suculentas. O botánico IB Pole Evans logrou que o goberno de África do Suroeste lle dese axuda financeira. En 1924 o goberno alemán concedeulle o título de profesor honorario e unha pequena pensión, o que fixo que volvera a Alemaña en 1925, volveu a África do Suroeste dúas veces máis, nunha viaxe en 1928-1929 para recolleita na zona desértica costeira e de novo de 1933 a 1935, viaxando de Grootfontein ao río Okavango e de Aus a Sendelingsdrif no río Orange.

Legado[editar | editar a fonte]

As exploracións de Dinter e a súa muller Jutta resultou no coñecemento para a ciencia botánica de moitas novas especies de suculentas, e Dinter foi o autor do primeiro catálogo organizado da flora de África do Suroeste[1]; eles dous foron recoñecidos nos xéneros Dintera, Dinteracanthus, Dinteranthus, Juttadinteria e nun gran número de especies como Amaranthus dinteri, Anacampseros dinter, Cissus juttae, Hoodia juttae, Stapelia dinteri, Stapelia juttae, Trichocaulon dinteri e Vigna dinteri Harms.

Publicacións[editar | editar a fonte]

  • Alphabetical Catalogue of Plants Growing in the Garden La Mortola (1897)
  • Deutsch-Südwest-Afrika: Flora, forst- und landwirtschaftliche Fragmenta (Leipzig 1909)
  • Die vegetabilische Veldkost Deutsch-Südwest-Afrikas (Okahandja 1914)

Notas[editar | editar a fonte]

  1. D. G. Frodin Guide to Standard Floras of the World. Cambridge University Press (2001),p. 522

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Botanical Exploration of Southern Africa Mary Gunn e LE Codd (Balkema, 1981)