Guntamundo
Guntamundo (sobre 450-496), rei de vándalos e alanos (484-496), foi o terceiro soberano do reino norteafricano dos vándalos. Era fillo de Xento, o cuarto e máis novo dos fillos de Xenserico e, como home de máis idade da casa real e, de acordo coas leis promulgadas polo seu avó, accedeu ao trono á morte do seu tío Hunerico.
Guntamundo beneficiouse durante todo o seu reinado do feito de os seus máis poderosos rivais (visigodos, ostrogodos e o Imperio Bizantino, estaren enleados en guerras que lles impediron actuar contra un reino vándalo que declinara grandemente tras o seu apoxeo na época de Xenserico. Tivo que facer fronte, en cambio, ás incursións bérberes, que incrementaron cada vez máis a presión sobre o seu reino.
Aínda que, como os seus predecesores, profesaba a fe ariana, cesou na persecución aos católicos, cousa que axudou a estabilizar a economía do reino que, baixo o reinado de Hunerico, chegara ao borde do colapso.
Morto en 496 no transcurso dunha cacería de cervos, sucedeuno o seu irmán Trasamundo, quen resultou moito menos eficaz na súa tarefa como gobernante.
| Reino dos vándalos | ||
|---|---|---|
Segue a: Hunerico |
Guntamundo | Precede a: Trasamundo |