Istmo de Tehuantepec

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Localización do istmo de Tehuantepec
Mapa da rexión do istmo

O istmo de Tehuantepec é unha rexión comprendida entre os estados de Oaxaca, Chiapas, Tabasco e Veracruz en México. Trátase da zona máis angosta entre os dous océanos (océano Pacífico e océano Atlántico) que posúe México. É unha zona rica en petróleo e recursos forestais. Tamén é unha das rexións con maior presenza indíxena do país. Nela conviven huaves, zapotecos e zoques.

Os principais centros de poboación do istmo de Tehuantepec son Coatzacoalcos, Minatitlán e Acayucan en Veracruz; e Juchitán de Zaragoza, Matias Romero, Salina Cruz e Santo Domingo Tehuantepec, no estado de Oaxaca. Esta última poboación confírelle o nome á rexión. Aínda que se trata dun pobo fundado por zapotecos, o nome é náhuatl, e significa Cerro do xaguar (de tecuani = xaguar; tépetl = cerro; e -co = sufixo de lugar).

Xeografía física[editar | editar a fonte]

Relevo do istmo de Tehuantepec

O istmo de Tehuantepec é unha rexión de México onde os océanos Atlántico e Pacífico se localizan a unha curta distancia, e por esta razón é a fronteira natural entre Norteamérica e Centroamérica. Aproximadamente corresponde ás rexións Olmeca, do estado de Veracruz, e aos distritos de Tehuantepec e Juchitán, que conforman a rexión do Istmo de Tehuantepec no estado de Oaxaca.

O istmo abrangue unha parte de México localizada entre os meridianos 94° e 96° Oeste. No seu punto máis angosto, o istmo alcanza os 200 km de distancia entre o océano Pacífico (ou máis precisamente, o golfo de Tehuantepec) e o golfo de México; ou ben, alcanza os 192 km entre o golfo e a cabeceira do lago Superior, que desemboca no golfo de Tehuantepec. En Tehuantepec, a serra Madre del Sur convértese nun paso de pouca altura e plano, apenas ondulado por algúns outeiros que se levantan na chaira.

Relevo[editar | editar a fonte]

O istmo de Tehuantepec é unha rexión localizada no sueste de México. É unha zona practicamente chá, salvo pola presenza das lombas e cerros que compoñen a serra Atravesada. Esta ten uns 250 km de lonxitude, e ten o seu punto máis elevado no paso de Chivela, a uns 2.500 msnm. Máis ao oriente, preto do límite entre os estados de Oaxaca e Chiapas, atópase o cerro Azul, que alcanza unha altitude de 2.300 msnm.

Ao oriente da chaira do istmo de Tehuantepec, no territorio chiapaneco, érguense as serras do Norte de Chiapas e a serra Madre de Chiapas. Ao poñente, no estado de Oaxaca, atópase a serra Madre del Sur e a serra Madre de Oaxaca, coñecida tamén como serra de Juárez. Ao norte, na costa veracruzana, a serra dos Tuxtlas rompe a planicie costeira meridional do golfo de México.

Xeoloxía[editar | editar a fonte]

O istmo de Tehuantepec está repartido entre tres das quince provincias fisiográficas nas que o Instituto Nacional de Xeografía, Estatística e Informática de México (Inegi) dividiu a República Mexicana.

A parte norte do istmo corresponde ás subprovincias da Chaira Costeira Veracruzana e dos Pantanos Tabasqueños, correspondentes ambas as dúas á provincia da Chaira Costeira do Golfo Sur. Esta zona caracterízase por posuír solos profundos, de orixe aluvial, debido sobre todo á presenza dalgúns dos ríos máis caudalosos de México, como o Coatzacoalcos ou o Papaloapan.

Unha pequena fracción, localizada no punto onde se unen os límites dos estados de Chiapas, Oaxaca e Veracruz corresponde á subprovincia da Serra do Norte de Chiapas, da provincia das Serras de Chiapas e Guatemala. Esta provincia esténdese cara Guatemala, e corresponde aproximadamente coa zona que se coñece como Los Altos. Trátase dunha zona de serras baixas, que van elevándose cara ao oriente.

A metade sur do istmo sinala o comezo da provincia fisiográfica da cordilleira Centroamericana. Abarca a zona costeira do golfo de Tehuantepec, así como a chaira do istmo. A metade norte do territorio oaxaqueño correspondente ao istmo de Tehuantepec está ocupada pola subprovincia de Serras do Sur de Chiapas, que é equivalente á serra Atravesada. A subprovincia prolóngase cara ao sueste no territorio chiapaneco. A metade sur corresponde a unha descontinuidade fisiográfica[1] das Chairas do Istmo. A provincia da Cordilleira Centroamericana emerxeu na zona de subdución da placa de Cocos, e trátase dun conxunto de serras de rochas graníticas, unha paisaxe ben diferente á chaira istmeña.

