John Napier

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Coa redución do traballo de varios meses de cálculo a uns poucos días, o invento dos logaritmos parece ter duplicado a vida dos astrónomos.
Pierre-Simon Laplace
John Napier.

John Napier, barón de Merchiston, nado en Edimburgo en 1550 e finado o 4 de abril de 1617, foi un matemático escocés, recoñecido por descubrir os logaritmos.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Naceu no castelo de Merchiston en 1550, sen que se saiba a data exacta. Aos trece anos, en 1563, comezou os seus estudos na Universidade de Saint-Andrews, da que saíu anos máis tarde para viaxar por Europa. regresou a Merchiston en 1571 e casou ao ano seguinte, administrando a partir daquela os bens da familia por encomenda do seu pai, ao tempo que continuaba os seus estudos de matemáticas e teoloxía.

Malia pasar á posteridade polas súas achegas no campo da matemática, para Napier era esta unha actividade de distracción, mentres que a súa preocupación fundamental era a exexese do Apocalipse, á que se consagrou desde a súa estadía no colexio. Froito deste labor foi a publicación Descubrimentos de todos os secretos da Apocalipse de San Xoán por dous tratados: un que busca e proba a verdadeira interpretación, e outro que aplica ao texto esta interpretación parafrástica e historicamente. A orixinalidade do seu estudo é a aplicación do formalismo matemático na argumentación, de xeito que, admitindo certos postulados, chega a demostrar as súas proposicións. Entre elas, Napier prediciu a fin do mundo para os anos 1668 a 1700. [Cómpre referencia]

En 1614 Napier publica a súa obra Mirifici Logarithmorum Canonis Descriptio, ejusque usus in utroque Trigonometria; ut etiam in omni logistica mathematica, amplissimi, facillimi, et expeditissimi explicatio, na que dá a coñecer os logaritmos que el chamou números artificiais. Nesta obra promete unha explicación que a morte lle impediu publicar, mas que foi engadida polo seu fillo Robert na segunda edición publicada en 1619.

Grazas a estes números as multiplicacións poden substituirse por sumas, as divisións por restas, as potencias por produtos e as raíces por divisións, o que non só simplificou enormemente a realización manual dos cálculos matemáticos, senón que permitiu realizar outros que sen a súa invención non terían sido posíbeis.

En 1617 apareceu a súa obra Rabdologiæ seu numerationis per virgulas libri duo: cum appendice expeditissimo multiplicationis promptuario, quibus accesit et arithmeticæ localis liber unus, na que describe o ábaco neperiano.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Diccionario Enciclopédico Hispano-Americano, Montaner i Simon (1893).

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]