Juan Baena

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Baena
Información persoal
Nome Juan Baena Ruiz
Nacemento 18 de maio de 1950
Lugar de nacemento Ceuta
Falecemento 28 de setembro de 2012
Lugar de falecemento Alacant
Altura 1,81 m.
Posición Defensa
Centrocampista
Dianteiro
Carreira xuvenil
1961–1969 Betis
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
1969–1970 Triana
1969–1972 Betis 5 (0)
1971 Logroñés 5 (1)
1971–1972 Hércules 24 (11)
2017–2018 Hércules 284 (33)
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

Juan Baena Ruiz, nado en Ceuta o 18 de maio de 1950 e finado en Alacant o 28 de setembro de 2012, foi un futbolista español. Integrante histórico do Hércules, é o futbolista con máis partidos oficiais disputados co club, un total de 362 en 12 tempadas. Comezou xogando de dianteiro, ata que o seu adestrador no equipo alacantino, Arsenio Iglesias, atrasou a súa posición ata a defensa.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Formouse como futbolista na canteira do Betis, pasando polo seu filial, o Triana, antes de subir ao primeiro equipo na tempada 1969/70. Debutou na Segunda División o 8 de decembro de 1969, nun partido contra o Bilbao Athletic. Na seguinte tempada, con Antonio Barrios como adestrador, o Betis logrou o ascenso, pero Baena saíu cedido ao Logroñés, tamén de Segunda.[1]

Na tempada seguinte volveu saír cedido, desta vez ao Hércules, que estaba adestrado por Ignacio Eizaguirre. Debutou co equipo alacantino nun encontro de Segunda fronte ao Pontevedra, facendo o gol do empate (1-1).[2] Marcou outros 8 goles ata o final da tempada, acabando o Hércules en postos de promoción de permanencia. O equipo xogou entón unha eliminatoria fronte ao Cartagena a ida e volta, marcando Baena un gol en cada un dos encontros e contribuíndo dese xeito á salvación.

O seu bo rendemento fixo que ao remate da cesión, a directiva do club alacantino o fichase en propiedade. Continuou xogando de dianteiro co adestrador Jenő Kalmár, pero trala chegada ao banco de Arsenio Iglesias, este decidiu atrasar a súa posición, primeiro ao centro do campo e logo ata a defensa.[3] Con Arsenio como técnico o Hércules ascendeu a Primeira e obtivo os mellores resultados da súa historia, obtendo un quinto e un sexto posto na liga. A estrea de Baena na máxima categoría produciuse o 7 de setembro de 1974, nun encontro ante o Murcia, mentres que o seu primeiro gol chegou un mes e medio despois fronte ao Málaga.

Militou no Hércules ata a súa retirada en 1983, sumando 362 partidos oficiais e 57 goles, sendo o futbolista con máis partidos da historia do club.[3] Trala súa retirada dedicouse á Medicina e foi médico do Hércules durante 7 anos.[3] Faleceu o 28 de setembro de 2012, ao non poder superar unha operación cirúrxica cerebral á que foi sometido.[4]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Baena Ruiz, Juan". alicantepedia.com (en castelán). Consultado o 5 de marzo de 2022. 
  2. "1-1: Otra vez puntuó fuera el Pontevedra". La Voz de Galicia (en castelán). 23 de novembro de 1971. p. 24. 
  3. 3,0 3,1 3,2 "Fallece Juan Baena, un histórico en la historia del Hércules". Marca (en castelán). 28 de setembro de 2012. Consultado o 5 de marzo de 2022. 
  4. "Fallece Juan Baena, el futbolista que más partidos jugó con el Hércules". El Mundo (en castelán). 28 de setembro de 2012. Consultado o 5 de marzo de 2022. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]