En xeral, a superficie do istmo de Tehuantepec é bastante recente en termos de tempo xeolóxico. Tanto a chaira veracruzana, que penetra cara ao norte de Oaxaca, como a chaira do istmo, son terreos que emerxeron durante o período cuaternario. Unha parte importante dos terreos deste tempo xeolóxico no istmo corresponden á unidade de topoformas chamadas solos. Outra parte, non menos importante, aínda que concentrada na metade veracruzada do istmo, corresponde á unidade de rochas ígneas. A rexión da serra Atravesada é unha representación do período precámbrico da historia xeolóxica da terra. Predominan as rochas ígneas extrusivas, aínda que hai unha importante zona con predominio de rochas metamórficas na rexión de Los Chimalapas. Zonas máis pequenas da rexión corresponden á era mesozoica, e correspóndense á rexión onde se unen as provincias fisiográficas Serra Madre del Sur con Coordilleira Centroamericana.

Hidrografía[editar | editar a fonte]

Hidroloxía do istmo de Tehuantepec.

Os ríos do istmo de Tehuantepec poden ser agrupados en dúas vertentes. No norte, no territorio veracruzano, atópase a vertente do golfo de México. Nesta vertente desembocan os ríos que forman parte da Rexión Hidrolóxica 29 de Coatzacoalcos. Pertence a esta rexión a cunca do río Coatzacoalcos, na que se encontran numerosos afluentes deste, que é un dos ríos máis caudalosos de México. Case todos eles baixan das ladeiras norteñas da serra Madre de Oaxaca. Destaca o río Uxpanapa en territorio veracruzano, e os ríos Alana, Puxmetacán-Trinidad, El Corte e Aguacatenango-Jaltepec, en Oaxaca. A cunca do río Coatzacoalcos ten unha superficie de case 18 mil km² e o curso que lle dá o nome alcanza unha lonxitude de 325 km. Desauga no golfo de México un total 32 mil 752 hm³/s. Con estes números, o Coatzacoalcos é o cuarto río máis caudaloso da vertente do golfo mexicano, despois do río Grijalva, o río Papaloapan e o río Pánuco.

Outra cunca pertencente a esta rexión hidrolóxica é a do río Tonalá, río que sinala o límite entre os estados de Veracruz e Tabasco, e que ademais comprende os pantanos tabasqueños nos que se localiza La Venta. Aínda que de dimensións máis modestas, a cunca do Tonalá desauga máis de 11 mil hm3/s, tamén no golfo de México.

No oriente do istmo, a zona da serra Atravesada forma parte da Rexión Hidrolóxica 30 do Usumacinta-Grijalva, aínda que non hai correntes de agua de importancia na rexión.

Practicamente toda a rexión das chairas istmeñas forma parte da Rexión Hidrolóxica 22 de Tehuantepec. A rexión comprende dúas cuncas: a do río Tehuantepec propiamente dito, río que nace na serra Madre del Sur no noroeste do istmo; e a da Laguna Superior.

A cunca do río Tehuantepec ocupa máis da novena parte da superficie do estado de Oaxaca. É dicir, máis de 10 mil km². O principal río da cunca é o río Tehuantepec, de 240 km de lonxitude. Desauga 950 hm3/s no golfo de Tehuantepec. Pouco antes da súa desembocadura recibe as augas do río Tequisistlán. Na confluencia de ambas correntes localízase a presa Benito Juárez. A outra cunca que conforma a rexión hidrolóxica 22, a da Lagoa Superior, comprende case toda a rexión da chaira ístmica. A lagoa Superior recibe as augas de pequenos ríos que baixan principalmente da serra Atravesada. Entre eles están os ríos Perros, Espíritu Santo e Ostuta. A lagoa Superior desemboca na lagoa Inferior, que á súa vez desauga no golfo de Tehuantepec.

A cunca do mar Muerto, na Rexión Hidrolóxica 23 da Costa de Chiapas comprende o oriente da chaira istmeña, nos límites de Oaxaca e Chiapas. Caracterízase pola presenza do lago chamado mar Muerto, paralelo á costa do golfo de Tehuantepec. A cunca deste lago abrangue case 900 km de superficie do estado de Oaxaca.

Climatoloxía[editar | editar a fonte]

A rexión enteira pertence a unha zona de clima tropical cálido, excepto as elevacións da serra Atravesada, onde os ventos provenientes do Pacífico proporcionan un clima comparativamente máis cálido. O promedio anual de pluviosidade na vertente atlántica do istmo de Tehuantepec (a costa do golfo de México) é de 3.960 mm, en tanto que as temperaturas alcanzan os 35 °C. A vertente do Pacífico ten un clima máis seco e menos cálido.

