Igrexa de Santa María de Goó

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Igrexa de Santa María de Goó
Vista do templo
PaísEspaña
LocalizaciónGoó (O Incio)
Coordenadas42°40′47″N 7°23′39″O / 42.679657000094, -7.3942842268404Coordenadas: 42°40′47″N 7°23′39″O / 42.679657000094, -7.3942842268404
editar datos en Wikidata ]

A igrexa de Santa María de Goó é o templo parroquial de Goó (O Incio). Mantén en bo estado a primitiva fábrica do románico tardío, agás na fachada, no acceso principal e no vello campanario, reconstruído a mediados do século XVIII.

Arquitectura[editar | editar a fonte]

Fachada da igrexa

O templo é de planta rectangular, con muros feitos de laxas de lousa e rematados por unha cornixa corrida sobre modillóns biselados. En cada lateral hai cadansúa ventá rematada en arco de medio punto con amplo derramo interior. Pódese admirar o arco triunfal que parte dunhas pilastras lisas e remata en arco de medio punto, mentres que a ábsida pola súa parte exterior atópase reforzada por seis contrafortes levantados ao longo do seu perímetro. A sancristía é moi posterior ao templo e constitúe un mero engadido ao mesmo. A pobreza dos materiais empregados e unha case total ausencia de motivos decorativos chocan notablemente coa riqueza artística e ornamental dos seus retablos. No interior, atopamos o retablo maior que ocupa toda a parte posterior da ábsida, á que se adapta totalmente. Consta de cinco fornelas separadas entre elas por seis columnas salomónicas. Caracterízao un puro estilo rococó, e posiblemente foi tallado cara aos primeiros anos do século XVIII.[1]

Atópase un interesante sagrario cunha portiña que ten unha representación do Agnus Dei e anxelotes.

O retablo lateral esquerdo, ao igual que maior, foi realizado sobre a segunda metade do século XVIII, pero cunha decoración máis austera. Na parte inferior deste retablo atópase unha serie de pequenas escenas da Paixón do Señor.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]