Hunerico

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Hunerico (antes de 43023 de decembro de 484), rei de vándalos e alanos entre 477 e 484, fillo e sucesor de Xenserico. Aínda príncipe, casa por primeira vez (antes de 451) cunha princesa visigoda, filla do rei Teodorico, que será pouco despois devolta á Galia co nariz cortado e o rostro salvaxemente mutilado. En 455, ou pouco despois, desposa pola forza a Eudoxia, filla do emperador Valentiniano III, que fora levada como refén a Cartago e mantida durante sete anos como prisioneira de Xenserico, á que repudiará no ano 472. Desta unión nacerá o futuro rei Hilderico.

En xaneiro de 477, Xenserico morre octoxenario logo dun reinado de medio século. Tan pronto como Hunerico accede ao trono, fai asasinar ou executar a dous dos seus irmáns aínda vivos, Teuderico e Teoderico, así como ás súas esposas e fillos.

Malia profesar o arianismo, ao comezo do seu reinado mostrouse tolerante cos católicos, perseguindo en cambio aos seguidores do maniqueísmo que se instalaron con puxanza no norte de África. A requirimento do emperador Zenón chega a permitir en 481 a elección dun novo bispo católico de Cartago, vinte e catro anos logo da supresión do bispado por Xenserico. En 483, con todo, prohibe novamente a sede católica de Cartago e desterra ao bispo Uxío ao sur de Tunisia. A súa política relixiosa foi contraditoria, ata o punto de que, tras permitir o 1 de febreiro de 484 un encontro entre bispos arianos e católicos, o 24 de febreiro do mesmo ano promulga un edicto polo que se declara a estes últimos herexes en caso de non abrazaren a doutrina ariana. Numerosos clérigos parten ao exilio, mentres que outros son confinados no sur do seu reino, torturados ou mortos na fogueira.

No relativo á política exterior, logrou manter o control vándalo sobre as illas do Mediterráneo Occidental, fortalecendo a súa armada. No interior de África, en cambio, os bérberes iniciaron as súas conquistas en territorio alxeriano, creando aos vándalos grandes problemas loxísticos por mor dos continuos ataques que obstaculizaban a comunicación entre os seus asentamentos de Cartago e Tánxer.

Alcanzado pola peste a finais do ano 484 (un castigo divino, segundo os católicos), morreu o 23 de decembro do mesmo ano, sendo sucedido polo seu sobriño Guntamundo.

Reino dos vándalos

Segue a:
Xenserico
Hunerico
Precede a:
Guntamundo