Ignacio Ellacuría

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Ignacio Ellacuría Beascoechea, nado en Portugalete, Biscaia, o 9 de novembro de 1930 e morto en San Salvador, o 16 de novembro de 1989 foi un filósofo e teólogo vasco nacionalizado salvadoreño.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Ingresou no noviciado da Compañía de Xesús en Loiola. Foi enviado a El Salvador onde estudou filosofía en Quito. Continuou os seus estudos de filosofía en Insbruck onde foi discípulo de Karl Rahner. Fai os seus votos como xesuíta no seu pobo natal en 1962.

Doutorouse en filosofía na Universidade Complutense (1965) onde foi discípulo de Xabier Zubiri.

Destinado a El Salvador, entra na Universidade Centroamericana (UCA) onde, ademais de investigar, se implicará na realidade social do país e asumirá cargos directivos na propia universidade, así como o de Director do Departamento de Filosofía. O xeneral dos xesuítas, padre Arrupe, confíalle a educación dos xoves novicios da compañía na provincia Centroamericana.

A súa obra Teoloxía política encádrao na Teoloxía da liberación. En 1976 empeza a dirixir a Revista de Estudios Americanos. O súa editorial A sus órdenes, mi capital recrudece as hostilidades dos sectores conservadores. Os seus pronunciamentos públicos e o seu traballo social acaban afectando á propia universidade, que sofre a retirada dos apoios estatais, o acoso da dereita salvadoreña e a violencia paramilitar. Tras o asasinato do bispo de San Salvador, Óscar Romero, fica baixo a protección da Embaixada española e sae fóra do país entregándose a unha campaña para dar a coñecer a situación de inxustiza social e represión que se vive no seu país.

En 1983 é nomeado director do Seminario Xabier Zubiri. En 1989 regresa a El Salvador onde continúa coa súa labor de denuncia e de traballo a prol dunha saída negociada ao conflicto civil. Funda con Jon Sobrino a Revista Latinoamericana de Teología.

O 16 de novembro de 1989 foi asasinado por un pelotón do Batallón Atacatl da Forza Armada Salvadoreña xunto con outros cinco xesuítas, unha muller e unha nena.

Obras[editar | editar a fonte]

  • Freedom made Flesh: The Mission of Christ and His Church, Nova Iorque, 1976
  • Conversión de la Iglesia al Reino de Dios, 1984
  • Filosofía de la Realidad Histórica, post mortem.