Ilyushin DB-3

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ilyushin DB-3
Tipobombardeiro/torpedeiro
FabricanteIlyushin
Primeiro vooverán de 1935
Principais usuariosForza Aérea Soviética
Forza Aérea de Taiwán
Forza Aérea de Finlandia
Produción1936 - 1939
Unidades construídas1 528

O Ilyushin DB-3, onde "DB" significa Dalniy Bombardirovschik en ruso (bombardeiro de longo alcance), foi un bombardeiro soviético da segunda guerra mundial. Era un monoplano de á baixa bimotor que voou por primeira vez en 1935 e do qye se fabricaron 1 528 unidades. O DB-3 foi o precursor do Ilyushin Il-4 (orixinalmente designado DB-3F).

Deseño e desenvolvemento[editar | editar a fonte]

A xénese do DB-3 estaba no BB-2, o competidor fallado de Sergey Ilyushin contra o Tupolev SB. Ilyushin foi capaz de salvar o traballo e o tempo investido no deseño do BB-2 converténdoo nun bombardeiro de longo alcance, novamente competindo contra un avión de Tupolev, o DB-2, para cumprir os estritos requisitos dunha aeronave capaz de entregar unha carga de bombas de 1 000 kg a unha distancia de 3 000 km, e a unha velocidade máxima non inferior a 350 km/h. Rediseñara o BB-2 para aproveitar o motor radial Gnome-Rhône Mistral Major 14Kdrs, do cal os soviéticos mercaran unha licenza en 1934 como M-85, e comezara a construción do prototipo do BB-2 2K-14 como o TsKB-26 ese mesmo ano.[1]

O TsKB-26 era máis un vehículo de proba de concepto para validar as ideas de Ilyushin sobre como obter longo alcance que un prototipo de bombardeiro real. Para acelerar o proceso de construción tiña unha fuselaxe e unha deriva de madeira con ás e superficies de cola metálicas. Realizou o seu primeiro voo no verán de 1935 e demostrou ser estable, doado de controlar e moi manobrable; realizou o primeiro bucle feito por un avión bimotor na Unión Soviética.[2] Logo estableceu seis récords mundiais na súa clase, xeralmente en carga útil a altura e velocidade nun circuíto pechado de 5 000 km.[2]

O verdadeiro prototipo do DB-3 chamouse TsKB-30 e completouse en marzo de 1936. Tiña varias melloras con respecto o TsKB-26, destacando a súa estrutura completamente metálica, un morro máis longo, unha carlinga deslizante cara popa cun parabrisas fixo e capotas de motor melloradas. O avión pasou as probas de aceptación do Estado e en agosto de 1936 foi ordenada a súa produción como o DB-3,[2] aínda que algunhas fontes fan referencia a esta serie inicial como DB-3S, vindo ese S de seriynyy (construído en serie).[3]

O DB-3 non era un avión sinxelo de fabricar xa que Ilyushin empurrara os límites da tecnoloxía de construción dispoñible para facelo o máis lixeiro posible. Por exemplo, o largueiro de cada panel da á tiña catro partes que había que remachar entre si e había numerosas soldaduras que tiñan que ser inspeccionadas por unha máquina de raios X, con moitos fallos. Ademais, o remachado interno de tubos de pequeno diámetro tamén foi un proceso difícil e lento.[4]

A baía de bombas deseñouse para levar dez bombas FAB-100 de 100 kg, pero podían acomodarse bombas máis pesadas en soportes externos ata un total de 2 500 kg en misións de curto alcance. O armamento defensivo para os tres tripulantes estaba formado por tres metralladoras de 7,62 mm. Unha estaba no morro, manexada polo combardeiro-navegante, e as outras dúas protexían a parte traseira. O artilleiro traseiro manexaba estas dúas metralladoras, unha nunha torreta dorsal e a outra nunha escotilla ventral.[4]

As probas de voo no segundo exemplar de pre-produción, realizadas entre maio e outubro de 1937, revelaron que o seu rendemento era lixeiramente inferior ao TsKB-30, pero aínda superaba os requisitos por unha marxe considerable. O avión acadou unha velocidade de 390 km/h a unha altitude de 5, 000 m. Podía levar unha carga de bombas de 500 kg a unha distancia de 4 000 km ou unha de 1 000 kg a 3 100 km. En comparación, o Heinkel He 111B entón en produción era 10-20 km/h máis lento e podía levar tan só 750 kg de bombas a 1 660 km ou 1 500 kg a 910 km. Estas prestacións convertérono sen dúbida no mellor bombardeiro bimotor do mundo en entrar en servizo en 1937. ese ano fabricáronse 45 DB-3 nas Factoría Nº 39 de Moscova e Nº 18 de Voronezh e o avión entrou en servizo coa Forza Aérea Soviética.[3]

Durante 1938 o motor M-86 mellorado, cunha potencia de 950 cabalos na engalaxe, substituíu ao M-85 na liña de produción. Os avións con este motor denomínanse correctamente DB-3 2M-86, pero ás veces faise referencia a eles como DB-3A, despois do programa de actualización de tres pasos previsto para a aeronave. Ao longo do ano introducíronse outras pequenas modificacións. A Factoría Nº 126 de Komsomolsk-on-Amur tamén comezou a producir DB-3 en 1938.[5]

En 1938-1939 foi introducido o motor Tumansky M-87A na liña de produción nunha transición gradual ao igual que as hélices de paso variable VISh-3. O M-87 tiña a mesma potencia na engalaxe que o M-86, pero era máis potente a grandes altitudes. O M-87B incrementou aínda máis a potencia a altitude e foi introducido en 1939-1940. Estes avións foron coñecidos como DB-3B como parte da segunda etapa do programa de actualización. Os últimos lotes de produción en 1940 tiñan o Tumansky M-88 que producía 1 100 cabalos de potencia na engalaxe. Estes aumentaron a velocidade máxima a 429 km/h a 6 800 metros.[6]

Historial operativo[editar | editar a fonte]

En 1939 30 DB-3 foron proporcionados á Forza Aérea da República da China durante a segunda guerra sino-xaponesa e viron unha intensa acción contra obxectivos xaponeses na rexión de Wuhan desde as súas bases en Sichuan (principalmente usados polo Grupo 8º), antes de ser substituídos por B-24 Liberators en 1943.

