Hasan II de Marrocos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Hasan II.

Al-Hasan ibn Muhammad ou Hasan II, nado en Rabat o 9 de xullo de 1929 e finado no mesmo lugar o 23 de xullo de 1999, foi rei de Marrocos dende 1961 ata o seu pasamento. Foi o fillo maior de Mohammed V, sultán primeiro e rei de Marrocos despois.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Foi enviado ao exilio en Madagascar polas autoridades francesas en 1953 xunto co seu pai Mohammed V, aínda que se lle permitiu retornar en 1955, ano en que se estableceu o reino. Durante os disturbios de 1956, dirixiu a represión contra os bereberes sublevados nas montañas do Rif. Foi proclamado príncipe en 1957, e converteuse en rei despois da morte do seu pai en 1961.

Ordenou o secuestro de Mehdi Ben Barka o 29 de outubro de 1965, líder demócrata marroquí. Dende entón non se sabe nada del.

O seu goberno conservador fortaleceu a dinastía alauí e anexionouse o Sahara Occidental coa Marcha Verde de 1975. Puxo en marcha un sistema parlamentario no que, porén, tiña moitas prerrogativas e onde o Majzen funcionaba coma un Estado paralelo. Na práctica, o sistema que rexiu e que logo chegou ó seu fillo parecíase máis a unha monarquía absoluta que a unha monarquía constitucional de tipo europeo. Co engadido de que a familia real era propietaria directa de boa parte das terras, industrias e recursos do país. Durante o seu reinado existiu unha férrea represión política baixo a que desapareceron varios milleiros de persoas. Tras a súa morte, o seu sucesor tivo que facerse eco das demandas sociais sobre o particular e crear mecanismos institucionais de investigación e compensación económicas das vítimas.

Sufriu varios intentos de asasinato dos que saíu ileso de forma milagrosa, o que foi utilizado para crearlle certa aura de personaxe santo ou elixido por Deus. Nunha ocasión, os conxurados estaban tan seguros de que non sobrevivira que se chegou a anunciar a proclamación da república polas radios do país.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Hasan II de Marruecos