Xeografía humana[editar | editar a fonte]

Mercado en Santo Domingo Tehuantepec.
Transportes no istmo de Tehuantepec.

Demografía[editar | editar a fonte]

O istmo alberga unha poboación de cerca de 1.200.000 persoas. Os principais centros de poboación atópanse no golfo de México, asociados á industria petroleira da rexión. Nesta zona encóntranse as zonas metropolitanas de Minatitlán, Coatzacoalcos e Acayucan, que por si mesmas albergan arredor dos dous terzos da poboación do istmo. Unha ampla zona, comprendida entre a serra Atravesada e o extremo sueste de Veracruz, posúe baixa densidade. Nesta rexión localízanse poboacións como Santa María Chimalapa, en Oaxaca, que non teñen máis de dez mil habitantes.

A costa pacífica do istmo concentra outra importante proporción da poboación rexional. Nesta atópanse Matías Romero, Juchitán de Zaragoza, Santo Domingo Tehuantepec e Salina Cruz; algunhas das principais cidades de Oaxaca.

A metade oaxaqueña do istmo ten unha forte presenza indíxena. Os zapotecos son maioría no núcleo urbano máis importante do oriente de Oaxaca, que é Santo Domingo Tehuantepec, como tamén en Juchitán de Zaragoza. Ademais dos zapotecos (binigulaza), no istmo habita unha comunidade importante de huaves ou mareños, en poboados como San Mateo del Mar, ou ben, zoques, na rexión de Los Chimalapas.

Economía[editar | editar a fonte]

Parque Eólico La Venta achantado en Oaxaca, México.

A propia xeografía do istmo de Tehuantepec converteuno nunha zona estratéxica para o paso comercial. Posúe dous importantes portos: o de Coatzacoalcos, no golfo de México, e o de Salina Cruz, no golfo de Tehuantepec. Tamén alberga importantes instalacións relacionadas coa industria petroleira, como a refinería de Salina Cruz ou a de Minatitlán. A zona istmeña veracruzana posúe un importante corredor industrial entre Minatitlán e o porto de Coatzacoalcos. No sur, na parte oaxaqueña, existen parques industriais pequenos, pero importantes, como a Cooperativa La Cruz Azul en Lagunas e a Refinería en Salina Cruz, pero basicamente a economía segue sendo principalmente agrícola e comercial. Juchitán de Zaragoza constitúe o principal centro comercial da chaira meridional do istmo. Por outro lado, na serra Atravesada e no extremo sueste de Veracruz existen recursos forestais importantes, que son explotados aínda en zonas naturais protexidas —como é o caso da Reserva da Biosfera de Los Chimalapas.

Transportes[editar | editar a fonte]

As principais cidades do istmo están comunicadas entre si por unha rede de estradas, case todas elas de orde federal. A única autoestrada que atravesa a rexión é a que provén de México e que conclúe no estado de Tabasco. Esta autoestrada comunica a cidades como Acayucan e Minatitlán co centro da república. De Minatitlán parte un ramal cara ao nordeste, que une esta cidade co porto de Coatzacoalcos. Cara ao sur existe unha estrada federal de 308 km de lonxitude que comunica Coatzacoalcos con Juchitán. Tanto esta cidade como Tehuantepec comunícanse con Oaxaca de Juárez a través da Estrada Panamericana, que atravesa as serras orientais do estado e prosigue até Tapachula, na fronteira de Chiapas e Guatemala. Tehuantepec comunícase co poñente, co centro turístico de Huatulco, a través dunha estrada federal que discorre entre a costa e a serra Madre del Sur.

Existe o aeroporto internacional de Minatitlán, ademais de existir tamén os aeroportos de Salina Cruz e Ixtepec Oaxaca. Estes reciben 200 mil pasaxeiros ao ano. Tamén existen dous portos marítimos de grande importancia comercial: Salina Cruz no Pacífico e Coatzacoalcos no Golfo. Un carril de ferro comunica ambos os dous portos atravesando o istmo de norte a sur, co seu punto intermedio en Matías Romero Avendaño, aínda que esquivando a serra Atravesada, que é a zona peor comunicada da rexión. Esta liña de ferrocarrís só presta servizo de transporte de mercancías.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Unha descontinuidade xeográfica, segundo o INEGI, é unha área enclavada dentro dunha provincia fisiográfica, cunha orixe e unha morfoloxía que non corresponden á mesma e que cumpre os requisitos para construír en si unha provincia fisiográfica á parte, pero que non pode ser considerada como tal por non ter a extensión nin a diferenciación internas suficientes para poder ser dividida en subprovincias.
Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Istmo de Tehuantepec