Historia rexional

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A Historia rexional é a segmentación do obxecto da ciencia histórica para restrinxirse á rexión.

Aínda que o termo rexión é moi ambiguo, ademais de polisémico por poder referirse a moi distintas escalas espaciais para un territorio, a súa utilización no contexto da expresión historia rexional normalmente designa á fracción territorial dunha nación-estado. Atópase por encima dalgunhas divisións administrativas (provincia galega ou departamento francés), e adoita coincidir con outras (comunidade autónoma española, lander alemán). O concepto de rexión é máis potente en xeografía, onde hai unha maior tradición de xeografía rexional.

Aínda que o termo rexión poida empregarse noutros sentidos, ben sexa o dos particularismos nacionais (Historia de España, de Francia...) ou o dos supranacionais (Historia do Mediterráneo, do Mundo Islámico, do Mercosur...) o concepto de historia rexional non adoita aplicarse a eles pois pasaría a carecer de capacidade discriminativa: todas as historias particulares (historia nacional, historia local, historia continental...) serían historias rexionais, en tanto non se refiren á Historia universal e si ás historias dos "diferentes espíritos dos pobos" (volkgeist) ou da división correspondente; estando en interrelación dialéctica a relación entre a parte (historia rexional) e o todo (historia universal), e sendo esta a necesaria unidade da totalidade daquelas (o que se separa da totalidade histórica -a rexión- debe logo ser restituído á totalidade da que forma parte como síntese).[1]

A posibilidade de facer historia rexional vén moitas veces como consecuencia da demanda das institucións políticas de base territorial rexional (ou sexa cal for a denominación da demarcación subestatal e supramunicipal) que desexan xustificar a súa propia existencia, levando ás veces a expresións tan ucrónicas como "os castelán-manchegos da Idade Media", por exemplo. Noutras ocasións, a coincidencia da rexión con entidades políticas propias no pasado (como os reinos medievais) xustifícaa con menos dificultade. Existen para o caso de España numerosas historias rexionais (de Andalucía, Aragón, Galicia...). A reivindicación nacionalista fai que sexan para moitos indistinguibles ou intercambiables os conceptos de historia rexional e historia nacional (Cataluña, País Vasco...).

A renovación da historiografía de mediados do século XX que supuxo a Escola dos Annales non só aumentou o campo da historia nacional á historia das civilizacións (Fernand Braudel), senón que incentivou aos historiadores a buscar obxectos de estudo máis concretos. Iso motivou que fosen hispanistas franceses os que introducisen o novo método en España. Un exemplo de síntese rexional (máis aló de consideracións nacionalistas) é Cataluña na España Moderna, de Pierre Vilar. Outro exemplo é o de Bartolomeu Bennassar Valladolid au siècle d'or. Une ville de Castille et sa campagne au XVe. siècle,[2] que ao concretar o espazo restrinxíndoo a unha cidade e a súa contorna, entronca con outra disciplina, a historia local, aínda que claramente supera no seu estudo ata as dimensións comarcais. Para Francia, un modelo sería Beauvais et les beuvaisins, de Pierre Goubert.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Hegel; Di Cione, 2005.
  2. París, A Haia Mouton, 1967

Véxase tamén[editar | editar a fonte]