Dous DB-3 foron os responsables de derrubar o avión civil finlandés de pasaxeiros e transporte Kaleva, un Junkers Ju 52, o 14 de xuño de 1940.[7]

Os finlandeses capturaron cinco DB-3M que realizaron aterraxes forzosas durante a guerra de inverno e durante 1941 compraron outros seis DB-3M e catro DB-3F/Il-4 das existencias excedentes alemás.

Na noite do 7 ao 8 de agosto de 1941, quince torpedeiros DB-3T da Frota do Báltico lanzaron as primeiras bombas soviéticas sobre Berlín. A partir do 11 de agosto os DB-3F da VVS retomaron os bombardeos.

Variantes[editar | editar a fonte]

TsKB-26
Pprototipo proba de concepto.
TsKB-30
Primeiro prototipo real. Despois modificado, entre outras cousas retirando armamento, para intentar bater récords de longa distancia como o "Moskva". Voou de Moscova ata Spassk-Dalny (7 580 km) en 24 horas e 36 minutos (unha velocidade media de 307 km/h), principalmente a 7 000 m baixo os mandos de Vladimir Kokkinaki e A. M. Berdyanskij, e despois de Moscova á illa Miscou (New Brunswick, Canadá) en 22 horas e 56 minutos, cubrindo 8 000 km a unha velocidade media de 348 km/h.[3]
DB-3 2M-85
Modelo de produciäon inicial.
DB-3 2M-86 (DB-3A)
Motores actualizados ao M-86 e outros cambios menores.
DB-3 2M-87A (DB-3B)
Motores actualizados ao Tumansky M-87A.
DB-3T (TsKB-53)
Torpedeiro construído en 1938, con motores M-86 ou M-87, armado con torpedos 45-36-AN ou 45-36-AV.
DB-3TP
DB-3TP (TsKB-51)
Torpedeiro hidroavión fabricado en 1938. Non entrou en produción.
DB-3M
Primeira gran mellora equipada con dous motores M-87B ou M-88.
DB-3F
Substituíu ao DB-3 en 1940-1944 (ver Il-4).
TsKB-54
Avión de escolta de 1938. Non aceptado para o servizo.
TsKB-56
Variante máis grande de 1940 cunha configuración distinta (á alta e dobre cola) e impulsada por dous motores AM-37. Foi cancelada despois da construción de dous prototipos en favor do Er-2.
DB-4
Designación de produción do TsKB-56, que non avanzou máis aló dos dous prototipos.
Il-4
O DB-3F foi redesignado Il-4 en 1942
Il-6
Versión de bombardeiro de longo alcance impulsado por dous motores diésel Charomskiy ACh-30 ou dous motores radiais M-90.

Operadores[editar | editar a fonte]

DB-3M con escarapelas finesas
China
Finlandia Finlandia
Alemaña nazi Alemaña
Unión Soviética Unión Soviética

Superviventes[editar | editar a fonte]

O único DB-3 supervivente que se coneza atópase no presente exposto no Museo Central da Forza Aérea en Monino, preto de Moscova.[8] O avión atopouse nos bosque de taiga a 120 km de Komsomolsk-on-Amur. Foi recuperado en setembro de 1988 e levado á fábrica da Asociación Industrial de Aeronaves de Irkutsk (AIAI) a bordo dun transporte Ilyushin Il-76. Tras máis dun ano de restauración o avión foi levado a Monino a bordo dun Antonov An-22. O 22 de decembro de 1989 representantes da AIAI entregaron o DB-3 aos responsables do museo.[9]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Gordon, p. 81
  2. 2,0 2,1 2,2 Gordon, p. 82
  3. 3,0 3,1 3,2 Gordon, p. 84
  4. 4,0 4,1 Gordon, p. 83
  5. Gordon, pp. 85-86
  6. Gordon, p. 86
  7. "virtualpilots.fi: tapauskaleva". www.virtualpilots.fi. Consultado o 2024-03-26. 
  8. "Air Force Museum - Monino, Russia". web.archive.org. 2015-04-25. Arquivado dende o orixinal o 25 de abril de 2015. Consultado o 2024-03-27. 
  9. "«Решили восстанавливать бомбардировщик». Единственный в своём роде экспонат Центрального музея ВВС когда-то создали в Иркутске" (en ruso). Consultado o 2024-03-27. 

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Gordon, Yefim; Khazanov, Dmitri (abril de 1999). Soviet Combat Aircraft of the Second World War. 2: Twin-Engined Fighters, Attack Aircraft and Bombers. Earl Shilton, UK: Midland Publishing Ltd. ISBN 1-85780-084-2. 
  • Gordon, Yefim; Komissarov, Dmitriy and Sergey (2004). OKB Ilyushin: A History of the Design Bureau and its Aircraft. London: Ian Allan. ISBN 1-85780-187-3.