Isagoge

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Isagoge ou Introdución
Título orixinalΕἰσαγωγή
Autor/aPorfirio de Tiro
LinguaGrego
Tema(s)Lóxica
editar datos en Wikidata ]

Isagoge (grego: Εἰσαγωγή, Eisagōgḗ), ou Introdución (ás Categorías de Aristóteles), foi o manual de lóxica máis común durante case toda a Idade Media. O seu autor, Porfirio de Tiro, escribiuno en Sicilia entre os anos 268 e 270, segundo comentaristas antigos como Amonio, Elías e David.[1][2] A obra contén a célebre clasificación dos xéneros e especies dende a substancia até os individuos, coñecida como árbore de Porfirio. Tamén introduce o problema dos universais.[3][4]

A tradución ao latín de Boecio popularizouse nas universidades medievais europeas, converténdose na base dos desenvolvementos da filosofía e a teoloxía escolásticas nos eidos da lóxica e a metafísica. Autores coma o propio Boecio, Ibn Rushd, Pierre Abélard ou Duns Scotus escribiron comentarios sobre a Isagoge. Outros pensadores, coma William de Ockham, empregárona nos seus manuais de lóxica.[5]

Edicións[editar | editar a fonte]

Manuscrito árabe da Isagoge

A tradución latina máis antiga, agora perdida, foi elaborada por Marius Victorinus no século IV.[1] O propio Boecio basearíase nesta versión para a súa tradución.[1] Houbo tamén varias traducións ao siríaco, a primeira delas feita no século VII por Atanasio de Balad.[1] Así mesmo, hai constancia dunha edición en armenio, con comentarios de David.[1]

A Isagoge foi vertida ao árabe por Ibn al-Muqaffa, a partir dunha das edicións siríacas, co nome de Isāghūjī.[6] A obra converteuse no manual de lóxica fundamental do mundo islámico, influenciando a evolución da kalam (teoloxía), da falsafa (filosofía), da gramática e da sharia (dereito).[6] A partir dela, moitas obras de lóxica no mundo árabe recibiron o nome de Isāghūjī. O estudo da noción de accidente feita por Porfirio impulsou un longo debate intelectual sobre a aplicación do accidente e a esencia.

Predicables[editar | editar a fonte]

Os predicables (praedicabilis, "aquilo que pode dicirse ou afirmarse") son un termo da lóxica escolástica aplicado á clasificación das posibles relacións que un predicado pode ter co seu suxeito. A listaxe de predicables parte da ofrecida por Aristóteles (Tópicos, 101b 17-25), que inclúe a definición (horos), o genus (genos), a propiedade (idion) e o accidente (sumbebekos). A versión escolástica, que parte da Isagoge de Boecio, modifica a teoría aristotélica substituíndo a definición pola diferenza (diaphora) e as especies (eidos).[4] O método de definición por diairesis, ou diferenciación, xa era coñecido e practicado por Aristóteles.

A árbore de Porfirio[editar | editar a fonte]

Arbor scientiae de Ramon Llull, que emprega a estrutura da arbor porphyriana
Arbor scientiae de Ramon Llull, que emprega a estrutura da arbor porphyriana

Nos textos medievais, a importantísima arbor porphyriana ou árbore de Porfirio ilustra a súa clasificación lóxica da substancia. Aínda a día de hoxe, a taxonomía emprega conceptos deste sistema para clasificar os organismos vivos, como se pode apreciar na cladística.

O problema dos universais[editar | editar a fonte]

Polo momento, como é natural, rexeitarei dicir se os xéneros e especies subsisten, ou se son conceptos illados, puros e nus; ou, de subsistiren, se son corpóreos ou incorpóreos, ou se están separados dos obxectos sensibles, etc. Esta clase de problema é dos máis profundos, e require dunha investigación máis polo miúdo.

A pesar de non afondar no problema, a súa formulación do mesmo é unha das seccións máis influentes da súa obra, xa que as cuestións que formula constitúen a base do debate medieval arredor da cuestión dos universais.[3][4]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 "Porphyry, Introduction (or Isagoge) to the logical Categories of Aristotle.  Preface to the online edition". www.ccel.org. Consultado o 2023-12-10. 
  2. Barnes, J. (2006). Porphyry's Introduction (en inglés). Oxford University Press. 
  3. 3,0 3,1 Gilson, Étienne (2014). La filosofía en la Edad Media (en castelán). Gredos. ISBN 9788424928919. 
  4. 4,0 4,1 4,2 Goris, Wouter; Aertsen, Jan (2019). Zalta, Edward N., ed. Medieval Theories of Transcendentals (Fall 2019 ed.). Metaphysics Research Lab, Stanford University. 
  5. Ockham, Guillerme de (1999). Suma da lóxica. Consellería de Educación e Ordenación Universitaria / Centro Ramón Piñeiro para a investigación en Humanidades. ISBN 84-453-2571-X. 
  6. 6,0 6,1 Ighbariah, Ahmad (2020-09-23). "Ibn al-Muqaffaʿ’s Isagoge: An Edition of the Arabic Text with an English Translation". Journal of Abbasid Studies 7 (1): 57–97. ISSN 2214-2363. doi:10.1163/22142371-12340054. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]