Franz Jägerstätter

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Franz Jägerstätter, nado en Radegund (Austria) o 20 de maio de 1907 e executado en Berlín o 9 de agosto de 1943, foi un labrego austríaco contrario ao nazismo, e abandeirado da obxección de conciencia.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Marcado dende a súa infancia pola súa condición de fillo extramatrimonial, foi criado pola súa avoa materna Elisabeth Hubert, sendo o seu primeiro nome Franz Hubert. Seu pai natural morreu na Primeira Guerra Mundial. Foi finalmente adoptado polo esposo da súa nai de quen tomou o apelido. Cando este enfermou, púxose ao fronte da súa granxa. De carácter violento, viuse envolto en liortas e pelexas ata o punto de ser arrestado en 1934. Imbuído do ambiente católico da Austria rural, tivo unha filla natural en 1933 (Hildegard Auer), o que lle ocasionou incomprensións veciñais. Traballou na mina e ocupouse do sostemento material da nai e o seu fillo. En 1936 casou con Franziska Schawaninger coa que tivo tres fillas.

Unha viaxe de noivos a Roma exacerbou o seu sentimento relixioso, comezando a practicar un Igrexa Católica radical contrario ao nacionalsocialismo. En 1938 significouse por ser o único veciño do súa vila en votar en contra contra o Anschluss, ou unión entre Alemaña e Austria. A súa posición crítica levouno a abandonar a Asociación Nacional de Agricultores Austríacos, a non contribuír nas colectas a prol da causa nazi e a rexeitar axudas do Goberno.

Comezada a Segunda Guerra Mundial, negouse a ser recrutado. Aduciu que repudiaba a guerra, que non podía xurar fidelidade a Hitler e que non compartía os ideais nazis que consideraba anticristiáns. Na súa comunidade foi considerado un antipatriota desleal a Alemaña e a Austria e un pusilánime. Acusárono de non querer defender a Austria contra o comunismo e o exército roxo. O seu párroco, Joseph Karobath tentou convencelo de que a súa posición se trataba de prexuízos ideolóxicos, aínda que tamén el acabou confinado por predicar no púlpito contra os ideais nazis. O novo párroco, Furthauer, pese a todo, fixo a Jägerstätter sancristán o cal continuou significándose como un opositor ao III Reich. O bispo de Linz aconselloulle en van que declinara a súa actitude.

En 1943, Franz Jägerstätter foi arrestado e encarcerado en Linz entre marzo e maio. Abriuse contra el un proceso por desmoralización e insumisión que o levou á capital do Reich para ser xulgado. Foi torturado, sentenciado o 14 de xullo e decapitado o 9 de agosto de 1943 en Berlín.

Foi beatificado por Bieito XVI o 26 de outubro (día nacional de Austria) de 2007.