Frank Schmidt

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Frank Schmidt
Información persoal
Nome Frank Schmidt
Nacemento 3 de xaneiro de 1974
Lugar de nacemento Heidenheim an der Brenz
Posición Defensa
Información de club
Club actual 1. FC Heidenheim (ad.)
Carreira xuvenil
SC Giengen
TSC Giengen
SSV Ulm
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
1992–1994 1. FC Nürnberg II 50 (10)
1992–1994 1. FC Nürnberg 0 (0)
1994–1996 TSV Vestenbergsgreuth 51 (10)
1996–1997 Greuther Fürth 5 (1)
1997 Wiener SC 13 (3)
1997–1998 First Vienna FC 28 (2)
1998–2003 Alemannia Aachen 101 (18)
2003 Waldhof Mannheim 8 (0)
2003–2007 1. FC Heidenheim 112 (22)
Total 368 (66)
Selección nacional
Alemaña sub-20
Adestrador
2007– 1. FC Heidenheim
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

Frank Schmidt, nado en Heidenheim o 3 de xaneiro de 1974, é un exfutbolista e adestrador alemán, que dende 2007 dirixe o 1. FC Heidenheim, actualmente na Bundesliga. É o adestrador con máis tempo á fronte dun mesmo club na historia do fútbol alemán, con máis de 16 anos no banco do Heidenheim, ao que levou dende a cuarta categoría do fútbol alemán á Bundesliga.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Como xogador[editar | editar a fonte]

Formouse nas canteiras do Giengen e do Ulm, pasando en 1992 ao filial do Nürnberg, no que militou durante os seguintes dous anos. Debutou co primeiro equipo na primeira rolda da Copa de Alemaña 1992/93, substituíndo a Hans Dorfner na vitoria por 7-1 ante o TSV Osterholz. En xaneiro de 1994 pasou ao TSV Vestenbergsgreuth, da Oberliga Bayern. Na súa primeira tempada contribuíu á clasificación para o novo terceiro nivel do fútbol alemán, a Regionalliga Süd, e ao ano seguinte formou parte do equipo que deu a sorpresa na primeira rolda da Copa, ao eliminar ao poderoso Bayern de Múnic por 1–0.

En 1996, o TSV Vestenbergsgreuth fusionouse co SpVgg Fürth para formar o SpVgg Greuther Fürth, e Schmidt continuou no novo club, aínda que contou con poucos minutos, polo que en 1997 fichou polo Wiener SC, de Austria. Despois de seis meses co WSC, pasou ao First Vienna, co que xogou durante un ano na segunda división austríaca, antes de regresar a Alemaña para fichar polo Alemannia Aachen.

A primeira tempada de Schmidt en Aquisgrán culminou coa conquista da Regionalliga West/Südwest e o ascenso á 2. Bundesliga, aínda que se viu marcada pola triste morte do adestrador Werner Fuchs pouco antes do final da competición. Schmidt foi un habitual do primeiro equipo na primeira metade da tempada do Aachen na segunda división, pero unha lesión sufrida nun partido contra o Tennis Borussia Berlin deixouno fóra dos campos de fútbol durante case todo o ano 2000. Reapareceu para a segunda metade da 2000/01, e foi un habitual do primeiro equipo durante a 2001/02, na que o club evitou por pouco do descenso. Con todo, coas fichaxes de xogadores como Alexander Klitzpera e Quido Lanzaat perdeu protagonismo no equipo, deixando o club en xaneiro de 2003, para fichar polo SV Waldhof Mannheim, da mesma categoría.

Xogou oito partidos co Waldhof sen poder evitar o descenso, e a continuación fichou polo club da súa cidade natal, o Heidenheimer SB, da Verbandsliga Württemberg (quinta categoría). Na súa primeira tempada conseguiu o ascenso á Oberliga Baden-Württemberg e militou nesta categoría durante tres tempadas máis, acabando cada ano entre os cinco primeiros postos, antes de retirarse como xogador ao final da tempada 2006/07.

Selección nacional[editar | editar a fonte]

Foi convocado pola selección alemá sub-20 para o Copa do Mundo de Fútbol Xuvenil de 1993 en Australia. Fixo unha aparición durante o torneo, como substituto de Carsten Jancker nun empate 2-2 con Ghana, pero o equipo foi eliminado na primeira rolda.

Como adestrador[editar | editar a fonte]

En 2007, a sección de fútbol de Heidenheimer SB separouse do seu club matriz e adoptou un novo nome: 1. FC Heidenheim. Pouco despois do comezo da tempada 2007/08, o adestrador Dieter Märkle foi destituído e Schmidt foi contratado para substituílo. Conseguiu un cuarto posto na súa primeira tempada á fronte, o suficiente para clasificarse para a Regionalliga Süd, que se convertería na cuarta categoría do fútbol alemán, trala introdución dunha nova división nacional, a 3. Liga, á que o Heidenheim ascendeu ao ano seguinte (2009) tras gañar o título da Regionalliga Süd. Schmidt dirixiu o club durante cinco anos nesta categoría, rematando sempre na metade superior da táboa, ata se proclamou campión na 2013/14, obtendo así o ascenso á 2. Bundesliga.

Despois de nove anos na segunda división do fútbol alemán, o 28 de maio de 2023, Schmidt levou o Heidenheim á Bundesliga por primeira vez na súa historia, grazas aos dous goles no tempo de desconto na derradeira xornada ante o Jahn Regensburg (3-2). Con esta vitoria o equipo proclamouse campión da categoría por diante do Darmstadt 98.

O 17 de setembro de 2023 converteuse no adestrador que máis tempo se mantivo nun mesmo club na historia do fútbol alemán, superando os 16 anos de Volker Finke á fronte do Freiburg.[1]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "1. FC Heidenheim 1846 4-2 Werder Bremen". BBC (en inglés). 17 de setembro 2023. Consultado o 28 de xaneiro de 2024.